wildlife, 3
Pétame o noruegués na porta con toda a forza de thor: ves dar unha volta na bici? Levaba xa vinte millas de bici nas últimas 15 horas, e parecíame excesivo, pero qué inferno, veña, será ó un momentiño.
O despropósito comezou cando decidimos subir ao sheriffmuir, uns montes que están aquí ao lado, sobre aldea-marple, e que foron escenario hai moitos séculos dunha estupenda batalla. As paisaxes son extraordinarias, especialmente cando deixas atrás os 4×4 e as velliñas paseando. Tiñamos un lunch pesado choutándonos no bandullo, e iso lastrounos nas subidas; así que tivemos que deternos varias veces pra ver o arrastrado sol, pra imaxinar se aquilo do fondo era neve ou toxos vellos, pra recender as follas secas dos fentos, pra achegarnos ás ovellas, pra sentir o frío e a humidade e o sós que quedan os prados na montaña cando ninguén os ve.
Pero tamén podemos pillar desprevida a unha faisá, e escoitar esa especie de turbina plumosa que despega acelerada. Non hai nada máis extraordinario có son das aves a voar.


Leave a Comment