O carreiro pra bicis que serpea en paralelo ao canal é bastante irregular. Ao primeiro ten bastante sábrego e fochancas, pero logo xa se estabiliza en terra que, na proximidade dos túneles e das pontes, é lama. Ás veces a vexetación está apartada, pero outras anda medrada e bótanse as ortigas e as silveiras ao camiño, e sinto o rabuñar contra as canivelas. Os campos que quedan aos lados están todos cultivados, e onde non, aparecen as meadows, un vizoso ecosistema de onde choutan os coellos xusto por diante das rodas. Ás veces hai tamén granxas, e cheira o canal a esterco. Pero outras hai pradeiras botadas a margaridas, e é o aire todo recendo de macela. O sol alterna coa brétema. Os paisanos que cruzo no camiño saúdan.
Erguémonos cedo, moi cedo. A aldea comeza a espertar e séntense algúns galos, e tamén algúns coches.
Hai aló no fondo uns trigais, pero vense sobre todo leiras deixadas a barbeito dende hai anos e silveiras que loitan contra o secaño. Algunhas oliveiras vixían dende os outeiros, coidadosamente chapodadas a choleja.
Nos fíos eléctricos pousan estorniños, pardais, unha laverca, xílgaros, pombas e rolas, e sobre o patio bótanse en picado os anduróns, que aproveitan a alba pra cazar os mosquitos contra as tapias.
Mexamos na horta, ao pé dunha amendoeira. Subimos ao coche e pechamos o cancelo. Baixamos á cidade.
Cando xa tiña unha conspiración fantástica artellada pra explicar os rarunos resultados electorais de pequenas formacións políticas, cando xa imaxinaba a axentes electorais a soldo de rubalcaba vendendo sufraxios no mercado negro… plam! vén @mourullo e derruba esta conspiración e a das Torres Xémeas cunha mesma ligazón: a da orde das candidaturas, que é por lista de chegada á oficina.
Por que o MSR saca resultados extraordinarios en Benicássim, no Irixo ou en Ordes? Miramos a lista e… chindi! xusto despois do PSOE está a candidatura do MSR. Será posible que algún factor humano se trabucase e lle asignase os votos dun partido ao que ten na cela de abaixo?
Pero… e os resultados do Pacma en San Sadurniño? O Pacma vai xusto antes do Psoe! E os resultados de Falange Española en Verín?… O Bloque, xusto despois. E os resultados de IZAN-RG na Baña? O Bloque, xusto antes. Por que saca Extremadura Unida máis votos en Madrid ca en Estremadura e é o quinto máis votado en Ávila? Quizais porque está despois có PP? E por que saca o Prepal máis votos en Barcelona ca en toda a provincia de Salamanca? Talvez porque está antes ca IU?
Que tristeza: unha conspiración máis pró carallo! Ora que, de ser verdade que os dedos temblorosos dun axente electoral causaron semellante estropicio, alguén vai ter que contar outra vez todo. Calquera parecido entre os votos emitidos e os votos contados é, neste momento, pura coincidencia.
Ao parecer, a candidatura que o ministro-atleta converteu en voceira do independentismo violento vasco, anuncia varias denuncias de votos desaparecidos. Casa tan ben coa paranoia como coa persecución. Á luz diso, anque evidentemente non relacionado, hai quen repara nalgúns datos curiosos do reconto electoral. Eu furo algo na provincia ateniense e flipo:
- O MSR, un partido ultradereitista afortunadamente moi minoritario, consegue 149 votos en toda a provincia. Ata aí, non é demasiado sorprendente. Hai un bo coeficiente de aleatoriedade no voto, e ata os andalucistas sacaron un pola Teixeira. O estraño é cando se miran os datos por concellos: o MSR obtén 3 votos en Ourense, 2 votos no Carballiño, un voto en trece concellos máis, 64 votos en Verín e 66 votos no Irixo. No Irixo consegue o 8% dos sufraxios, ademais, máis da metade do que sacan os socialistas e superando o Bloque. Mirado dende o outro lado, o MSR saca o 44% dos seus votos ourensáns no Irixo, o 42% en Verín, e o 14% restante, a repartir.
- En menor proporción sucede algo así coa Falange Española en Lobios, onde obtén 43 sufraxios, o 40% dos votos na provincia. Poderiamos aducir que a Falange é un partido coñecido, e que as poucas veces que se presenta os seus simpatizantes aproveitan. Pois non. Nas anteriores europeas obtivo só 1 voto, e nas de 1994 (no 99 non se presentou), ningún. Ningunha outra falanxe ou partido ultradereitista rañou nada nos últimos anos en Lobios.
