Ugresic II
O libro está inzado de reflexións divertidas e atinadas sobre a literatura e exilio, sobre as linguas pequenas, os países pequenos e as literaturas pequenas, sobre guerra e nacionalismo… de tal xeito que moitas veces, como nese artigo titulado ‘as dez principais razóns pra ser un escritor croata’, busquemos a combinación mazá+H sobre o lombo (ctrl+H para os de pecé).
Agora pego un pedazo doutro capítulo (’GW, o escritor amargado’). Desculpade a duración:

Chamaremos GW o noso escritor. Derrubáronlle a casa. O muro e o pano de aceiro non o protexen máis, ostenta dereitos históricos sobre a desgraza. (…) Semella un deses patéticos personaxes das provincias literarias. Cando reparas nel –ti que estás no centro ou iso cres– invádeche de inmediato unha lene sensación de culpa. (…) Como recoñeceremos mellor a GW? (…) Porque xamais perde ocasión de descualificar outros escritores. (…) Ao primeiro, finxe non coñecer a obra do escritor X demasiado ben, pois por regra xeral el non le os seus compatriotas. Pero a nada que lle andas na ferida, abrirache o seu oprimido corazón, barnándoo todo con tinta negra coma unha lura, e verás que sabe de memoria as obras do rival. Como é natural, GW mantén unha relación moi íntima con escritores como shakespeare, goethe ou tolstoi; fala deles coma se fosen parentes. GW amósase especialmente ferinte cos seus contemporáneos, cos que escriben na mesma e insignificante e minoritaria lingua ca el: se é búlgaro ataca os búlgaros, se é romanés os romaneses, se é croata os serbios e se é serbio, os croatas. (…) Por certo, xa que estamos no restaurante con GW, debe saber que non fará nin amago de sacar a carteira. Tocaralle pagar a vostede (…). GW séntese maltratado persoal, social e historicamente, e por iso déixase resarcir.

E prosegue.


Leave a Comment