O segundo asalto sobre londres é maxia. Coñezo o moderno, e tamén o paqui, e o rico e o tranquilo. Londres sábeme a londres e aprendo ese estraño olor a manteiga das rúas: tento memorizalo.
Baixo do bus en Notting Hill. Logo a catedral de San Paulo. A ponte do Milenio, deseñada por un ourensán. E a Tate Modern, ese prodixio: do caixeiro totalmente gótico (Ralph) á araña de Bourgeois pasando por eses imponentes sanduiches, todo é espazo e beleza. Despois paseo pola ribeira sur: teatro do Globe, mercado de Southwark (nel deixo medio corazón atado a un vendedor de queixos), catedral de Southwark, e o fabuloso More London, de espellos e edificios lixeiros. A ponte da Torre, e a Torre mesma. Agardo, pasan os minutos e repouso mirando prós turistas. Xanto un biscoito de cenoura e penso nesa xente que di que aquí se come mal.
Despois descubro un rapaz fracote, moderno e precioso. Leva unha máquina de fotos, das miñas, das vellas: intérnase na City, e decido seguilo. Fotografía o mesmo ca min, e decátase de que o sigo: o edificio da Lloyds, o Baltic Exchange, tantas e tantas imaxes fascinantes, perdidas agora pra min e das que se garda copia nun carrete en san francisco ou quizais en melbourne. Perdéuseme o fotógrafo na Liverpool Station, pillei o metro cara máis ao leste e parei en Poplar, unha zona espectacular de peiraos fluviais e rañaceos de vidro. Na estación de Canary Wharf unha cantante interpretaba arias en inglés (maybe Purcell). Despois King’s Cross, coa súa plataforma 9 e 3/4 (existe!!), a vella igrexa de San Pancracio, o gasoducto, unha camiñada por Somers’ Town, Mornington, Euston, Regent’s Park… e outra vez metro ata Pimlico, barrio onde a vida parece tan sinxela. Paseo pola ribeira norte: Lupus Street, vistas da central eléctrica de Battersea, a pagoda da paz (regalada por unha seita budista xaponesa á cidade), e Chelsea, andando entre casas que levan alí mil anos habitadas por xente que leva alí mil anos.
Pra desfacer o debate de Jean-Sol entre Arsenal e Chelsea, eu torzo polo Tottenham e vou ata o Soho. Do que sucedeu a partir do partido de fútbol entre franceses e gregos diante dunha cervexa e nun pub rexentado por italianos, creo que xa falei.
Amo londres.


Leave a Comment