- Tamén pasa algo así co PACMA. É verdade que o PACMA tivo o voto moi repartido, e que en concellos grandes sacou aínda media ducia de votos. Pero no concello de Monterrei obtivo 48 sufraxios, o 22% do conseguido en toda a provincia.
Seique suceden cousas semellantes na Baña, en Ordes ou en San Sadurniño. Grallas de censo? Mans nas caixas? Erros informáticos? Azar? Debemos temer pola solta de visóns en Monterrei? Ou por un golpe de estado racista no Irixo?
Copiando a Calidonia.
1. A esquerda baixa en toda Europa e non é substituída por forzas máis á esquerda. Quizais non estea a piques de colapsar o capitalismo. Quizais tampouco os cidadáns queiran que iso suceda.
2. As clases medias que antes votaban a esquerda desprazan o seu voto a partidos que reivindican liberdades —reais ou aparentes— e a partidos que teñen como obxectivo fundamental a loita contra o cambio climático. Esas son as preocupacións.
3. As clases baixas que antes votaban a esquerda desprazan o seu voto a partidos de ultradereita e antimigratorios. A solidariedade ben entendida empeza por un mesmo.
4. Os países onde a corrupción é unha práctica social estendida e respectada, respaldan con forza os seus líderes corruptos.
5. O Bloque está morto. E non por votos —eu agardaba algo peor—, senón por actitude. O desprezo que a organización tivo pola candidata e por Europa son unicamente o sinal do inmobilismo, do enferruxamento das estruturas, do discurso rancio e resistencialista, e da incapacidade por achegar unha soa idea que mova os galegos. Por non falar de machismo. Só hai unha solución: montar outra cousa. Ou outras. E eu xa ando nesas.
Mañá son as eleccións europeas aquí, que votamos en xoves. E non teño moita idea de a quen votar.
- Verdes: A favor: a loita contra o cambio climático ten que ser o centro da política europea nos vindeiros cinco anos. Tamén coincido con eles en valores morais, en política de software e de liberdades individuais. En contra: en Escocia repártense seis escanos, co que a candidata ten que obter máis de 110.000 votos, ou sexa, pasar dun 6% a un 11%. Non é nada doado.
- Nacionalistas: A favor, están a facer un gran goberno en Escocia. En case todas as políticas europeas están de acordo cos Verdes. Ademais, un bo resultado deles significa ademais un pau detrás das orellas aos laboristas, e tamén me gustaría dárllelo. En contra: os dous candidatos a eurodeputados son homes, e completan a lista tres homes e só unha muller máis. Ademais, van sacar dous escanos, e é moi moi difícil tanto que perdan un como que gañen outro.
- Liberais: A favor: ideoloxicamente son os que me representan. Teñen tics que me sacan das virillas, como ese discurso paranoico sobre o control ao individuo que moitas veces non se traduce na defensa práctica do software libre ou de medidas restritivas á vixilancia nos concellos onde gobernan, pero en xeral son os que máis me molan. O seu escano está no aire e podería ir parar aos conservadores. En contra: estes tamén non mandan máis ca homes a Bruxelas.
Pídese consello, etc. E van tres post seguidos así.
E mira que lles dixen: quero votar neste país. Pero eles veña a descontrolar o censo, eles veña a non facer caso, veña a incluírme nas listas. E eu que non, e eles que veña. Hoxe chegoume a carta pra votar na ghalleira, con todas as papeletas —unha delas, descolocada—. Así que é de imaxinar que figuro nunha lista do censo e que, tecnicamente, podo votar dúas veces. E aí abrocha o dilema moral:
- voto á
candidaturapersoa que máis me satisface, anque diso se derive a ilegalidade de votar dobre? - voto nulo, expresando que o censo galego é un cachondeo, anque siga cometendo a ilegalidade de votar dobre?
- abstéñome, co cal me adhiro, contra o máis firme dos meus principios, a esa maioría de xente vai optar por non votar nestas eleccións?
Pídese consello, confirmación, rexeite, etc.
Actualización: un amable e prezado lector envía esta puntualización técnica: “O CERA mándase de oficio. O Censo Electoral de cada provincia manda logo un arquivo á Audiencia Provincial coa relación de españois que solicitaron o voto no seu país europeo de residencia, para que non contabilice o voto“. Ou sexa, non só teño un gran dilema. Ademais é moi probable que o meu dilema sexa inútil.
