Marshall MacLuhanPreparado pra unha convalecencia dramática, antes da operación fixera acopio de libros e de filmes de woody allen. Dos libros moín Brooklyn Follies (Paul Auster) e non sabería dicir se me gustou ou se non. Demasiados feitos contados con demasiada présa, quizais. As historias que cruzan por alí son fermosas, pero imprecisas, e lémbranme as conversas de 20 segundos de Argallante Máximo e de tanta outra xente coa que batemos na rúa, e tamén nós. Supoño que iso é bastante contemporáneo, así que me sabe ben. Pero tamén esquezo todo axiña malia que algunhas frases estean feitas coa arxila da memoria.
Dos filmes caeu enteira a bastante avellentada pero aínda pavera Bananas. Tamén Días de Radio, algo máis entretida, pero insoportablemente nostálxica. E despois Annie Hall, esa peli onde sae (finalmente) marshall mcluhan e onde o personaxe de allen é un ser repelente, egoísta e posuidor ao que non podo collerlle cariño. Así que dalgunha maneira, cando el escolle brooklyn eu no fondo estou elixindo costa oeste, restaurantes vexetarianos, e sol, e o vrau que me falta. Anque non podo estar máis seguro de que eu tamén son brooklyn.


Leave a Comment