Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » Blog Archive » birmania

Xa sei que o que estou facendo é un delito gordísimo. Pero algo me di que, vivindo nesta illa, podería acollerme á consigna do fair dealing pra publicar esta tradución do artigo semanal de Timothy Garton Ash (The Guardian, 27 de setembro). Ash, que é un experto en Birmania, e que leva anos alertando do que está sucedendo aló, non atopa moitos motivos pró optimismo. Sei que é delito, pero máis delito é ver ondear as túnicas do azafrán e non sentir sequera un arreguizo. Así que, con todos os riscos, corto, traduzo e pego aquí este artigo titulado A ditadura birmana malla en Buda e só os países veciños poden facer que pare.

Deus, cantas veces o home máis insignificante
poderá derrubar e esmagar a todo o resto?

Protestas de Birmania

O poeta do século XIX Alfred Tennyson non podía ver no Youtube a esmagadora derrota da revolución polaca, pero a súa reacción daquela recolle perfectamente a carraxe e a impotencia que un sente ao ver como as forzas de seguridade mallan e botan gases lacrimóxenos contra a pacífica protesta dos monxes e das monxas birmanas. Van aló 19 anos dende o primeiro gran levantamento democrático, e 17 dende que a Liga Nacional a prol da Democracia, liderada por Aun San Suu Kii, vencese claramente nunhas eleccións libres. E dende aquela un réxime militar orwelliano afundiu aínda máis este fermoso país na pobreza e na opresión. Cantas veces, Deus, cantas veces?Mentres escribo isto, estarrecedores relatos de violencia estalan na pantalla do meu computador, entre eles as novas de que asasinaron a varias persoas. Non sabemos se as protestas durarán, como algúns dos monxes máis novos prometen, ou se irán devecendo. Pero dúas cousas están claras. A primeira, que aínda que o ministro de asuntos relixiosos, o xeneral Miint Maun, esbardalle contra a campaña externa e interna de destrución e contra o papel sinistro dos “poderes globais hexemónicos”, esta é unha protesta completamente birmana. A drástica medra dos prezos en agosto fixo rebordar o vaso da amargura. Ninguén abriu a billa en Wáshington, en Londres ou nalgures fóra de Birmania. E a segunda, que esta protesta popular e birmana foi, ata o de agora, todo o pacífica que se podía.

Teño diante miña un informe conxunto da Alianza dos Monxes de Toda Birmania e do grupo de estudantes Xeración 88 que comeza con esta frase: “O pobo enteiro, liderado polos monxes, está a desenvolver unha protesta pacífica pra liberarse da crise política, económica e social xeral, recitando o sutra Metta”. O sutra Metta reflexiona sobre a virtude budista da metta, ou sexa, do amor e da bondade incondicionais (”Isto é o que debería facer / aquel que medra na bondade / aquel que camiña pola paz). Unha das pancartas das manifestacións dicía: “o amor e a bondade vencerán por riba de todas as cousas”.

¿Como non emocionarse con eses pedaciños de vídeo, gravados con cámaras dixitais e móbiles e distribuídos por internet, onde vemos os monxes e as monxas, movéndose de vagar, ritmicamente, coas súas túnicas marróns, rosadas ou da cor do azafrán? ¿Como non facelo con esoutra foto graúda de Aun San Suu Kii, rezando na porta da casa, á choiva, mentres os monxes pasan cantando de vagariño: “longa vida e saúde pra Aun San Suu Kii, axiña estará en liberdade”? Os xenerais, presuntamente budistas, que adoitan exhibir a súa fe na Nova Luz de Birmania (o pravda local), responden a estas cousas con tiros, mocas, e gases lacrimóxenos. Andan a mallar en Buda, mesmamente.

A exasperación de Tennyson non lle vai ser de moita axuda ao pobo de Birmania. Daquela que hai que facer? En primeiro lugar, o maior número posible de líderes mundiais deberían reclamar un cesamento inmediato da violencia represiva. A asemblea xeral da ONU estase a reunir en Nova York. Probabelmente non se poida acadar unha rápida mensaxe de condena de toda a asemblea. Pero o consello de seguridade da ONU reuniuse pra discutir a situación de Birmania o mércores ao serán, algo ao que Rusia e China se resistiron. E o secretario xeral da ONU tamén pediu que o seu enviado especial puidese voltar ao país; aínda que só isto fose, China debería apoiar a medida.