O outro tema que me remoe é o do esvaecemento virtual. Ata o de agora eu, Cesare, fun un ser máis ou menos complexo e, en moitos aspectos, completamente distinto dun curmán seu que ás veces andaba por aí. Cesare e o seu curmán nunca actuaron con demasiado secretismo —nin lles preocupou— respecto da súa relación, sempre que google non os vinculase. Algunha vez Cesare —outras o seu curmán— mandou correos pedindo que deixasen de relacionalos publicamente, algo que a min —ou ao meu curmán— me resultaba moi incómodo pois sabía que estaba violentando un dos principios de internet: todo o poder nas mans dos outros.
Hai uns días tres persoas completamente descoñecidas pró meu curmán achegáronse a el e dixéronlle: “ti es Cesare, non es?”. Non vou dicir se con posterioridade, por un cualificativo mal posto, por un ferrete mal botado, esas tres persoas lle partiron os fuciños ou non: iso é a vidiña do meu curmán.
Pero non é xusto que o meu curmán leve por min culpas que non ten. Ou ten? E ese é o segundo tema do suicidio: facer equipo cando todas as redes tenden a converxer, ou actuar por libre e tratar de gañarlle tempo a google? E pídese consello. Confirmación ou rexeite.

O sábado estabamos mirando o mar en cabo Neist, no oeste da illa de Skye. A paraxe é moito máis ca espectacular e, como todas as cousas boas, chegamos ata ela de casualidade. Na punta, ao remate dunha longa lingua de xeométricos basaltos, había un par de pescadores e unha familia que miraba os mascatos ascenderen corenta pés e deixárense caer como foguetes pra embrochetar o peixe. Non estaban sós: ao fondo había diversas especies de gaivotas, pero tamén mobellas, araos romeiros e de á branca, focas e mais fulmares. Así pasaba o tempo, entre os mergullos dos mascatos a non máis de vinte iardas de nós, caendo o mediodía, ata que Itopo dá aviso: aló, á dereita, dende por baixo do faro, achéganse uha pequena manda de golfiños. Os golfiños vanse abeirando, catro adultos e unha cría, ata onde estamos nós: os pescadores retiran os anzois e todos gardamos silencio: miramos pra eles, emocionados, escoitando o ruído que fan ao saír lixeiramente por riba da auga e volverse agochar. A cinco iardas deles, sentíndolles a respiración, tiven unha desas experiencias interespecie que fai que todo o edificio intelectual abanee un pouco.
Por iso este post se chama suicidio. Non, non sinto pulsión por rematar coa experiencia da vida que é, de por parte, un pleonasmo. Pero dende hai un tempo veño remoendo nos propósitos disto todo, tantimais cando me achego eu mesmo a un deses cabos que haberá que virar, como fixeron os golfiños. E logo desaparecer na auga fría.
Teño no faiado da cabeza un par de posts que andan remoendo. Algún deles é realmente importante, e por iso quizais está demorando demasiado.
E non quería escribir ningún outro antes deses, pero acabo de recibir unha carta dende suíza pra que vote PSOE nas europeas. A campaña aínda non comezou, e agradeceríalle a mourullo e outros expertos que me explicasen se é legal pedirme o voto tal día coma hoxe. Pero o peor é o texto. Copio tres anacos.
Le pondremos un ejemplo: hace unos meses la derecha pretendió implantar en toda Europa la jornada laboral de 65 horas semanales. Los socialistas españoles nos enfrentamos a ello y conseguimos frenarlo.
[...]
No es verdad, como pretenden el PP y la derecha europea, que para que la economía se recupere sea necesario facilitar los despidos, bajar los salarios y las pensiones, desproteger a los desempleados y debilitar la educación pública y la sanidad.
[...]
Esta crisis no la han provocado los trabajadores ni las familias. La ha provocado la codicia y la falta de control sobre los mercados financieros amparada por la política y los políticos de la derecha. [...] Quienes con sus ideas equivocadas nos condujeron a esta crisis no serán quienes nos saquen de ella.
[...]
Hay dos caminos. Los ciudadanos americanos lo vieron claro [...] Ahora nos toca a los europeos.
Vou votar no meu país, así que esta carta non afectará as miñas decisións. Pero había tempo que un político non me dicía, de forma persoal, semellante arramalle de mentiras, orgullos e falsidades. Se estes son os seus argumentos, señor zapatero, por favor, dimita.
