Se faltan ligazóns no post anterior é porque non podo poñelas. Ou porque non debo poñelas. Ou porque non sei onde poñelas: resúltame complexo coller un mapa de europa e sinalar un futuro ao chou. Hai incluso moitas posibilidades de que nos próximos meses, quizais anos, siga batendo a zoca por humidtown adiante. Pero por se acaso, empurrado por un proído que non dou definido, voulle dicindo adeus a estas rúas inzadas de turistas que liscan da chuvia das praias, fago esforzo en memorizar onde están as tendas, os bares, cales son as direccións prohibidas, qué casas andan á ruína…
É o mesmo que sinto cando baixo a portugal e cavilo na sorte de cruzar a fronteira así, á vontade: o miño, as sardiñas e as fanecas no Porto con Barataria, o olor a churrasco, a rúa fernandes tomás, e despois a nacional 550 ás noites…
E antes de comezar a pensar en regatos pequenos e en hortiñas que quero tanto, apago o piloto melancólico e concéntrome na xestión: alguén sabe cal é a compañía de telefonía móbil máis barata pra mandar mensaxes?


Leave a Comment