noites
Aproveitei as últimas noites pra dedicarme ao friquismo cultural, mentres agardo pola estrea das pelis e dos libros dos amigos e das amigas.
Crin que Reinas formaría parte do conxunto intersección entre ánkara e eu, pero non: rin máis ca el, e tampouco foi moito. Está ben pra ir vela coas mais e sentirse só lixeiramente incómodo, anque sexa namais unha enguedellada sucesión de tópicos desa visión happigai de chueca. Cavilaba no peliño branco de unax ugalde cando (arf) me deixei levar covardemente a unha casa desamoblada de piso de baldosa, onde se cerra o quentador ás noites.
Á Dama de honra fun con (m)alicia, que me advertiu que non deberiamos: iamos ter medo ao saír e cruzar a madrugada de humidtown escura. O último filme de claude chabrol lémbrame a todos eses filmes de claude chabrol que xa esquecín. É o lene desacougo dun francés lindísimo que namora da muller equivocada. O final e as paisaxes polarizadas de verneville, son con moito, o mellor dunha peli que indica a medida exacta da prudencia que hai que terlle ás rúas.
Historia natural (eloxio do entusiasmo) é a última obra de Matarile. Levaba tempo con gana de ir vela, pero distintos compromisos me afastaran do sitio axeitado, do momento propicio. O público, ao final, púñase de pé e braveaba. Pero eu non entendo qué entusiasmo pode espertar a correcta combinación de doce personaxes nun escenario, cadaquén ao seu xeito, tres mulleres espidas e unha atragoábel bomba humana que escarrancha epilepticamente polo escenario. Quizais o resto do público formase parte tamén do espectáculo. Alíñome con Xeladeiro: vai sendo hora de que un dos tres mellores grupos de teatro do país faga algo con sentido.


Leave a Comment