Iop

Mentres me achego a big-maceda, na radio emiten a actuación de Chico César nun centro histórico ateigado. Iop porén actúa no extrarradio, nun hipódromo desusado, entre macaco, dhira e un grupo local espantoso que se chama los niños de los ojos rojos. Macaco gústame, anque o espectáculo é trapalleiro e falto de ritmo, pra aguantar ata dhira non teño forzas anque me molen mazo, e os rapaces locais fan unha especie de rock neurasténico celta, ben definido por un adolescente ao noso lado: quillo, que vengan los niños, que quiero botar.
Mentres cambian os escenarios, soa a música que pica DjSU e proxéctanse as imaxes de Iop. Queda extraordinariamente xenial ver de súpeto xurdir sobre aquela poeira algunhas mensaxes de NM ou de aduaneiros (debidamente asinadas), anque só lle prestemos atención os parentes.
Iop é a outra metade da miña vida. E ás veces non a coñezo.

non se vos pode deixar sós

1. Mentres estou pra recoller a bolsa na fita transportadora do aeroporto Charles de Gaulle, chámame 12Uvas. O día anterior, xusto despois de atoparse comigo na rúa, tusiu sangue. Foi ao hospital, fixéronlle unhas placas e acusárono de cancro. Cancro de pulmón. Unhas horas despois os doutores rectificaban a unha grave tuberculose, da que a estas horas se recupera na casiña. Protexidiño. Non vai ler estas balas nuns cantos días.
2. Unhas horas despois, mentres agardo nunha rúa perto do concello de verneville, recibo chamada dunha amiga de meu irmán que é tamén amiga de shotokan. O que me conta é de non crer, pero as pistas que deixa no seu blog son suficientemente significativas.
As cousas están xa algo encarreiradas. Haberá que seguir insistindo en levalas ao rego.

estrañeza

Volvo ascender a onda dos grandes ciclos laborais. Mesturo na thermomix da vida uns viños con Feiraco onde me fala da velocidade das motos pola recta do castiñeiriño (pona a 250), con packaging de empanadas, con conversas sobre heroína e as rúas de liège, coa reforma e a contrarreforma, co futuro da Ghalleira e cos antibióticos que teño que endrogarme por culpa da moa do (pouco)xuízo. Quedo sen aire, ou quizais con pedazos de vida atascados nas coitelas.
Esta finde: Barataria, logo dunha viaxe con Fufli estreando a pascualiño.

wittgenstein

A mellor maneira de fuxir é botar a correr, e por iso acabo lambendo madrugadas o venres e mailo sábado. O venres, xogando en casa, pásolle a man polo bandullo a Mexicano (cruzamos sms; creo que podemos volver quedar), volvo a ver despois de tanto tempo a Lánguido, corre intimidade entre eu e Belokan, estou con Fufli e con Dagha e finalmente quedo cun rapaz algo pelouriño, pero simpático, de vernos no seguinte bar.
Pero polo camiño, nas rúas molladas, intercéptame Pinganobeizo: está bastante peneque, e di que me chamou moitas veces ao longo da noite. Aprovéitome del e róubolle un bico do fuciño. Despois déixoo estar, extraviado, dando voltas á procura de algo, mentres marcho con Eliziza prá seguinte parada.
E na seguinte parada está o meu pelouriño: bícame atordoadamente, apértame, facemos todo o que se pode facer nas escaleiras da disco, e incluso bastante máis, e ao final separámonos por dificultades loxísticas. Quedamos pra outra vez, pero terá que ser despois do martes, que ten un exame de filosofía da linguaxe: Wittgenstein, Russell, coñeces?, pregúntame.

walter

Veu walter dende ankara: fomos xantar e logo collemos o coche pra visitar os koalas. O koala estaba facendo obra: meten un cuarto de baño, o terceiro, no garaxe. A koala marchara a unha xuntanza do grupo de danza e gaitas.
Falamos moito, e ben. De sindicatos/xestorías e da euroconstitución, sobre todo. Ao final acabamos falando de soidade, de como nos imos facendo vellos e quedando fóra do mercado sentimental. Walter di que non lle importa: quere estar só; ten a súa rotina e non desexa que nada e especialmente ninguén a perturbe; non quere ‘quedar pra tomar algo’; entre documanía e o sexo prefire documanía.
Despois conducimos de volta pra humidtown e mentras fóra cae unha xiada de raio repasamos a conversa. Deitámonos na mesma cama, lemos unha miga. Sei que me abrazo de noite a el.
Agora chama e dime que marcha pra ankara de volta, antes do previsto. Ten cousas que facer, di. Insisto un pouco, pero sei que é inútil.

