spring
A teoría di que teño unha semana de vacacións.
Trátase dunha pausa no laboral pra dedicarme ao paralaboral, de xeito que o cómputo de horas diante da pantalla veñen sendo as mesmas.
Pero este respiriño de primavera que se me coou polas fiestras da casa, que me veu visitar mentres traballaba ao sol na terraza do meu café favorito, dáme o acougo que me cumpría. Quedo a durmir a sesta longa. Leo algo dun libro un pouco matraqueleiro pero interesante. Teño clase de inglés, e dámola tamén na terraza, mentres chega o fresco do solpor: falamos baixiño e sáenme as palabras fiadas. Despois vou paseando por humidtown, escarrancho na quintana e recólleme Ian, co que paseo uns metros. E despois relaxadamente boto a correr polos lastros de san pedro. Só.
Así era a vida.


Leave a Comment