Un dos obxectivos desta viaxe era mercar e ler asap A ditadura da incompetencia, do empresario catalán xavier roig. Sabía dalgunhas recensións e apetecíame botarlle o dente á crítica que facía da administración catalá. Resultou ser unha crítica aceda, acedísima, incluso indignada, ao proceso de funcionarización da vida política, pública e económica nas sociedades mediterráneas, un auténtico manual de liberalismo contemporáneo. O punto de partida é que as sociedades mediterráneas (e a galega debe inscribirse claramente nesta categoría) están controladas e dominadas por unha elite á marxe da libre competencia. Máis de dous terzos do parlamento catalán (e do español) son funcionarios: é dicir, persoas que se sitúan fóra do mercado, e que idean políticas que teñen como finalidade perpetuar o aparato do estado, que é o sistema que garante a súa supervivencia como caste. No caso galego, por exemplo, 41 deputados son funcionarios. Se lle engadimos os dez que nunca tiveron máis oficio cá política e os catro que sempre foron sindicalistas, dános un total de 56 (un 74%).
Roig critica por igual os aranceis europeos que impiden o desenvolvemento do terceiro mundo e a política de servizos asistenciais (esmolas) que ten como finalidade non paliar unha situación conxuntural, senón consolidar unha xestión funcionarial da pobreza. Protesta contra o sistema educativo e o sanitario (e achega cifras, como a comparativa entre o diñeiro que os Estados Unidos invisten en educación e o que desbalda a vella Europa) e en particular contra as subvencións culturais que sitúan determinadas actividades, coma o teatro, fóra do capitalismo.
Por dicir algo malo nesta brillantísima proposta, ás veces o seu discurso resulta un tanto trapalleiro e enfadado. Aínda que en realidade, se se examinan ben as cifras, é pra enfadarse. E moito.
Interrumpo a cativante lectura pra xantar coa guapísima Rapaza de Vidro en calafell, unha viliña costeira tomada por xubilados e surfeiros. Alí, diante dunha saborosísima lluerna, cóntame por que deixou a súa carreira no sistema universitario. Eu a ela coñecina sendo unha progre, pero agora adiántame polo liberalismo unhas cantas veces, e non aforra en defensas de bolonia e en ataques ao sistema funcionarial. Cavila con dedicarse ao traballo no campo, a pelexar pra que as súas leitugas sexan as máis vendidas do baixo penedés. Como debe ser.

o mercado que era? aquel modo de produción que rexía as relacións humanas antes de outubro de 2008? ou a coroa dun sistema que condenaba ás dúas terceiras partes do planeta á miseria? executivos que gastan en putas e champán logo de afundir pendellos financeiros?
ah, bendita ignorancia
Sinto desilusionar a “aquel” pero creo que o mercado vai seguir rexendo as relacións humanas durante algúns anos máis.
Pra ser xustos, o que di este libro é que os que condenan as dúas terceiras partes do mundo á miseria son os sistemas de subsidio (primeiro mundo) e os aranceis (terceiro mundo). E creo que ten bastante razón.
Non nego que sexa eu un ignorante, pero quizais vostede non leu ben de qué ía o post: non se trataba de criticar as desigualdades económicas que xerou o capitalismo, que o autor recoñece, senón sinalar cómo de funcionarizada está a xestión política, e por que esa funcionarización (esa falta de competencia) nos leva irremediablemente á crise estrutural (e non á crise conxuntural actual que, por outra parte, provocaron tanto algúns directivos de bancos coma os millóns de persoas que, movidas pola cobiza, mercaron propiedades que non podían pagar).
Dá gusto mentes clarividentes como a súa: sentencia: a crise é conxuntural. Falou o oráculo.
Como funciona a lóxica do capital?
Pero claro, la culpa es del pueblo, que compra lo que no debe pese a ser libre de no hacerlo
Non, claro… A culpa non é da xente. A culpa é sempre dun terceiro externo.
