música antiga, II

Estes días foron un auténtico agobio laboral e persoal: cando chego á casa ás tres ou catro da mañá, abro Os Herexes, de Chesterton, e leo catro ou cinco páxinas sobre os debates morais da inglaterra de comezos do século pasado, ata que quedo durmido. Esperto rápido, con catarreira, sen apenas respirar. Sei que estiven roncando toda a noite e rebéntame a gorxa de dureza.

Inda así vou ver, grazas a Ro, que me agasalla as entradas, O prado a chorar. Non é sorpresa nunha peli de Angelopoulos falar das grandes imaxes que crea, nin dos planos eternos de máis de 180 graos, nin das balsas na auga, nin do curso dos pótamos. Tampouco das tres horas de filme nin de que que boto unha soneca de media horiña ao comezo. Si o é dicir que ten a historia máis frouxa e desoladora dos filmes que lle coñezo.

E tamén vou ver, despois de percorrer humidtown á procura dun xogo de olas exprés, un espectáculo ben divertido e interesante: a irmá de Todonada e Gaiteiriño nun escenario, facendo algo que ben nos podería representar na eurovisión dos países felices. Sentados, de esquerda a dereita: Pinganobeizo, eu, Todonada e a Duquesa. Máis atrás Ro. Acabo a noite de foliada. Mentres Pinganobeizo baila e se divirte eu leo o morreo e falo cunha das persoas que máis admiro: o subcomediante H. Andan falando dun percorrido por humidtown no tren chuchú, en homenaxe a Andrés do Barro, o día da lotaría. A ver qué sae desta.


Leave a Comment