sangría
Quen planificou levaba maldade: puxeron a Dave toda a xornada a arbitrar con ese chavaliño novo, ese que é español. Porque a dave non hai quen o ature. Non é mal xuíz, pero dáselle por falar o tempo todo, con esa boca media torta que teñen a maior parte dos tontiños, así que ademais non lle entendo ren: e cóntame, pregúntame como se din palabras en español (knee, lap, heat…), di mierda e ri, di tonto e ri, e cóntame da propiedade que acaba de mercar en santapola, onde irá vivir dentro duns meses, cando se xubile, coa muller, e pregúntame se me gusta a sangría, e ensíname as fotos desa propiedade onde “aí non se ve, pero detrás diso todo está o mar“, unha especie de cárcere branco, arrodeado dun terro árido e un cerre de formigón, e illado, illado do planeta, pero preto dun bar, e dime quiero tos servesas e ri, e dime sangría e sorrí con ese orgullo que dá ter unha casa, en santapola, pra agardar que chegue a morte, falando e bebendo sangría.


Leave a Comment