berlín

Esta aventura blogueira, que se prolonga demasiado, deume tantirmas satisfaccións, que xa non entendo ben o que sería eu sen esoutro que postea e comenta. Médranme tensións, como a de agardar polo fillo de Opaco sen saber cómo se vai chamar, ou a anguria súpeta de que Jean-sol estea no hospital (alí non hai internet nin discos vellos). Ou rexoubes, como ver nel a Florbela, a Peke, a Iop e a Kate xuntas, nun retruque cruzado e compartido.

A miña vida abloguéase, tamén. E cando recibo un fermoso correo éntrame a ansia de postealo, como o de Berlín e o seu baldeo de balcón: Como estaba cos meus tenis de andar por fóra e non os quería mollar, decidín que o mellor que podía facer era poñer as miñas chinelas, as flip-flop do verán, e así poder baldear a gusto. E remanguei os vaqueiros, e veña auga! A rodar! Como a porta do balcón estaba aberta entroume unha pouca para dentro da casa; ademais os sumidoiros estaban fartos de estar entupidos, así que ao principio aquilo do baldeo foi un pouco caótico, comigo saltando dun sitio para outro tentando solucionar varios desperfectos a un tempo.

Despois de lelo, merco dúas plantas prá casa. Unha begonia rarita, e outra que non ten nome. Teño que pasar pola florería pra apuntar os nomes. Xa contarei.


Leave a Comment