A primavera e a moi relativa folganza teñen certas vantaxes: por exemplo, facer uns vinte quilómetros urbanos de bicicleta, un pracer en nada comparábel a facelos por entre os agros. Da casa á faculdade, outra vez á casa, libros, bares, bibliotecas, máis bares, estación de tren, casa do Argallante-máximo e outra vez facultade, pra ver un fabuloso filme que proxectan os rapazolos do cineclube nuns sofás de tortura que creou siza, ese grande arquitecto que camiña impunemente polas rúas de matosinhos.
O filme que botan é A apañadora e os apañadores, que en español traducen moi dificultosamente por espigadora e espigadores. A peli, un monumento ao lixo, á economía mergullada, á tradición e á vellez, ten cousas inesquecíbeis: os primeiros planos da man da directora, fascinada coa proximidade da morte, estarrecen tanto como marabillan as tomas do avogado camiñando entre os repolos e citando códigos penais prerrevolucionarios.


One Comment to “apañadores”

  1. cesare | July 31st, 2008 at 2:47 pm

    Actualización: http://vodpod.com/watch/244967-los-espigadores-y-la-espigadora Pódese ver o filme aquí.

Leave a Comment