Poesía clásica. Novelas satíricas e protofascistas. Paisaxismo fermoso e extraordinario en vea. Compromisos. Literatura variada. Purreliña local. Medievalismos. O peor da patria. Teatro contemporáneo. Autobiografías. Nas últimas horas, afastado da conexión a internet, dediqueime á ventura de centrifugar tres ou catro títulos de literatura galega diarios.
Pero malia que batín con cousas realmente interesantes, proveitosas e pracenteiras, nada houbo comparábel a sacar máis de trinta baldes de auga da lavadora de Senalcume, completamente só e despois da medianoite: a lavadora botaba e cargaba e botaba auga a río, e eu baldeaba, esvaraba, corría, anicábame e tentaba atopar algo con que pechar a chave de paso. Dúas horas despois, completamente mollado e suorento, pousábame no sofá pra seguir lendo. A cotidianeidade é fantasticamente real.


Leave a Comment