Estou na casa do meu comozo de parque-temático-cervantes, usurpándolle a conexión mentres el, a quen aínda non coñezo, anda por brasil grazas a uns ferretes ben botados hai uns meses. Á miña dereita están xogando unha cadela café con leite e dúas gatas pedresas. Tamén está barataria, durmindo no sofá mentres eu tento cubrir algúns baleiros nas múltiples frontes que teño abertas.
Atrás queda unha semana imposíbel, case sen durmir: reunións, actos, vergoñas, traballo na madrugada, cea con Argallante Máximo bordeando a miña capacidade alcólica… Despois, logo dunha noite sen deitarme entre coche, bares e traballo (por esta orde), apañei un talgo de casualidade mentres fóra ocorría o dioivo.
Agora, 637 kms ao sueste, o tempo non pasa nos brazos de barataria. Imos dar unha volta ás aldeas do arredor, ou baixamos ao teatro, ou durmimos, xantamos, fodemos e durmimos de novo. O tempo inmóbil mírame dende o sofá. Está sentado ao carón de barataria, e ten nos xeonllos a Menta, unha das gatas. Aloumíñalle a cabeza.


Leave a Comment