almorzo

Gústame almorzar con tempo, pero ocorre moi poucas veces. Sento no sofá que está onda o vidro, abro a fiestra, e o fresco da mañá despraza cara a dentro o fumiño que sae da cunca de leite.
Vén Uli sentárseme nos xeonllos. Xogamos un pouco, pero nisto pasa unha formigoneira pola rúa e Uli escapa, asustada. Leva once anos asustándose das formigoneiras.
Son horas decisivas. Se acabo este día laboral con éxito a finde prevacacional pode non ser un inferno.

noites

O traballo e os estudos foron bastante intensos esta semana. Pró remate, saio o venres ao cadelicio con Fufli. Vexo a Würth e ao seu amigo Bailarín, vexo a Sen-Referencia (que me propón trío pró domingo), e regreso á casa acompañando a 12Uvas, que me conta de como vai e volta a súa relación cun amigo del, que insiste na súa heterosexualidade incluso despois de deixarlle o lombo retorto nos asentos dun coche, á noite, no monte.
A miña vida é un tesouro. Grazas a eles.

rabuñadas

Despois dunha tarde intensa con Fufli, de lavandería en lavandería, en coche, pasando por tendas de decoración e de toallas, chega a noite imprevista: tomaba o último corto con 12Uvas &friends, coa idea posta na cama e na lectura, pero (m)alicia resgátame.
Recuncamos xuntos nas artes escénicas: o espanto perpétrao (unha vez máis) Berrobambán. Fóra temas persoais, que os hai, non lembraba tantas ganas de liscar, de puro cutrerío. Pero a cortesía con (m)alicia e o pracer de rexoubar proximamente con Neit e con Iop pagaron a pena da permanencia, do frío e do horror.
Logo afortunadamente entramos nunha serie de preguntas imperfectas, anacos de historia común descoñecidos, que nos meteron en calor a medida que accedíamos aos bares. Tamén estaban Plattdorf e o sorrideiro e fermoso Mánager. Pensei que a miña envexa por Plattdorf ía ser maior, pero velos gabear un por riba do outro púxome romántico, inocente, maternal, ou algo.
Así é de explicar que estivese parolando unha boa hora con Geneve, un mozote espilido, que agardo volver a ver. Só de lembralo bríllanme os ollos contra a pantalla. Pero a cabeza e a noite son reviradas e preferín irme con Non-acho-a-Ana, un reintegrata demasiado caprichoso, demasiado borracho e demasiado agresivo. Tanto, que de camiño, co beizo inchado e as tetas doridas de rabuñadas e trabadas, lisquei del.
Coa autoestima elevada, nada máis me cumpría.

tirana

Aproveitando a ausencia vacacional de Todonada, vou facer unha recomendación. La Tirana é un trío de bosanova e bolero: cantan, cabaretean, samplean. Canta Patricia de Lorenzo, preñada, con toda a enerxía que lle dá levar tres quilos de vida nas entrañas. Ao contrabaixo Xacobe Martínez e nas bases e na guitarra un megafermoso Marcelino Galán, do que caemos namorados Plattdorf e eu. Plattdorf négao, porque creo que ten mozo, ou algo.
Cantan cousas lindas e cousas quizais algo empallagosas, pero o momento é feliz. Esta que vexo é unha galleira moderna, medianamente divertida, onde frolecen o amor, o desexo e os macintosh. Nego os últimos posts: son perfectamente contente, como só se pode estar contente en soidade. Despois de dous güisques con Plattdorf, Henri e (m)alicia, retírome á casa. Uli agarda por min. É tarde, e estou algo peneque, deitado nunha cama grande. Pero non me importa.

paraíso

Orchestra BaobabMáis cousas relictas destes días: os xeniais concertos de Ari, a Orquestra Nacional do Barbés e sobre todo a Orquestra Baobab: coa voz dun dos cantantes lembro un vello cego que paseaba pola rúa do meu hotel en dakar, á caída da noite, salmodiando a berros unha sura calquera, fermosa como calquera, estarrecedora coma calquera.
Tamén unha conversa tranquilizadora de Ferre, que viaxa a Londres. Outra con Pequenosdetalles (demasiado escasa) acompañada de roce de bandulliño.
As mensas de Belokan.
Fufli. Neit.
Este paraíso de acontecementos é o meu paraíso. De momento.