Reábrese o vello debate sobre as relativas vantaxes dunha política de forza que ille o réxime militar con sancións, ou se é mellor esoutra política do “compromiso construtivo”. Probabelmente puidemos facer bastante máis do que fixemos nos últimos anos pra apoiar a sociedade civil birmana e pra amosarlles aos xenerais e coroneis a parte positiva de saíren do illamento. Teñen que entender que negociar con Aun San Suu Kii e cos demais líderes opositores, e abrirse así ao mundo de aí fóra, lle reportará a longo prazo inmensos beneficios ao país. Tamén teñen que saber que non acabarán pendurados dos postes da luz, nin pechados en prisión. Como a propia Aun San Suu Kii me dixo cando falamos en Rangún hai uns anos (cando aínda podía recibir visitas), deberían incluso confiar na conservación dalgunhas das que ela paveramente chamou “propiedades mal obtidas”. Unha remuda na xunta suprema que agora comanda o vello e teimudo xeneral Than Xwe podería ser unha boa ocasión pra sacar o tema de novo. Pero a política de promover unha transición pacífica con base en compromisos construtivos agora xa non vale. Agora temos que deter os asasinatos de pacíficos manifestantes.

O presidente Bush anunciou unha recrúa das sancións pra evitar que os xenerais e as súas familias viaxen ou posúan capitais nos Estados Unidos (a sanción equivalente da UE xa se aplica dende hai anos). Un observador experimentado que coñece ben a mentalidade dos militares birmanos (chámena supersticiosa ou relixiosa, ao gusto de cadaquén), suxeriume que un conxunto de sancións moito máis efectivas valería pra que alguén convencese os xenerais de que mallar nos monxes empeora o seu karma o das súas familias e o do país en xeral. Pero, claro, é difícil imaxinar a un líder occidental como Gordon Brown dicíndolles iso: non chega con ser o fillo dun pastor, como Brown; hai que ser un frade da pagoda.

En resumo, é frustrante ver o pouco que os poderes occidentais poden conseguir en por si. Un exemplo diso é que a primeira acción positiva de Brown foi enviarlle unha carta á presidencia portuguesa da UE urxindo a Unión pra que faga un posicionamento forte sobre o tema. Pero mesmo se a UE e os Estados Unidos actuasen xuntos e en perfecta harmonía, pouco darían feito se os veciños asiáticos de Birmania non se deciden a falar. Todos miran pra China, o maior dos veciños de Birmania e quen ten unha maior implicación no país. China di que quere “estabilidade” en Birmania. Obviamente, os chineses non queren un baño de sangue que ameace os seus intereses comerciais e estrague os preparativos dos Xogos Olímpicos de Beixín. Nos últimos tempos, houbo pequenos sinais de que China coidaba que a estabilidade en Birmania requiría cambios. Pero uns cambios que se abren con protestas nas rúas non é o que prefiren os vellos comunistas.

Moi pouca atención lle presta a Birmania o outro gran veciño asiático, a India. Anque é a maior democracia do mundo, a India ten sido bastante pusilánime nas súas relacións cos ditadores birmanos. Parecen estar máis interesados en loitar con China pola influencia (e polos contratos enerxéticos) no país, ca na natureza do réxime. Así os gobernantes birmanos foron enfrontando a India coa China e viceversa. Algo que os Estados Unidos e a Unión Europea poderían facer sería suxerirlles aos nosos amigos indios, con algo de convinción, que o seu é un problema de miopía. Nun mundo ideal, India e China deberían decatarse de que teñen tantos intereses comúns como desputas comerciais nese infeliz país-sanduiche que hai entre elas. Dous xigantes non deberían andar á liorta dese xeito por un pigmeo.

Ninguén parece que vaia impedir que os xenerais tomen medidas drásticas. Pero aínda hai unha oportunidade de que a represión non triunfe. A historia está aberta sempre. E mesmo se acaban con esta vaga de protestas, valeu pra alertar o mundo, dunha forma dramática e conmovedora, da situación apremante de Birmania. Os seus veciños asiáticos deberían saír da súa pasividade preguiceira. E nós podemos desexar que a pacífica oposición birmana aprenda algo da experiencia, algo prá próxima vez. Así, as marchas monxes non serían en van.


Leave a Comment