A organización dispuxo que era boa idea erguernos ás cinco pra ir ver o mencer dende o curuto do monte Ghronos, o deus do tempo que vixía a antiga vila sagrada de olimpia.
Aínda non espertaran as aciñeiras bicudas, nin os piñeiros, nin se levantara a poeira que ergue o día. Estabamos en marcha, en recua, pola estrada. Axiña se nos engadiu un cadelo canela, correndo adiante e atrás pola beira, entre as pernas nosas, sacando o fuciño polas adelfas. Logo do primeiro quilómetro viramos á dereita, apartándonos da estrada pra iniciar as primeiras ramplas.
Coa vista posta no camiño costento, e á espera da alba, sentimos un blast ás costas, e logo un ai, ai, ai… ai, ai… ai. E finalmente un ai.
A alba é sempre a hora máis tráxica.


Leave a Comment