É exactamente o mesmo ca no caso do Forum Filatélico, pero co agravante de que a industria da construción alimentou un país durante anos, e a dos selos non. A xente que mercaba un selo por 7 porque o podía vender por 70 eran uns majetes inocentes…
Colgaremos ao último neoliberal coas tripas do último posmoderno
Lol lol lol lol… Como mola ver o rollito tolerante da esquerda conservadora…
Cando fala de funcionarios refírese aos brokers da City, non si? E tamén aos executivos do LLoyds, supoño? Ou é que vostede non ve as noticias?
Diossssss, cómo me ponen esas expresiones!: “persoas fóra do mercado”(cómo osan os sen teito??????????), ” xestión funcionarial da pobreza”, “situación conxuntural”, bla, bla, bla….
Vostede, ao igual có señor Roig, señoriño, é un beneficiario do sistema estatal-funcionarial-burocrático-administrativo-totalitario-gaiola de ferro. Nunha sociedade verdadeiramente meritocrática e de mercado, vostede estaría ou debaixo dunha ponte, ou no cárcere ou…morto.
Claro que seguramente, morrerá sen decatarse.
Hahaha, estábao esperando, señor cóssimo.
Non sei se nun estado non funcionarial eu en particular estaría morto ou vivindo debaixo dunha ponte. O que me pase en concreto a min é irrelevante.
Pero un estado non funcionarial, como o Reino Unido, por exemplo, é moito máis xusto e máis dinámico: premia o esforzo e axuda a quen non ten capacidade de competir. O sistema español premia o incompetente e castiga o que non ten capacidade pra competir igualando a todo o mundo (necesitados e non necesitados) polo mesmo rebolo.
Como di o señor Roig: “como é posíbel que só me custe 1.200 € mandar o meu fillo á universidade… Eu podo pagar moito máis, e debería facelo”.
Si,si, o que queira. Mentres tanto, o señor Roig e máis vostede poden meter o capitalismo, o mercado e a súa estupidez por onde lles caiba.
Ah! E paso de enlazarlle os millerios de estatísticas (da propia BBC) que amosan que o Reino Unido é o país europeo cos niveis máis altos de desigualdade económica e con menos posibilidades de ascenso social. Total vai dicir que son invencións da esquerda de salón
o Reino Unido é máis xusto e máis dinámico que que?
Que Francia?
Que Arxentina?
Que España?
Que Suecia?
Que Corea do Norte?
Que Malasia?
Que o Congo?
Que a Irlanda?
Que Islandia?
Que os Estados Unidos?
Que Mónaco?
O estado ‘non funcionarial’ ese que tanto louba custou sangue e suor e desembocou no que, arestora, é a Gran Bretaña: unha maquinaria policial, un estado altamente interventor, pero coas prioridades viradas cara ao que garante a ‘liberdade’ dos mercados nesta fase do capitalismo: o exército.
(o rollito tolerante da dereita bélico-liberal si que presta, claro: son pobres porque non traballan, que carallo)
Pois a min acábanme de entrar unhas ganas monstruosas de ler o libriño en cuestión.
A cossimo: non falo de esquerdas de salón. E sería pánfilo ou cego se non vise que no reino unido a mobilidade social é moito máis reducida ca en españa (ou, cando menos, ca na españa de hai vinte anos). Pero insisto: non se trataba de vender o capitalismo, senón de dicir que unha das principais couzas que roen na estrutura da economía española (na súa sociedade, na súa capacidade pra afrontar os retos de futuro) é a súa funcionarización dramática. E dende logo, o regreso a 1917 e á supresión da liberdade pra min non é unha opción. Quizais pra vostede si. Pero a min gústame a democracia.
A aquel: precisamente Roig cita a Mónaco como un dos poucos países que, polo seu reducido tamaño (igual có Vaticano) pode ser economicamente viábel cunha ampla maioría de funcionarios. Non falei de Malaisia, nin de Corea do Sur. Falei de “sociedades mediterráneas”.
Canto ao de que o reino unido é un estado policial, creo que vostede estaba lendo unha de sherlock holmes, quedou durmido coa cabeza dentro das páxinas, e soñou con iso. Recomendaríalle que lese noutra posición, non vaia ser que un día quede durmido lendo “Memorias dun neno labrego”.
