educación
Leo por aí que en Ciudad Ajo fixeron un exame sorpresa a nenos de sexto pra ver como andaban de preparación. Os resultados foron loxicamente catastróficos. A proba tiña dúas partes, unha de lingua e outra de matemáticas. Na de lingua valorábase con 10 puntos un ditado (!!), con 5 a comprensión dun texto, e con outros 5 unha tanda de preguntas de cultura xeral, que non sei moi ben por que as metían en lingua e non en matemáticas.
Esas cuestións eran ben significativas. Había unha de historia, dúas de xeografía (unha delas mal formulada) e outra que preguntaba qué era un veleiro, por exemplo. Ningunha delas se interesaba por quen era Hermione Granger nin por cales son os ingredientes básicos dun biscoito. A quinta pregunta aínda non fun capaz de resolvela: por que as baleas non son un peixe se viven no mar?
Outros pensan que a reforma educativa é quitar ou poñer a relixión e por iso fan e desfán leis. Eu, cada vez, entendo menos. E sigo pensando nas baleas.


Leave a Comment