choiva
Cando viña vir pra acó todo o mundo me preguntaba pola choiva. Eu facíalles broma dicindo que non, que aquí nevaba, pero malia estar á mesma altura ca estocolmo a neve só apareceu nalgúns outeiros das aforas: vai chegar, pero aínda non.
Así que chove. Chove todos os días, pouco ou moito, todos os días chove. Pódense ver as pozas mudando de sitio coas horas, reptando polas estradiñas e as corredoiras á procura quizais dunha beirarrúa protectora, dun montiño de follas ou simplemente por variar. Tamén é interesante o combate da herba contra a lama, e o exhibicionismo simpático das pingas diante dos faros dos coches. Toda a vida é choiva.
Pero nun repente, tamén todos os días abre o sol, e brilla dende a súa posición, só un par de polegadas por riba do horizonte, sobre un ceo amplamente azul, sobre as follas, a herba, a lama, os coches e as pozas, traendo por un momento o paraíso á terra. Ata que volve chover.


Leave a Comment