Como sempre, fun ver o grupo que non era. Grazas a Jackson coñecía algo a MGMT, pero dos postpunk Futureheads e dos Cansei de Ser Sexy, malia as recomendacións do vello Plattdorf, pouco máis sabía. Pero a maioría dos adolescentes e mozos brancos de clase media que estaban alí viñan por todo, menos polos MGMT, así que empezaron de primeiros. Non podo falar moito porque teño que poñerme en primeira fila pra distinguir un baixo dunha guitarra, pero o concerto non foi aló gran cousa: se o que mola do mp3 é precisamente os detalles dos teclados, a claridade da voz e a atmosfera recreativa, todo iso desapareceu onte do ABC de glaspop. “Imos darlle brasa a estes tipos”, e veña guitarreo, pra demostrar que saben tocar o instrumento igual có outro millón de persoas que fai o mesmo. A iso os críticos, que son os que saben, creo que lle chaman “guitarras poderosas”, pero eu só sentía a vibración na uretra, e ao resto do público tampouco pareceu que lle chistase demasiado. Iso si, como estaba en primeira fila puiden baixar do podio estético ao cantante, disfrazado de peterpán en sandalias, que era o típico colgado amigo do teu curmán que se electrocuta na piscina da casa dos pais, e substituílo polo batería, do que non consigo atopar información en ningures.
Despois quedei a investigar que era iso do post-punk dos Futureheads, e así a vulto pareceume bastante punk. E molón. Pero o corpo levaba xa un bo pedazo facendo todo tipo de sinais: febre, dor muscular, cansazo, incomodidade, ganas de mexar, dor na pirola… Así que antes dos brasileiros collín o tren de volta, deixando atrás un público hiperfermoso que, estrañamente, mirara pra min con interese: naquela congregación de tipos fracos querendo parecer tristes tuberculosos, un enfermo auténtico estaba en condicións de competir.


6 Comments to “mgmt”

  1. belokan | May 8th, 2008 at 1:03 pm

    que lembranzas do ABC… aish…
    e non quedaches a ver os CSS??

  2. ro | May 8th, 2008 at 1:23 pm

    gañaches:
    http://www.vieiros.com/nova/66365/educacion-fisica-recupera-as-suas-duas-horas-no-bacharelato

  3. cesare | May 8th, 2008 at 1:39 pm

    Ro: si, a miña intervención foi decisiva, sen dúbida, ;)

    Belokan: non podía coa pirola. Pero podo ir ver os Xiu Xiu prá semana… vostede que opina?

  4. plattdorf | May 8th, 2008 at 4:55 pm

    Esa última frase do post honra a súa prosa tanto como hai tempo que non vía por aquí.

  5. ro | May 12th, 2008 at 10:22 am

    bótelle un ollo a isto: :)

    http://www.elcorreogallego.es/index.php?idEdicion=879&idMenu=3&idNoticia=298835

  6. cesare | May 12th, 2008 at 11:23 am

    grazas, hahaha, xa o vira… ;) ;)
    que risa, que nostalxia, que alivio…

Leave a Comment