Co de Sherlock Holmes atinou. Por suposto, tamén con Neira Vilas.
(É curioso o anticomunismo furibundo da dereita mesmo cando din que non hai xa alternativa comunista: isto debe de ser algo diso de Freud)
Revise os datos orzamentario de UK nos últimos 30 anos (a ver se non queda durmido)
Si, se cadra, o regreso a 1917 vai ser o mellor. Iso de que unha persoa poida dicir unha cousa, aos cinco minutos a contraria e, sobre todo, que non sexa quen de ver as implicacións ideolóxicas do seu non-discurso, non sei se ten algún tipo de vantaxe para a convivencia.
Insisto: morrerá (por sorte para vostede)sen saber o que é o verdadeiro mercado e (por desgraza) sen albiscar siquera o significado da verdadeira democracia.
E non me líe máis que teño que estudar para a oposición, que non todos podemos permitirnos sermos competentes.
A aquel: eu non son de dereitas. E témome que Roig tampouco. O que non somos é conservadores, como vostede, como Rajoy, como Zapatero… Non entendo a alusión aos orzamentos, by the way.
A cossimo: deduzo daquela que vostede si albiscou a verdadeira democracia?
Estudando prá oposición??? hahahaha… é normal que defenda logo a funcionarización e a mediocridade.
Conservador, lector de Neira Vilas e de Conan Doyle, partidario do gulag, apóstolo socialfascista da couza nas engrenaxes estatais e da arbitrariedade meritocrática, ese son eu, abofé.
Vostede é de dereitas, como Rajoy, como Zapatero, como Gordon Brown, como Sarah Pallin, como Álvaro Uribe, como Ánxo Quintana e como Touriño, como Xosé Carlos Caneiro, se me apura…
Superafavor da mediocridade. Superencontra da competencia.
Apoio a moción de Cossimo.
Somos maioría.
Oh, non, créanme… a maior parte da humanidade que eu coñezo quere ter unha parella cachonda, foder ben, educar ben os fillos, xogar ben ao fútbol, ter as festas mellores da comarca, cociñar ben, etc.
Queren vostedes ter parellas feuchiñas, fillos parvelos, ser inútiles nos deportes, non saber contar chistes, foder por necesidade e non saber interpretar música nin cociñar?
Claro que tamén pode haber dous mediocres que se xunten e crean que son maioría…
A vostede a dereita quédalle á esquerda.
En fin, isto non dá para máis.
Ah, si, ao final sempre se chega á argumentación ad hominem.
Acho que despois de ler o seu último comentario, somos tres.
E todos fodemos por necesidade. Cómo se nota que foi a un colexio público! E de ser verdade o que vostede escribe, a miña parella aínda que parvela fode mellor cá maioría dos seus ferretes.
E eu non quero ser funcionario. O que de verdade, de verdade, de verdade, quero ser é (mi)lord. Esas pelucas…
Fun a un colexio público, fun. Superorgulloso estou de ir. E non digo que sexan parvelos por foder mal, senón que cadaquén ao seu xeito se esforza en foder mellor.
Claro que quizais o do “esforzo” sexa un concepto moi complexo
xD
Se o incompetente Estado nom existisse, quem se comeria os activos tóxicos das empresas e os leitores de galego no estrangeiro?
Touché
Ala!! Viva a anarquía!!
O estado non ten por que desaparecer. Só ten que facelo a función pública…
Por razóns de forza maior, foi borrado un comentario. Eu non quería, pero…
Forza maior, qué linda expresión!
síntoo, non foi con maldade… pero arranxar o texto sería máis intrusivo, creo.
Non entendo nada. De verdade cre que a xente non imaxina a qué se adica vostede e quen o financia?
E que conste que a pesar da súa condición, estou convencido de que é vostede moi competente.
Unha cousa é o que crea a xente e outra o que crea google.
