devanceiros

Dígolle ao meu pai de ir ao camposanto, pois quero saber onde están os meus avós. Nin meu pai nin miña nai van nunca, e non lembran exactamente onde repousan os nosos devanceiros. Nun día soleado comprobamos que o nicho onde estaba o pai de meu pai, e inda os seus pais, desapareceu. Están desafectando pouco e pouco as tumbas, e converténdoas en baleiro (unha manobra urbanística, temo). Meu pai, que contaba coa posibilidade de que iso se producise, mira e remira perplexo. Dubida se se trabucaría de nichos. Pero non: aquel baleiro era dos nosos.

Miña avoa aínda está, noutra parte. Tamén unha tía-avoa de meu pai, que facía hostias na parroquia, protexida cunha canceliña roubada doutra tumba grazas á amizade cun soterrador.

Un día volveremos e xa non estarán, desafectadas todas. Ou quizais non volveremos, e nunca ninguén se decatará de que xa non están.


Leave a Comment