literatura
Case por casualidade leo un dos libros máis divertidos dos últimos anos, e resulta ser un texto de lingüística. Trátase de ‘Aquí fálase‘, do xornalista canadiano anglofalante Mark Abley, e con el río nas colas de embarque, nos bancos do parque e na cama. Abley analiza a situación de distintas linguas minorizadas ao longo e largo do planeta, dende o boro da India ata o tiwi australiano ou o galés.
Pero, grazas a esa forma de facer reportaxes divertidas que caracteriza os anglosaxóns, o que podía ser un exercicio de carpideiras convértese nun relato rigodeiro, apaixonante e espranzador. Especialmente significativa é a claridade coa que retrata os distintos axentes promotores das linguas minorizadas: os directores de coros en manx, os profesores de galés, os rabinos proxidixes, etc. Entre eles destacan, pola súa incompetencia, intelectualidade e pedantería, os promotores do suicidio do occitano, a quen Abley pon a feder elegantemente, e nos que vexo reflectidos tantos galegos. Gardo prá antoloxía do humor a esgazadora e ridícula loita que enfronta os partidarios das distintas ortografías do mohawk. Véndoo cos 6.000 kms que me separan de ontario evidénciaseme que cada nh noso é un paso cara ao abismo: gustaríame convidar a Abley a unha estadía galega, e así cando menos seríamos na morte un motivo de gargallada pró resto do planeta.


Leave a Comment