Sigo sen entender. Deduzo que na era do capitalismo global un pode airear a súa vida sexaul pero non o seu curriculum (por temor a ficar en brazos do mercado, supoño). O caso é que non somos tan diferentes. Os dous mamamos de papá estado, non si?. Só que vostede nunca o vai recoñecer.
Oh, come on!
Eu non mamo de papá-estado. Eu traballo durante un tempo limitado pero a) non son funcionario, b) cobro por debaixo do salario mínimo interprofesional, c) opino que o meu posto de traballo debería desaparecer tal e como está formulado, e, é máis, farei o que estea na miña man pra conseguilo.
pero non creo que os argumentos ad hominem sexan os máis esclarecedores.
Argumentos ad hominem? Lea o que escribiu por aí arriba.
Que non se pode ter tanto morro, joder. Que eu polo menos recoñezo que son un pringao e que, como todo o mundo, como vostede, tento sobrevivir.
Qué non mama de papá-estado? Come on digo eu.
Ah! E de momento, non parece que estea sendo demasiado competente nese obxectivo de facer desaparecer o seu traballo.
E, por favor, non sexa tan deliciosamente cínico!
Eu, Cesare, levo escribindo aquí por volta de cinco anos. E nunca, ou case nunquísima, houbo referencias ao meu traballo. Iso non é porque eu teña unha intimidade (como ben di, moitos e moitas xa saben onde traballo), senón pra protexer a quen me contrata, que non ten que verse relacionado polo que eu digo.
Vostede non entende a liña que separa a ficción da realidade e o personaxe da persoa (se é que a hai) pero qué se lle vai facer.
Bonita digresión!
Si, é posíbel que eu sexa unha pantasma e que, de existir, a persoa que hai detrás da súa personaxe sexa un militante do PCP.
O único certo é que vostede eliminou un comentario por medo as repercusións que o devandito puidera ter nun traballo mal pago e que non lle gusta. Porque o que si lle gusta é o mercado. Quero dicir, gústalle á personaxe que hai detrás dunha persoa inexistente.
Que teña boa noite.
Oh,
como retorce as cousas…
Se lle consola, direille que o meu traballo me gusta mazo.
E que (sorpréndase) estou bastante suxeito ás leis do mercado. Pero as demais discusións sobre este tema persoal tereinas, se non lle importa, polo correo electrónico…
O correo electrónico da persoa ou do personaxe?
Hai xente que pensa que a esquerda (e o mundo) segue sendo como hai 125 anos.
Esquerda e liberalismo son perfectamente compatíbeis. É mesmo necesario que a esquerda sexa cada vez máis liberal, nomeadamente nos círculos militantes de determinadas esquerdas.
Pero claro, é mellor e máis cómodo para algúns mediocres seguir a pensar que toda empresa (ou emprendemento empresarial) é malo que todo Estado (funcionariado incluído) é bo. Que o asemblearismo (que non a democracia) con mediocridade mola máis que a meritocracia e a competencia (léase a habilidade profesional e a capacidade intelectual que se
adquire a través dun proceso de concorrencia).
Parece que está prohibido pensar en modelos de xestión emprearial horizontais e democráticos, igual que parece que está prohibido pensar en introducir medidas de fomento da competencia e da produtividade na administración.
En fin. Con este panorama e con discursos como os de aquel e cossimo eu tamén quero ler ese libro. Non andará por aí en PDF?
Cando contará algo dos UrbanLabs? Ou perdinmo?
Eu diría que non é que a esquerda deba ser liberal: máis ben a única esquerda posíbel é a liberal, a que cre no progreso, na capacidade de mudar as cousas, onde se axuda a quen verdadeiramente o necesita, etc.
O libro non creo que estea en .pdf. Saíu en setembro de 2008, así que é recentiño. E non é caro. Págalle a pena mercalo.
Eu mandaríallo, pero fixen un paquete e xa foi prá Fundación Cesare. En canto teñamos o outro copatrono e mais eu máis ordenado o sistema de empréstitos poderíamolo facer, pero non de momento,
O preocupante é falar de esquerda e liberalismo e calcar o discurso de Margaret Thatcher en 1982 e dos neocóns rurais estadounidenses -vid. ‘Deer hunting with Jesus. Dispatches from America’s Class War’, por exemplo.
