Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » Blog Archive » inxenuidade

Gústame moito como escribe Teresa Moure. Pero o seu novo ensaio, O natural é político, é un desalentador desastre. E iso que está ben escrito, e que as últimas páxinas, cando relaciona ecoloxismo con feminismo ou reclama unha literatura non antropocéntrica, teñen unha prosa brillante e gozosa. Pero confunde tanto radicalismo con demagoxia que un se pregunta senón será todo el un exercicio de insensatez. Vou sinalar dous casos, pero non son os únicos.
1. A liña de quarterbacks é que non é o mesmo medioambientalismo ca ecoloxismo. Medioambientalismo (reducindo, se queren afondar lean o libro) é un quero e non podo, un facer coma quen, un reciclar pra que todo siga igual. Ecoloxismo supón unha mudanza de pensamento, pór o ser humano no seu sitio. Ata aí ben. Incluso moi ben. Pero disto derívase, aínda non sei moi ben como, que ceibar milleiros de depredadores feroces nun ecosistema fráxil é un acto de ecoloxismo. Postos a opoñernos á explotación peleteira dos visóns —superafavor—, podiamos roubar 4×4s e empotralos contra escaparates de tendas de abrigos, e así matabamos dous paxaros dun tiro —desculpen a expresión pouco ecolóxica—. Pero que culpa teñen as crías de raposo, as perdices, os coellos, ou as denosiñas? Liberar visóns alóctonos nos montes galegos por ecoloxismo é como loitar contra a caza mandando unha bomba nuclear nos montes do Invernadoiro.
2. A segunda insensatez é de maior calado e deriva dun problema de base: onde están as cifras? No discurso da esquerda, da progresía, do alternativismo, abondan as expresións “o que está claro”, “está demostrado que”, etc., que significan en realidade “non hai datos, pero a teoría conspirativa mola mil”. E iso é o que perde a Moure cando fala do consumo de carne. Na súa defensa do vexetarianismo, a autora salta borrosamente entre dous argumentos: non podemos comer porco porque o porco é coma nós, e a explotación de carne está a destruír o planeta. Do primeiro vou pasar, porque considero que tan coma nós son o porco e o repolo. Pero o segundo é máis preocupante. De feito, Moure asegura que en producir un quilo de carne de vaca gastamos tanta auga como en duchármonos todo un ano. Esquece mencionar na estatística, nos datos, de onde é esa vaca. Eu non xanto vaca normalmente, pero asegúrome de que o año que roio medrou ceibo nos montes escoceses, que o seu consumo de auga é inaprezábel, e que non incide na deforestación da illa senón máis ben na conservación do ecosistema das praderías. Porén o que si tomo é té, e café, especies que afectan directamente a deforestación das zonas tropicais, e que supoñen un elevadísimo consumo de auga. E as cifras de cantas duchas son unha cunca de té, esas, a Moure esquécenlle.
O que non chega a dicir Moure é que a práctica máis ecolóxica, se un é naceu ser humano, é o suicidio. Quizais no fondo tamén este libro é medioambientalista.


37 Comments to “inxenuidade”

  1. o curmán de Ben Laden | November 26th, 2008 at 1:17 pm

    No discurso da esquerda, da progresía, do alternativismo, abondan as expresións “o que está claro”, “está demostrado que”, etc., que significan en realidade “non hai datos, pero a teoría conspirativa mola mil”.

    Datos hai, outra cousa é que Teresa Moure -ergo, “a progresía”- lle custe esforzo demais ir procuralos

  2. cesare | November 26th, 2008 at 1:56 pm

    Ben, curmán de Ben Laden, ás veces sucede que datos hai, pero que non casan co que nós pensamos, co que nós cremos.

  3. o curmán de Ben Laden | November 26th, 2008 at 2:03 pm

    ‘O Novo Espírito Do Capitalismo’, de Luc Boltanski e Eve Chiapello, por exemplo. O que pasa é que ten máis páxinas que os pasquíns de Nós-UP.

  4. Calidonia | November 26th, 2008 at 5:51 pm

    Teresa Moure “a progresía” ???

    Ábrase a terra e implosione baixo nós!

    Non sei como escribe Teresa Moure nin o saberei. Sei como pensa. E chega con iso.

