música antiga

Por sorte, teño que seguir falando de Pinganobeizo. É un rapaz pequeneiro, precioso e de pelo crecho, que fala ben sete linguas (entre elas o galés), ademais dun pouquiño francés. Mólame abondo, e levo quince días camiñando co apoio das súas mensas e correos, ben paveras.

Porén, a outra madrugada, cando xa me ían arrubiando as fazulas da confianza, quíxenlle dar un bico de despedida e botou a correr. Derrubeime. Mais ao día seguinte continuaron mensas e correos sobre palabras árabes, nomes en romanés da xoaniña e citas posibles. Diante dun mencía trázolle o escenario: creo que está liado ou medio-liado con outro. Dime que si, un italiano, dende hai un mes: pero o italiano hai quince días que marchou e non sabe cando voltará, se volve. Acabamos o día nunha repichoca de gaitas e tamborís, bailando, mirándonos aos ollos e dicíndonos cousas lindas.

Queda por diante un gran campeiro de estratexias a verdecer.


Leave a Comment