atletismo
Hai trece anos deixei a práctica do atletismo. Agora regreso na nova faceta de asistente de xuíz, á agarda de que en novembro poida aprobar os exames de xuíz galego. Ademais de aprender a facer ballestrinques, a miña primeira xornada de agarrante resulta moi proveitosa:
• o contorno do atletismo segue cheo de flipados. Xente que asegura que se retirou nun cros urbano porque se lle declarou unha periostite instantánea, poxadores de marcas (11.8 no sétimo 100 dunha serie de dez no ano 96), e especialistas en xeral.
• os xuíces seguen comportándose cos mesmos criterios: unha nena de once anos tropeza e torce o pé durante a carreira. Tirada no chan no medio do circuíto, non pode poñerse en pé coa dor. Unha xuíza apréndeme: ‘non podes axudala, porque en canto a toques quedará descualificada da proba’.
• o mundo real é castelanfalante.
• existe unha extensísima colección de comentarios, chistes e brincadeiras que teñen como centro a homosexualidade. O mundo real masculino caracterízase por estas grazas homófobas.
• os croses seguen sendo a proba máis aborrecedora, fría e desagradábel que dar se pode.
• os adestradores dos colexios seguen enviando a croses a nenos e nenas que non están preparados prás probas, coa única finalidade de que trousen, cansen, sexan dobrados, pasen frío, apañen gripes e amen fondamente a práctica deportiva.
Pero, no fondo, estou moi emocionado. E estudando.


Leave a Comment