Ándame a familia de visita e alugan, como o ano pasado, un coche que ten o volante no lado correcto. O condutor vai ser meu pai: gústalle moito guiar, e conseguiu o monopolio falseando datos sobre o que custaba asegurar unha segunda persoa. É el, pois, quen tarda vinte minutos en arrincar o coche comprobando que está todo no seu sitio, e o único que insiste en aparcar de cu en batería. Miña mai sorpréndese do ben que se afixo a tomar as rotondas ao dereito, e eu tamén flipo coas poucas veces que tenta cambiar a marcha contra a porta. Pero cando me toca de copiloto vexo que xa frea mal nos cedas, que non se anticipa ás situacións, que se ofusca na colocación nos carrís. Móvese nunha realidade lenta, pausada por uns reflexos ao bordo da xubilación.
A imaxe pode ser incluso tenra. Pero a moitas millas ao sur, os pais de DjSU retíranse pra sempre. E a tenrura vólvese completamente devastadora.


5 Comments to “torpeza”

  1. kaplan | July 16th, 2008 at 12:33 am

    uff…
    deu no cravo…

  2. sun iou miou | July 16th, 2008 at 6:27 am

    Recordo esa sensación, aínda que no meu caso foi miña nai. E prefiro non seguir a recordar.

  3. ronsel | July 16th, 2008 at 11:20 am

    Nice one.

  4. o.blo.de.l.m | July 16th, 2008 at 7:46 pm

    a avoa paterna suspendeu o psicotécnico depois de 42anos conduzindo e diz que a rapaza só queria tirar-lhe os cartos e que vai ir a todos os outros até aprovar.beijos

  5. bouzafria | July 17th, 2008 at 4:56 pm

    Síntoo.
    Foi a nai de DjSU a muller do poeta Alexandre Cribeiro?

Leave a Comment