neve
Vemos un letreiro luminoso sobre a autovía: precaución nieve dirección norte. Ao pasar a Capital Mundial dos Bordeis, a estrada complícase efectivamente: comeza a nevar contra o parabrisas nunha especie de fascinante cortiniña retro. Tan aglaiante que ás veces custa conducir sen quedar apreixado na danza exótica das folerpas.
Por un segundo desexo ter unha viaxe astral e mirarme conducir, coa boca aberta, pendente deses pequenos túneis que furan os faros na noite, polos que as folerpas caen, tornan visíbeis e reincorpóranse á masa branca do asfalto.
Despois aparece o xeo e a condución faise máis perigosa. Ao pasar a Xabra as máquinas varreneves están a facer o seu traballo. Deixa de nevar. Esváese a maxia e queda a estrada.


Leave a Comment