Cada oito horas sinto un frío terrible, e bato os dentes, e axítome debaixo dun edredón que, de súpeto, non tapa. Cada oito horas esperto coa febre e deixo atrás soños envurullados, en moitos casos premonitorios: vou guindar o lixo orgánico ao composteiro e vexo que aló no fondo do bidón hai unha pegatina desas que veñen cos plátanos, banana de costa rica, di; tento collela e quitala, porque non é orgánica, pero non chego, fago un esforzo máis e caio dentro do composteiro; e non podo saír. Cada oito horas as pálpebras ínchanseme, e parece que me fervesen. Cada oito horas perdo completamente a capacidade de respirar polo nariz. Cada oito horas teño que tomar 500 gramos de amoxicilina e 600 (200 arriba 200 abaixo) de ibuprofeno.

Non sei queixe, os meus soños non son tan ecolóxicos e non os xustifica a febre. Ánimo. (Un consello: se dentro de tres días non lle baixou a febre, pida axuda -independentemente de que teña que tomar os antibióticos unha semana, non agarde tanto-).
Máis axuda?
Cre vostede que debería abandonar a compostaxe e pasarme á incineración?
Que pensamentos negros me ten, e ardentes! Xa haberá tempo de abrasármonos no inferno, todos nun monte. Non teña présa e deixe o lume para acender paixóns. (`_^)
Ándate con ollo co ibuprofeno ( e outros calmantes en xeral), que eu fun adicto ó mesmo durante dous incriblemente dorosos anos. Non é algo para andarse con bromas. Lembro espertar as catro da mañá para “chutarme”, e máis outras veces sen sabelo eu, segundo me dixo miña nai.
Non vaia crer que non me preocupa. Hai unha cousa boa: aquí as pílulas de ibuprofeno veñen en cápsulas de 200, co cal pra tomar 600 tes que zampar 3, e iso si que xa asusta. Tamén hai unha cousa mala: o ibuprofeno está no super a 35 peniques a caixa…
Ben se ve que a apañaches boa. Cóidateme.