tenrura
Ao falar dun libro galego debo afacerme a deixar ben anotadiño o nome e o autor, máis ca nada porque despois gugléanse e é unha mágoa que non lles revirta o esforzo.
O caso é que vou a atenas nun relampo pra ver a presentación do novo libro de Uxía Casal, Sede en Ourense. Así, clariño. Ida por volta en troca dunha empanada e coa fantástica copilotaxe do Neno da Mercería. Bótome á ‘Sede’ nas madrugadas a partir das tres. Xa o lera había moito, escrito a máquina (!), pero como non lembro nunca nada paréceme agora igual de recente. É tan divertido que custa apagar a luz. Arrepíntome e decido deixarme durmir, pero alguén dentro de min besbella bah, un capítulo máis. E con ese diálogo inquietante vendimeino en tres vésperas.
A amizade que me une á autora non sería neste caso impedimento pra poñela a feder se cumprise, e hai outras cousas dela, ben o sabe, que me gustaron moito menos. Pero ‘Sede en Ourense’ é unha rachada de aire fresco, unha marabilla pavera de sogras camioneiras, príncipes aztecas, ourensanadas, cervexa e tenrura familiar. A mesma que a autora me edifica sempre que nos vemos cara a cara. E ata aquí podo ler, claro.


Leave a Comment