eñeMáis cousas da Raíña de Sada. Na habita ten catro figuriñas de gardacivís. El di que “eses policías son tejeros”. Tamén ten unha tenda de campaña, modelo iglú, chantada no medio da habita. Non é práctico, pero ten o seu morbo.
E máis: conta uns contos estrañísimos, como se estivese liberando toda a enerxía do universo. Onte, por esas cousas da vida, comezoume a contar por que existía o Ñ: ao parecer, o N e o N eran irmás xémeas, pero un deses N choraba moito e non sei que, e non sei que máis, e ao final unha bolboreta fóiselle pousar enriba e quedou para sempre convertida en Ñ (e non en eneagá). Ao remate do conto fíxome pedagóxicas preguntas para avaliar o meu grao de comprensión. Eu, que estivera máis ocupado noutras angueiras, fracasei. A todos nos iría mellor se se preocupase el tamén desas mesmas angueiras e aparcase a literatura.

Por iso remato hoxe aquí xa: Ulises ten artrose, eu diarrea, estou en Ourense e chove.


Leave a Comment