    Esta recensión non fai senón converter un “par de prexuízos” en “máis dúas sospeitas confirmadas”.

  5. cesare | November 26th, 2008 at 5:57 pm

    Ei, non sexa así, Calidonia… non estou facendo xuízos sobre persoas, senón sobre un texto que, ao meu ver, é bastante frouxo… anque teña cousas interesantes.

    De feito, por moi pouco que lle guste o que escribe esta persoa, creo que ten sempre unha forma de ver as cousas que fai repensar.

  6. luis alfredo | November 26th, 2008 at 6:43 pm

    farían vostedes (cesare e teresa moure) unha bonita parella. podíanse apuntar a bailes de salón ou algo así.

  7. Pancho | November 26th, 2008 at 7:55 pm

    Parabéns pola coraxe opinadora, querido e desaparecido amigo Cesare. Con respecto a Calidonia… non acabo de entenderlle a retranca…

  8. conselleira | November 26th, 2008 at 8:16 pm

    non te preocupes, pancho. iso é que un día teresa lle contestou mal e aínda o leva dentro.

    eló non liches a ferrín, calidonia?

    tamén se podería argumentar que a obra de teresa foi “medioambientalista” desde un principio, sequera no sentido que lle atribúe -agora- o prezado cesare.

    menos mal que nos gusta como escribe, iso si.

  9. Calidonia | November 26th, 2008 at 10:10 pm

    Se lles parece falamos do tema de moda: arelación entre a violencia de xénero e a lingua.

    Esta colleuna, Pancho?

    Conselleira, nunca falei con Teresa. E Ferrín está, como se di?, sobrevalorado?

  10. cesare | November 26th, 2008 at 10:16 pm

    Calidonia, esa non lla consinto!! Ferrín escribiu un libro formidable en 1975!! ;)

  11. o curmán de Ben Laden | November 26th, 2008 at 10:24 pm

    O libro ese do que fala, Cesare, escribir escribiuno antes.

    Calidonia: Quen sobrevalora a Ferrín? Por que?

  12. Calidonia | November 26th, 2008 at 10:34 pm

    http://www.youtube.com/watch?v=6t-YAceeUk8

  13. cesare | November 26th, 2008 at 10:41 pm

    lol, lol, lol, lol…
    que supervídeo… :D

  14. o curmán de Ben Laden | November 27th, 2008 at 1:05 pm

    Calidonia: ese vídeo é a súa resposta?

  15. cesare | November 27th, 2008 at 2:59 pm

    Home, curmán, a nada que saibamos de sintaxe eu creo que si, non?

  16. o curmán de Ben Laden | November 27th, 2008 at 3:01 pm

    Acostuma a falar polos outros, Cesare?

  17. cesare | November 27th, 2008 at 3:04 pm

    Acostumo falar polos soutos… :)
    Desculpen se me entremetín na súa entretida conversa, :)

  18. o curmán de Ben Laden | November 27th, 2008 at 3:12 pm

    Non, eu preguntaba, só preguntaba.

    O asunto: cando se di que Ferrín está sobrevalorado, case nunca se argumenta. Parece que se refiren a que o sobrevalora Darío Xohán Cabana.

    Do meu humilde punto de vista, non se me ocorre máis completo escritor galego vivo. O que non significa que non o haxa.

    Agora ben, eu procuraba falar sen ironías.

  19. cesare | November 27th, 2008 at 3:33 pm

    Eu non digo que non escriba ben. Só digo que o último bo que escribiu aínda vivía Otero Pedrayo.

    Hai dúas asociacións de escritores que o propoñen impenitentemente pró Nobel. Cando eu estudaba estaba nos programas de ensino. Non se presenta a premios. Danlle o primeiro Nacional de Literatura. Está na RAG. Fáltalle algunha rúa co seu nome e unha casa museo en Vilanova dos Infantes pra ter o pack enteiro, témome.

  20. cesare | November 27th, 2008 at 3:34 pm

    E sinceramente, Rivas é un escritor 100 veces máis completo ca Ferrín. Non sei por que non senta xa na Academia!

