Vou cear con Fufli pra celebrar que hai catro anos que nos bicamos por primeira vez. Pasámolo ben no conxunto duns días que están resultando moi especiais. Despois tomámoslle unha e retirámonos prá casa, pero de camiño cruzo cun mozo espectacular que comeza a falarme. Está buscando bares de ambiente, así que damos un par de voltas e acabamos no de sempre, o único que ten xente nesta noite de mércores. El é brasileiro, pero vive en londres dende os catorce anos. Está en humidtown de turismo e viaxa só porque necesitaba tomar un respiro na súa vida despois dunha longa relación.
Logo de traballar nas cociñas do ritz londrino, este rapaz que é do máis fermoso que vin na miña vida, decidiu utilizar os seus contactos para acceder a unha vida máis relaxada. Así que se fixo food-styler, ou algo así (prégase confirmación ou rexeite, anglófilos): ou sexa, traballa preparando comidas para o fotógrafo da revista da BBC. O resto do seu tempo son colaboracións para distintas publicacións gastronómicas, viaxes dunha semana a estocolmo para coñecer a cociña escandinava, un mes en venezia descansando… Acompáñoo ata a porta do parador e despídese de min pedíndome de vernos mañá.
Chego a casa, mexo, e penso que non, que todo foi un soño e que nunca me crucei con este modelo moreno metido a chef de luxo. Pero recibo unha mensa en inglés agradecéndome a compaña desta noite e insistindo en vernos mañá.
As fantasías de consorte dedicándome ao xornalismo gastronómico e xantando en portugués no Bulli estouran como fogos de artificio.


Leave a Comment