gila



Como dicía o histórico humorista despois de pinzarlle a alta tensión ao tendal da muller do veciño: se non lle gustan as bromas, que marche do pueblo.
Pois iso
.

Este é o código HTML:

<div style="text-align: center"> <embed src="http://img218.imageshack.us/img218/6107/yoliciceronia8.swf" type="application/x-shockwave-flash" wmode="transparent" height="392" width="450"></embed></div>

birmania

Xa sei que o que estou facendo é un delito gordísimo. Pero algo me di que, vivindo nesta illa, podería acollerme á consigna do fair dealing pra publicar esta tradución do artigo semanal de Timothy Garton Ash (The Guardian, 27 de setembro). Ash, que é un experto en Birmania, e que leva anos alertando do que está sucedendo aló, non atopa moitos motivos pró optimismo. Sei que é delito, pero máis delito é ver ondear as túnicas do azafrán e non sentir sequera un arreguizo. Así que, con todos os riscos, corto, traduzo e pego aquí este artigo titulado A ditadura birmana malla en Buda e só os países veciños poden facer que pare. Sigue lendo »

roubar

Acabo de recibir unha carta do meu concello pregándome que revise os meus datos de ingresos pra actualizar os meus subsidios. Ata o de agora, e dende o mes de xaneiro, recibín unhas axudas sociais por valor de 125 libras mensuais, incluíndo axudas directas, indirectas e reducións. Todas elas baseábanse na mentira, que era verdade cando as solicitei, de que Barataria non vivía acó.
Agora podo facer dúas cousas: unha é mentir como ata o de agora, negando a Barataria, co que probablemente nunca poderei chegar a primeiro ministro, e arriscándome a que crucen algúns datos e descubran que, non só acó vive alguén máis, senón que ademais cobra, e que conseguintemente emprendan accións xudiciais na miña contra, como así o advirten na carta ameazadora, ou que manden a Ann Widdecombe, unha deputada conservadora que ten un programa na tele onde descubre casos de fraude nas axudas sociais, e que se titula provocadoramente Anne Widdecombe contra a cultura dos subsidios.
A outra é regularizar a Barataria, co que terei que mentir unha vez máis sobre a súa data de chegada, mentira que será aínda maior se o regularizo o ano que vén, ou dentro de dous anos, ou dentro de dez. A miña moral dime unha cousa, os andeis do súper outra.
Búscase opinión e consello.

1961

Como asterófilo que son, que sei páxinas enteiras da ‘Odisea de Astérix‘, que comprobo nesta nova estadía escocesa canto de verdade hai en ‘Astérix en Bretaña‘ (o meu xardín é máis pequeno ca Roma, pero o meu pilum é máis grande có teu sternum), penso que que o goberno complete a serie de asterix en galego non é máis ca un disparate a estas alturas.
En vez de loitar porque non se produzan prácticas monopolísticas na edición de linguas peninsulares (do que Harry Potter é unha cruel vítima), ou en vez de pensar nos produtos culturais que consomen os nosos mozos, prefiren poñer parches lingüísticos a historias que xa son só importantes na infancia dos señores deputados. Decididamente, están tolos estes do bloque.

arquitectura

Nun momento antes de zamparme un sanduiche de xamón, queixo e tomate, paro a ver as exposicións do cgac. Unha, a enésima que completo sobre peregrinacións e o Camiño de Santiago, ten un par de pezas paveras nunha tónica xeral de insulseza. Con outra, a de carme nogueira, boto a cavilar un gran pedazo buscándolle o sentido, pero ríndome ante a clara insustancia dos encofrados. Finalmente, a gorda, a exposición seria, é unha tomadura de pelo. O amplo catálogo da arquitectura galega dos últimos vinte anos é moito menos ca un catálogo: un milleiro de fotos sen asinar, ou planos, ou maquetas, arrombadas nun espazo reducido sen ningunha explicación, sen ningún contexto, sen ningún propósito pra alén da cantidade. De cando en cando, algunhas facianas descoñecidas falan dentro de televisións sobre determinadas cousas prás que non hai tempo, prás que non hai espazo, prás que non hai xeito ningún. Así que cando o único que se nos amosa é a cantidade, unha posíbel conclusión é que nos últimos vinte anos se fixeron máis polideportivos ca vivendas. Algo absurdo pra unha mostra absurda e a un nivel certamente subterráneo: a miña preocupación sobre o cgac vai en aumento.

paranoia, 4



Traduzo deste cartel visto o outro día nun edificio público: Hai dous xeitos de saber se é unha base terrorista. Chamar ao 0800-789-321 (liña antiterrorista). O outro é deixar que fagan o impensábel.