A Calidonia: que significa que a esquerda deba ser cada vez máis liberal? cal é o discurso de cossimo e de aquel?
Outro asunto resulta a imposibilidade de manter un debate co mantedor deste blog sen que comece a facer pinchacarneiros de cara ao público/audiencia, consideracións ad hominen (así lle gusta dicir) e outras estratexias propias do espectáculo, este si, liberal.
Prezado estoutro (por certo, tes un correo ben parecido ao de aquel).
Calcar o discurso de Margaret Thatcher? Respecto a que? Hai algo fundamental que me separa da Thatcher e dos neocons rurais: eu non son conservador, senón xusto o contrario; son liberal.
Vostedes (este, ese, aquel…) non son capaces de ver a diferenza entre liberalismo e conservadorismo. Enténdoos porque a min me custa moito, pero moito de diola, ver a diferenza entre vostedes e a Thatcher.
Y-tú-más: engádalle o vicio da ignorancia ao seu discurso. E, faga o favor, non me atúe.
Estimada Caledonia. Por min como se privatiza todo o sector público. Targets, markets, statistics e toda esa merda. En realidade, iso xa se fixo hai moito tempo. Recoméndolle que vexa o documental The Trap de Adam Curtis. Ao final, o grao de burocratismo e de ineficiencia xerado pola xestión empresarial dos servizos públicos é infinitamente maior. Véxase o caso dos servizos de cercanías londinenses.
Ninguén lle nega que a Administración é un desastre. Se cadra sería bo mandar a todos os funcionarios á rúa. Pero, por favor, non nos martiricen cos seus discursiños ESADE.´
Está claro que o nacionalismo é de dereitas. Cada vez máis, a única diferencia entre un votante de UPyD e un do BNG ou de CIU é un cacho de tela.
Ah! E claro que a esquerda ten que ver co asamblearismo e a cooperación. Instrúase máis que a competencia é dura.
“En palabras de Tom: “Deixa que a xestionen [a Seguridade Social] os profesinais de Wall Street. Todos saben que custosa e ineficiente é a burocracia”. Mais os conservadores néganse a aceptar a verdade: os custos administrativos da Seguridade Social son moito máis baixos que os custos administrativos de calquera compañía do sector privado: só un 3,5% do seu orzamento anual, segundo datos de contabilidade do Goberno”.
(de Deer hunting with Jesus, páxina 92 segundo a edición en castelán)
Vostede non é un liberal. A un liberal pódeselle respectar. É un neoliberal, un ultraliberal, que se non fose galeguista estaría defendendo o libre dereito a portar armas!!! Por certo, o comentario número 5 era irónico, pero aquí só se aprecia a ironía cando lla aplicamos nós aos demais. Cando nola aplican a nós non mola. Manda carallo na Habana.
Polo demais, provocar polémica é fácil, só hai que ir contra a maioría. Dicir algo interesante xa custa máis.
Ah, e non me comparen cos votantes de UPD ou CiU porque a maioría non temos moito que ver con este tipo.
Vostede dá por suposto moitas cousas. En primeiro lugar, que non son un liberal, senón un ultraliberal. En segundo, que son un galeguista.
Por suposto, non aspiro a dicir nada interesante. Iso xa o di Xavier Roig no seu libro. Son apenas un apuntador. O propio sistema funcionarial, é dicir, o feito de que os traballadores teñan garantido un posto de traballo fagan o que fagan, está viciado. E a partir de aí derívase todo o resto.
Seguro que hai exemplos de empresas privadas que xestionan determinados servizos e non funcionan. Hai moitas empresas privadas que van á creba. Pero quédanos o recurso de mudarlle a concesión. No caso das empresas públicas, non só non funcionan, senón que non podemos facer nada. Entre outras cousas porque, como sinala Xavier Roig, o 75% dos parlamentarios son, eles mesmos, funcionarios.
