ragnarok
Cada vez entendo menos o que sucede neste drakkar. Hai días que non vemos o resto da escadra e navegamos senlleiros contra o ceo escuro e chuviñento. Unha estraña peste estendeuse con forza polo barco e deixou enferma gran parte da tripulación. Os que seguimos a pé camiñamos por coberta como aluados, e agora recollemos as velas ou estendémolas á treboada sen xeito nin maneira nin rumbo. Guíannos as estrelas, ou a memoria que temos delas, mentres o capitán, preso tamén das febres, repousa no camarote. Ás veces alguén trae ordes del, como racionar a sopa de cabaza, remar con forza pra evitar os esteiros, embrear os mastros ou prohibir os dados nas noites de garda. Mañá coa alba un bote descenderá do drakkar e tentará chegar a unha illa que vimos hai un par de días, guiado polos membros máis sans da tripulación. Eu, que lle prometín ao fillo do muiñeiro que lle levaría barbas das baleas do abismo en proba do meu amor, non sei qué facer. Como será máis doado achegarse aos monstros mariños? Neste drakkar enfebrecido ou no fráxil bote? Haberá algunha posibilidade de regresar a porto e volvelo tentar?
Temo que esteamos chegando á fin do mundo.


Leave a Comment