Sempre me pareceu que a delación non era unha virtude a potenciar polo estado.

baamonde

Sorpréndome a min mesmo con este post: Antón Baamonde, de quen me encantara no seu día a rosa sen porqué, volve facer un artigo brillantísimo ao que non lle podería pór nin unha coma. Con dpaso desertado, teremos que buscar blocólogo de referencia.

paranoia 3

Como consecuencia dun macabro acto terrorista (un paisano mandou un coche contra as portas da terminal do aeroporto de glasgow, sen causar vítimas) vinme envolto nunha espiral de despropósitos que me fixeron perder un día de vida e 80 libras.
O avión que nos traía de humidtown aterrou no aeroporto de parque-temático-beatle ao seu tempo, pero alí agardou, coas portas pechadas e nós (uns turistas ingleses, uns nenos de intercambio e algúns friquis) dentro durante dúas horas. O piloto ía informándonos de que o noso aeroporto o pechara a policía, que tiña acordoada unha zona de tres millas ao redor. Informábanos tamén de que non sabía o que podería acabar pasando.
Ao cabo, un policía moi nervioso entrou no aparato, e sen usar os servizos de megafonía do avión, informounos a berros do macabro acto terrorista e de que nos trasladarían a unha zona de seguridade. Unha hora máis tarde saímos do avión (unha raquítica e encollida aeronave de ryanair) e leváronnos a un hangar. Alí agardamos un par de horas máis, ata que viñeron uns policías revisarnos os pasaportes. Despois dunha espera longa conducíronnos nun bus deses de aeroporto a un polideportivo nas proximidades, escoltados por unha ducia de coches coas sirenas e as luces a todo meter. Ningunha información nos deron sobre o alcance do macabro atentado; ningunha información sobre as nosas conexións posteriores; ningunha comida (unha botelliña de auga). Tamén nos deron mantas (non abondas pra todos) e algunhas láminas de lona (non abondas pra todos) por se queriamos durmir no chao do polideportivo. Eran as tres da mañá: descoñeciamos onde estabamos, qué podiamos facer e non tiñamos equipaxe.
Ás cinco entrou un policía berrando: reabrimos o aeroporto e poden vostedes ir a el. Supoñendo que a equipaxe estaba aló e que había que recuperala, montamos nun bus urbano e subimos, pero aló a vida comezaba pouco e pouco e non había traza das nosas equipaxes. Logo de intensas esperas, protestas, reclamacións e moitos paseos pola terminal de liverpool, déronnos as equipaxes contra as cinco da tarde. Levaba eu 27 horas desde que collera un tren en atenas; as últimas 20 delas nun aeroporto sen saber moi ben por que. E aínda me quedaba solucionar as 200 millas que me separaban de vilamarple, porque o bus de onte, por suposto, non esperaba por min.

capitalismo

Despois de tres días collendo diversos medios de transporte na ghalleira para facer conexións entre a terceira e a cuarta cidade por número de habitantes, acabo reflexionando sobre dúas leis do sistema capitalista:
a) a maior investimento, maior beneficio
b) a menor gasto, maior beneficio
Ningunha das dúas son leis perfectas, pero a primeira responde evidentemente mellor en situacións a longo prazo, e a segunda a curto prazo. Así que mentres os transportes colectivos británicos son bos, frecuentes, a horarios dispares e de calidade, nun contexto privatizado, na ghalleira resulta evidente que os empresarios e os responsábeis públicos do transporte confían na chegada, con carácter inmediato, da fin do mundo. E quizais teñan razón.

coincidencia

Unha vez máis, a ultradereita coincide nas súas análises electorais. Que dorosa mágoa.