  21. conselleira | November 27th, 2008 at 3:57 pm

    ao final non entendedes.

    por unha parte, é de supoñer que calidonia leu a ferrín antes que dicir iso de que está “sobrevalorado”. xa é máis do que lle concedeu á teresa…

    a min o mellor que escribiu ferrín ségueme parecendo “crónica de nós”. orabén, cando escribiu “arraianos”, otero non estaba xa no camposanto?

    iso de que rivas é un escritor “100 veces máis completo” que ferrín non é serio, cesare. polo de “completo”, digo. mais podería ser divertido: desenvolva, desenvolva…

  22. cesare | November 27th, 2008 at 4:17 pm

    bueno, isto complícase, porque o curmán de ben laden falou de “completo” pensando nunha cousa e eu quizais respondín “completo” pensando noutra.

    Tamén é verdá que Arraianos é do 91, e daquela xa otero estaba nos òsiños. Pero iso foi antes dos Xogos de Barcelona, Letonia non era independente e non existía internet. Xa choveu.

    Co de completo referíame a que traballa máis leiras e que as traballa mellor. É capaz de facer novela, teatro e xornalismo, e facelo ben, cousa que Ferrín non. Quizais gañe algo Ferrín no da poesía (remontándonos atrás atraaaaaas), pero na narrativa breve aí lle andan (un no século XXI, outro a mediados do XX).

  23. conselleira | November 27th, 2008 at 5:11 pm

    iso de que na narrativa breve “aí lle andan” non é algo que poidas defender en condicións, cesare.

    ou si? e sen falar de niveis narratolóxicos, por favor.

    a poesía patriótica xa a podía meter no cú, pero aínda enxaugándoa ben, digamos que ferrín gaña algo máis que “algo”.

    unha cousa é que o ferrinismo sexa difícil de aguantar, e outra dicir que rivas é un escritor máis “completo” e deixalo aí. porque o coñece juan cruz ou porque fai novelas como dios manda?

    falamos da novela de rivas ou segues tendo claro que se trata da obra mestra do mestre rivas?

  24. cesare | November 27th, 2008 at 5:22 pm

    Muller, afortunadamente hai gustos e diferencias persoais, e así se explican cousas como esta: http://www.galiciae.com/redaccion/?accion=ver_encuesta&id=83

    Ora ben, eu particularmente o que me permite discerner a literatura que me mola da que non é a cantidade de veces que me pon os pelos de pita. E creo que por iso a narrativa breve de ferrín e a de rivas aí lle andan.

    Na poesía… ben… fixen ata camisetas cos versos das Magnolias. Pero a poesía de Rivas chega a esas alturas (anque sexa, ao meu ver, moito máis irregular).

    En todo caso estamos falando de cousas que pasaron hai moitos moitos anos, aló cando os animais falaban.

    Con respecto á novela de Rivas, non sei se é a súa obra mestra. Pero si creo que é un novelón espectacular. The best ever nese idioma (de entre os vivos).

    Ah, e deporparte, o ferrinismo é supertenro.

  25. cesare | November 27th, 2008 at 5:27 pm

    Tamén podería ser que Ferrín sexa un clásico no peor sentido da palabra.

    Ou que está tan supercanonizado porque ninguén crea que vai saír algo bo de aí máis.

    Meudeus, espero que non lea estas cousas Lándoa, que me vai depelicar vivo.

  26. conselleira | November 27th, 2008 at 5:45 pm

    a, vale. se é por gusto persoal, a min o primeiro poemario en galego de manolo vilanova mólame máis que calquera de ferrín.

    e danme máis no pelo os suicidas de ferrín cós de rivas.

    diso que se debía ter chamado “Oeste”, prefiro non opinar, non sexa que estea aquí lándoa e me acabe chamando a contas.

    a lándoa tampouco lle gustou, por certo:)

  27. eya | November 30th, 2008 at 10:17 pm

    Ai, mon amour¡¡ por fin entrou en razón, nunca entendín a súa admiración pola “oportunista nacional progresista” da que fala, a non ser que respondera ao seu natural provocador, non sei, en calquera caso, parabéns, nunca é tarde para mirar con outros ollos. BKS (e a ver se dá sinais de vida…. que me ten voçe moi esquecida…)

  28. desorde | December 1st, 2008 at 12:29 pm

    O tema dos visóns xa o soltara a Moure nun Tempos Novos de hai tempo. Poderíamos dicir moitas cousas pero creo que non paga a pena, simplemente ten un cacao mental profundísimo, faltalle información, coñecementos, reflexión, etc e sóbralle adolescencia. O problema é que ao ser famosiña (local) este tipo de xente fai moito dano. Como escritora a min paréceme aburridísima.

