40º
Cando recollín onte a Barataria na estación de buses de atenas, xa traía febre. Entráralle polas costas na parada obrigatoria da seabre. Agora, logo de pasar toda a tarde na casa de meus pais, arroupado, falando, vendo pelis e ceando unhas accidentadas berenxenas con peitugas (todo á prancha), descansa na miña cama adolescente. Ao outro lado da parede leo as boas novas na rede. Tomo un porto. Penso nel.
Con cada conversa vainos medrando a confianza, aínda algo estraña. Hoxe, por exemplo, aprendín que padece unha malformación sanguínea, producida ao parecer por fecundacións intrafamiliares na súa estirpe rural. Chámase alfatalasemia e fai que teña uns os glóbulos vermellos máis grandes e menos densos, e unha temperatura do sangue máis elevada do normal. Así que a súa febre tamén (medio grao ou un grao máis elevada).
A min, por ser a primeira vez, paréceme un exotismo apertarme contra del e que estea tan tan quentiño e suoroso. E que aínda razoe.


Leave a Comment