Hai un conto de Torrente Ballester no que os deuses están preocupados porque se quedan sen crentes, e quedarse sen crentes suponlle deixar de existir. Co sistema público, creo eu, tamén é unha cuestión de fe. Canto menos fe se teña nel, peor funciona. E o da fe, é de cultura.
O problema, ao meu ver, non son os funcionarios, senón o conxunto da sociedade, que esquecemos a victoria que supón o sistema público, pois non é certo que os funcionarios teñan garantido un posto de traballo “fagan o que fagan”.
Vese, por exemplo, na sanidade pública, que exceptuando o problema (grande, por certo) das listas de espera é a todas luces mellor que a privada. A desconfianza dos cidadáns, no entanto, xera un progresivo deterioro. (E a conseguinte indolencia ante as privatizacións, o que a súa vez…)
No caso dos funcionarios, quen, no canto de criticar, eleva unha queixa ao órgano correspondente? que alumnos universitarios, no canto de protestar pola ausencia non anunciada dun profesor, non prefiren mellor mollar a palleta na cafetería máis próxima? ou acaso, a neglixencia e inoperancia dun funcionario non supón unha estafa ao conxunto da poboación, un roubo á cada unha das persoas que compoñemos á sociedade? Quizáis, non creamos dabondo nela. E por iso decimos que “non podemos facer nada”. Que lle digan a un nórdico que non pode facer nada se cre que un funcionario está malversando o tesouro público, sexa facendo mal o seu traballo, deixando a luz indebidamente accesa, ou empregando internet con obxectivos privados.
Pola miña experiencia, é a cuarta carta de reclamación aos servizos públicos que fago no último ano. Estou moi contento do funcionamento da sanidade pública española (e da británica), pero non así do transporte, de correos ou doutros servizos públicos españois, aínda públicos ou semiprivatizados (ou transformados en pseudomonopolio).
Non é o de Xavier Roig un discurso en contra dos servizos públicos. Nin sequera en contra do sector público. É un libro en contra da funcionarización (tanto dos funcionarios profesores como dos alumnos funcionarizados; tanto dos empregados de xustiza funcionarios como dos cidadáns funcionarizados na súa relación coa xustiza).
Non é certo que os funcionarios sempre van ser funcionarios fagan o que fagan? Pois… teñen que montala realmente moi gorda pra que lles pase algo: non traballar, ou xa directamente non ir, dende logo non é razón abonda.
Ah,entendera mal.
Ligar esquerda e competencia paréceme tan fora de toda lóxica coma ligar a esquerda cos dereitos adquiridos (da caste dos funcionarios, p.ex)
A esquerda, en realidade, ten máis que ver coa axuda mútua, cada un segundo as súas necesidades…
E iso dista un bocadiño da competencia e os privilexions non credes?
Eu lin ese libro e paréceme un monte de conachadas. Primeiro, o Estado español é unha coña histórica, en España hai 4 millóns de funcionarios, con isto xa non queda moito do que falar. Depois haberia que falar da baixa calidade democrática, pasotismo, etc. O problema non é que sexan funcionarios, o problema é que Catalunya inteira (e Xapón, e Alemaña, e…) están en mans de 200-500 familias, que loxicamente colocan os seus membros para manter o poder, no caso dun Estado como este, de funcionarios, no caso doutro modelo, doutra cousa. Como sempre, o dedo sinala a Lua e hai xente que mira para o dedo.
:-((
Entretíñame, agora asústame. Evindentemente o evitalo está na miña man. Non lelo e punto pelota. Adeus nos meus rss.
Un saúdo
Superafavor de anonymous.
A conclusión de todo isto é que vostede é un home moi do seu tempo. Arrepaña “ideíñas” daquí e dacolá sen percatarse das implicacións ideolóxicas das súas pseudopropostas.
