alimentación

Ferreiriño negroTres días despois de instalar o comedoiro na parte de fóra da fiestra da sala, vexo por fin o primeiro ferreiriño negro mandar unha zampada de sementes, pasas e flocos de millo. A este ritmo calculo que a saqueta de oito litros de penso que gardo no armario do aceite chegará ata o outono do ano que vén. E é que comen como paxariños…

2014

Glasgow 2014Dentro dunhas horas, en colombo, unha boa presada de ministros de deporte de botsuana, san cristovo, gales, australia e países así escollerán cal é a sede dos Xogos da Commonwealth en 2014, que pra quen non saiba, son a maior manifestación deportiva do mundo despois dos Olímpicos de vrao. As sedes candidatas son unicamente Abuia, a capital de nixeria, e Glaspop.
En realidade, ese grupiño de ministros de deporte estarán facendo algo máis ca optando por concederlle os Xogos por primeira vez a un país africano ou por dárllelo a esta malta de bárbaros rubios; estarán probablemente mudándolles o futuro a moita xente, e quizais tamén a min. Se sae nixeria nada, pero se escollen a glaspop o 2014 pasará a ser un fito persoal, profesional e deportivo, e asemade unha excelente data pró despegue: en agosto de 2014 debería estar recollendo as cousas e elixindo, co pasaporte británico debaixo do brazo, se prefiro vivir no leste ou no oeste.

Actualización.
Glaspop tivo sorte. Poñemos proa a 2014.

teleclube

A partir de agora, tamén atenderemos aquí.

sabre

Sabre

Despois de todos estes meses dándolle ao florete, hoxe xuntámonos catro e collemos uns sabres vellos que gardaba celmosamente David, o armeiro. A diferenza do florete, que consegue o tanto só coa punta, o sabre vence polo gume, co cal os movementos incisivos e directos teñen que trocarse en avanzadas rápidas e enérxicas a base de golpes laterais. Mañá, e aínda máis pasado, apareceranme as primeiras listas amarelas no brazo, no peito e no lombo, que irán mudando ao morado, e logo ao negro, e que tardarán en desaparecer lembrándome que cada día me gusta máis a esgrima.

gila



Como dicía o histórico humorista despois de pinzarlle a alta tensión ao tendal da muller do veciño: se non lle gustan as bromas, que marche do pueblo.
Pois iso
.

Este é o código HTML:

<div style="text-align: center"> <embed src="http://img218.imageshack.us/img218/6107/yoliciceronia8.swf" type="application/x-shockwave-flash" wmode="transparent" height="392" width="450"></embed></div>

birmania

Xa sei que o que estou facendo é un delito gordísimo. Pero algo me di que, vivindo nesta illa, podería acollerme á consigna do fair dealing pra publicar esta tradución do artigo semanal de Timothy Garton Ash (The Guardian, 27 de setembro). Ash, que é un experto en Birmania, e que leva anos alertando do que está sucedendo aló, non atopa moitos motivos pró optimismo. Sei que é delito, pero máis delito é ver ondear as túnicas do azafrán e non sentir sequera un arreguizo. Así que, con todos os riscos, corto, traduzo e pego aquí este artigo titulado A ditadura birmana malla en Buda e só os países veciños poden facer que pare. Sigue lendo »

roubar

Acabo de recibir unha carta do meu concello pregándome que revise os meus datos de ingresos pra actualizar os meus subsidios. Ata o de agora, e dende o mes de xaneiro, recibín unhas axudas sociais por valor de 125 libras mensuais, incluíndo axudas directas, indirectas e reducións. Todas elas baseábanse na mentira, que era verdade cando as solicitei, de que Barataria non vivía acó.
Agora podo facer dúas cousas: unha é mentir como ata o de agora, negando a Barataria, co que probablemente nunca poderei chegar a primeiro ministro, e arriscándome a que crucen algúns datos e descubran que, non só acó vive alguén máis, senón que ademais cobra, e que conseguintemente emprendan accións xudiciais na miña contra, como así o advirten na carta ameazadora, ou que manden a Ann Widdecombe, unha deputada conservadora que ten un programa na tele onde descubre casos de fraude nas axudas sociais, e que se titula provocadoramente Anne Widdecombe contra a cultura dos subsidios.
A outra é regularizar a Barataria, co que terei que mentir unha vez máis sobre a súa data de chegada, mentira que será aínda maior se o regularizo o ano que vén, ou dentro de dous anos, ou dentro de dez. A miña moral dime unha cousa, os andeis do súper outra.
Búscase opinión e consello.

1961

Como asterófilo que son, que sei páxinas enteiras da ‘Odisea de Astérix‘, que comprobo nesta nova estadía escocesa canto de verdade hai en ‘Astérix en Bretaña‘ (o meu xardín é máis pequeno ca Roma, pero o meu pilum é máis grande có teu sternum), penso que que o goberno complete a serie de asterix en galego non é máis ca un disparate a estas alturas.
En vez de loitar porque non se produzan prácticas monopolísticas na edición de linguas peninsulares (do que Harry Potter é unha cruel vítima), ou en vez de pensar nos produtos culturais que consomen os nosos mozos, prefiren poñer parches lingüísticos a historias que xa son só importantes na infancia dos señores deputados. Decididamente, están tolos estes do bloque.

arquitectura

Nun momento antes de zamparme un sanduiche de xamón, queixo e tomate, paro a ver as exposicións do cgac. Unha, a enésima que completo sobre peregrinacións e o Camiño de Santiago, ten un par de pezas paveras nunha tónica xeral de insulseza. Con outra, a de carme nogueira, boto a cavilar un gran pedazo buscándolle o sentido, pero ríndome ante a clara insustancia dos encofrados. Finalmente, a gorda, a exposición seria, é unha tomadura de pelo. O amplo catálogo da arquitectura galega dos últimos vinte anos é moito menos ca un catálogo: un milleiro de fotos sen asinar, ou planos, ou maquetas, arrombadas nun espazo reducido sen ningunha explicación, sen ningún contexto, sen ningún propósito pra alén da cantidade. De cando en cando, algunhas facianas descoñecidas falan dentro de televisións sobre determinadas cousas prás que non hai tempo, prás que non hai espazo, prás que non hai xeito ningún. Así que cando o único que se nos amosa é a cantidade, unha posíbel conclusión é que nos últimos vinte anos se fixeron máis polideportivos ca vivendas. Algo absurdo pra unha mostra absurda e a un nivel certamente subterráneo: a miña preocupación sobre o cgac vai en aumento.

paranoia, 4



Traduzo deste cartel visto o outro día nun edificio público: Hai dous xeitos de saber se é unha base terrorista. Chamar ao 0800-789-321 (liña antiterrorista). O outro é deixar que fagan o impensábel.

Sempre me pareceu que a delación non era unha virtude a potenciar polo estado.