  29. A Conxurada | December 1st, 2008 at 8:29 pm

    A min gústame moito como escribe esta muller, pero fun a un par de clases súas…e decepcionoume moitísimo, por prepotente, cre ter a verdade absoluta e non admite ningunha contradición

  30. O Paneleiro blah blah blah | December 1st, 2008 at 9:09 pm

    Eu declaro-me admirador da Teresa Moure escritora. Ora, nom sei por quê ser um bom escritor ou actor ou futbolista capacita para dar opinions atinadas sobre outros temas. Mas, aparentemente, fazer um bom livro de poesias, ou recitar decentemente teatro outorga umha sabedoria dumha ordem especial que permite emitir opinions dignas de serem ouvidas sobre temas tam dispares como os mercados finaceiros ou relaçons internacionais, recursos ou mercados energéticos, etc.

    Haveria que ir acabando com a figura do “intelectual comprometido”, busto parlante qual oráculo deitando abbençons ou maldiçons. Reconheço-o, repatea-me a figura.

    Considerai-vos beijados/as,

    A.C.

  31. O Paneleiro blah blah blah | December 1st, 2008 at 9:12 pm

    Umha cousa, senhor Cesare, realmente há algumha diferença entre ambientalista (que para mim sempre tomei como mera traduçom de “environmentalist”) e ecologista? Nom sei, pergunto.

    Considere-se também…

    A.C.

  32. cesare | December 1st, 2008 at 9:31 pm

    Ben, a autora ve esa diferenza… Se o pensamos cun modelo de campá da innovación, por exemplo, os ecoloxistas serían os frikis, os que descobren as tendencias do emrcado, e os ambientalistas os usuarios de segunda xeración, os que son capaces de consolidar os reprodutores ipod como tecnoloxía central do mercado. Pero non creo que a autora estea dacordo con esta imaxe.

  33. Lándoas | December 2nd, 2008 at 1:40 am

    Estar estou, pero amolado e moi sen folgos estes días. Desculpen que non entre.

  34. siloam | December 2nd, 2008 at 7:08 am

    non coñozo o libro
    pero
    chapeau!
    (roubar 4×4s e empotralos contra escaparates de tendas de abrigos :))))
    bo´simo.

  35. siloam | December 2nd, 2008 at 7:11 am

    botas a lengua a pacer e u máis fácil; iso de intelectual non vale, cada un que fale do que sabe.
    P.S: Admro a Moure, pero eria a cachola quente.

  36. danielo | December 19th, 2008 at 4:15 pm

    Sobre o vexetarianismo. O que fai a xente que se di vexetariana (e aí inclúo a TM sen ler este último libro seu) non é máis que unha nova moda que se guía por dogmas.
    O vexetarianismo é necesario en moitas rexións de asia ou américa (de aí que tradicionamlente o sexan). Pero… é sostible nas Rías Baixas onde non hai apenas terra cultivable e si unha riqueza incrible no mar?
    Por favor…

  37. signatus | February 13th, 2009 at 3:15 pm

    Tanto tempo sem passar por aqui e claro, perdim umha possível polémica interesante (ainda que polo que vejo o grosso dos comentários tirárom por outro caminho).

    Soltar visons nom é umha acçom ecologista nem ambientalista, senom animalista, que nom é nem de longe o mesmo.

    O vegetarianismo é umha respeitável opçom pessoal por motivos culturais, religiosos ou ideológicos, mas nom pode ser apresentada como umha “receita” universalizável para a sustentabilidade. O critério mais flexível (e ao meu ver universalizável) para umha alimentaçom que favoreça a sustentabilidade ecológica, a justiça social e a existência dum rural vivo é o da soberania alimentar: alimentos locais/o mais achegados possível, produçom biológica, agricultura labrega, pesca artesanal…

Leave a Comment