morcheeba
Un ano máis, ro e eu cumprimos co reto e rematamos un botelo enteiriño no xantar de cacabelos. Nesta ocasión, mentres os poetas enchían as camisas de lámparas de graxa, nós parolabamos discretamente cos rapaces de Xarmenta. Moitos deles son antigos coñecidos, máis vellos, máis guapos, máis feitos; co seu alento e co doutros máis parece que paseniñamente avanzan as cousas no galego do leste.
Mentres agardaba por min, Lola abriu lixeiramente as xanelas e deixou entrar as folerpas dos chopos. Quedou abrancazada por dentro, e cando a collín pra regresar, co xantar hipercalórico reloucándome no bandullo, púxenlle o cd de morcheeba que me agasallou Iop. Por veces chovía, por veces abría o sol. Vin cosendo a estrada a bastante velocidade por valdeorras, o sil e o deza ata chegar a humidtown. Fantaseaba cun país moderno.


Leave a Comment