Nunca será quen de imaxinar siquera, outro xeito de organizar a convivencia que non pase pola banal comercialización de todos os aspectos da vida. E xustifica os seus posicionamentos reaccionarios apelando a un suposto ben común. O peor de todo é que acredita na racionalidade de toda esa manchea de falacias coa que o autoproclamado novo progresismo adorna a vacuidade das súas “argumentacións”, a súa incompetencia intelectual.
Xa volvín, que me fixo rir…

Nada que ver co anterior: diría que ese peixe con nome rarísimo “lluerna” é o que nós sinxelamente lle chamamos “escacho”. Ben rico, por certo.
Mm, é un tema delicado. Eu creo que a maioría d@s funcionari@s son vagos, pero hai moitos outros que traballan, non só no seu posto de traballo, senón en movementos sociais, organizacións da esquerda independentista e así. O que está claro é que se a xente que quere ser funcionari@ sendo anti-sistema ten unha contradicción. Pero prefire iso que a precariedade laboral das empresas, traballando en negro, horas e horas explotad@, sen seguro, sen contrato.. Pódese entender. Ademais na educación, na administración, na sanidade e na xurisdicción precísase xente con ideais de esquerda real. É máis doado que poidas pretender cambiar algo, se estás metido aí.
Ser autónomo é fodido tamén.
Un exemplo do lacazáns que son, é que na miña facultade perderon unha acta coas notas dunha convocatoria dunha asignatura. A min puxéronme NP cando estaba aprobada en decembro do 2007. Ocorre moitas veces, creo. Díxome o de Administración e cambian as notas, de maneira que á xente que lle aparece aprobada unha asignatura suspensa non se queixa. E os outros, por máis que reclamamos pasan de nós. Se isto non se amaña, caña, caña, caña..
Interesante artigo , mais a soberanía alimentaria tamén é importante. Non sei que falas da rapaza que sacha na horta.
Un saúdo, e perdoade polo rollo que acabo de escribir, pero é que estou cabreada coa maioría dos funcionarios, sobre todo os de CC Educación de Pontevedra.
Ana: polo que estiven mirando, non sei se a lluerna é exactamente o noso escacho. Aparentemente é o Chelidonichthys lucerna, e no acuario do Grove chámanlle ao escacho Trigla lucerna. Noutros sitios aparecen as mesmas coincidencias de denominación, entre os Chelidonichtys e os Trigla, pero non estou moi seguro.
Hai quen toma todo a peito: http://www.lne.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008102100_39_687584__Caudal-Detenido-mierense-cuando-dirigia-Inem-hacha-matar-funcionarios
Como me está a gustar esta balasera conceptual. E que valente está a resultar vostede, Cesare, no corpo a corpo. Agora ben, sen ler o libro (e se cadra arriscándome a dicir algunha parvada), permítame lembrar varias obviedades, como que a inamovilidade dos funcionarios ten a finalidade de evitar as odiosas (e por certo ineficientísimas) “cesantías” propias do non menos odioso turnismo político (falo da primeira restauración borbónica, non da segunda). Ademáis, as tropecentas administracións públicas españolas son actualmente as maiores creadoras e usuarias de forza laboral temporal, e abusan sistemáticamente de dita condición, precarizando á súa propia forza de traballo ata límites inauditos: nen así se baten records de eficiencia na xestión dos servizos públicos. Vaites: se cadra os tiros non van (só) polo de funcionarizar á xente. En terceiro lugar, o sector privado non está, nen moito menos exento deses endemismos (falo estrictamente en materia de recursos humans) que se lle atribúen ó sector público, maiormente o nepotismo, que obxectivamente é outro cancro tan ou máis importante para a libre concurrencia. E con isto, ainda que xa deixándoo para outra ocasión, enlazamos co mito da igualdade de oportunidades.
Tentarei de ler o libro. Lémbrame ó estilo doutro provocador e liberal profesor catalán, e igualmente recomendable (”Economía liberal para no economistas y no liberales”, de Xavier Sala i Martín. Famoso polo colorido das súas chaquetas, por certo).
Efectivamente. A funcionarización non remata no funcionariado. A sociedade espera ser funcionaria e os empresarios compórtanse como se fosen funcionarios.