normalización lingüística
Non me apetece moito, pero decido quedar cun rapaz de vinte que vive na periferia ankaresa. Di que só se liou unha vez cun tío, e pra iso mal, e que quere probar xa máis en serio. Ademais quere facelo sen compromiso, pra que o collan sabido cando apareza alguén realmente interesante. Enxeñeiro sóbeseme con soltura ao coche nunha beiravía da N550 e lévame a un merendoiro. Alí aparcamos, facemos algo de exercicio cunha extraordinaria corrección e despois saímos a vestirnos á néboa.
De volta, guiando na poalla pola no-man’s-land, cavilo en como mudaron os comportamentos sexuais nestes dez anos. Antes tamén eramos normais, pero só agora, cando fodemos cun mozote como este Enxeñeiro, nos decatamos da nosa normalidade e de que non pagaba a pena complicarse tanto. E como a normalidade non é un estado, senón unha percepción, rebaterei (advírtollo, señora todonada) insistentemente esa ladaíña de que non somos unha cultura ou unha lingua normalizada. O único que pasa é que algúns non se senten normais.


Leave a Comment