incisións

Vou a Auria de relampo, a ver o sete que lle fixeron ao probe de Baia. Pra quitarlle un fibrosarcoma escarváronlle unha costura de 23 puntos ao longo do lombo. Véselle ben.
Recibo mensa de Ferre, e déixame preocupado. O koala anda tamén ensarillado nun cristo gordo, entre política e narcotráfico.
Iopanda regálame un catálogo de arquitectura viguesa. Oh!
Tamén recibo correos de Peke, que discutimos sobre qué paxaro me acae mellor. Fran Alonso dime que si, que meterá comments.
Peke, Caimán e Sarabaras solicitan os meus servizos de bloparteiro. Teño que ordenarme.
Leo un blo marabidikal, como sempre, e contemplo asustado o rebumbio que produce tamén na bloguesfera o debate normativo. Ela busca isoloargumentos. Eu búscoos pra non exiliarme esta tarde mesmo. Como sigo lendo ébano, a nostalxia de áfrica faise imensa.

naufraxio

12Uvas cada vez comparte máis minutos comigo. É moi divertido, e non tería blos pra contar todo o que me di que resulta verdadeiramente pavero. Apréndeme unha palabra máis, focotexo, que é ao que cheira algo que fede profundamente. Dixo que As Burgas cheiraban a focotexo; prescindiremos dese apuntamento.
Coñecinlle ao pai, coñecinlle aos amigos, faloume do seu vespino, dun rollo que tivo cun hetero no traballo (calai ese marmurio), e esta mañá mencionamos por primeira vez o ‘noso’. Dixo dúas palabras, chantaxe e límites, ás que agora regreso e por máis que busco non lles vexo conexión. Fíxose silencio, e pausa pra seguir falando, noutro día.
Sinto a lama do pantano ata as coxas. É posíbel moverse sen avanzar? e sen afundir?

xurisprudencia

Recunco con 12uvas e, aínda que segue sen dicirme a qué se debe a cicatriz que lle sinala o pescozo de parte a parte, déixame a cama chea de recendo. Fala extremadamente despacio, alongando as vocais, e para el todo é ‘horriiiiiiiiible’ ou ‘terriiiiiiiiiiible’. É simpático, pavero. Ademais, descubrín a súa conexión co mundo paralelo da rede: traballou picando xurisprudencia pra Westlaw, o portal de leis americano que ten unha sucursal española da man de Aranzadi. De feito, Westlaw recibiu da Xunta 60.000 € por incluír os contidos do DOG en galego, ou sexa, por cortar e pegar uns arquivos, que nin sequera houbo que picar.

O tempo arráncame cara adiante; a cabeciña sinálame prudencia.

cicatriz

O día primeiro sinala o camiño de todo xaneiro, así que deduzo que non me vai quedar máis remedio ca afundir na felicidade ata os xeonllos. Gracias a Todo Nada e a Jean-Sol Partre coñezo unha rapaza dezá que me leva o sentido. Escórreseme entre os dedos da noite, pero espero que acuda aquí en vindeiros días. Ao final, despois de güisques e pesicolas, aterro con Sarabaras no HS, e saio de alí cun picheleiro de altura.
Veciño da rúa das Hortas, cóntame unha longa e divertida historia sobre o ritual de tomar as doce uvas (peladas e sen pébedas!!). Quedoulle. 12uvas, que é asesor fiscal en paro, fálame de todas as tendas que había nas Hortas hai dez ou quince anos: o ultramarinos de suso, a perruquería, a tenda de suvenires, a de picaportes e manetas… Nada diso queda xa. Gastamos os alentos ata que brilla o día e problemas técnicos fan que nos despidamos diante da tenda de Domingos, onde comezan as obras.

Ten unha cicatriz que lle percorre toda a gorxa, de dereita a esquerda. Pregúntolle e non responde, pero o desacougo non escurece este comezo de xaneiro. Gugleo e non o vexo.

chomsky

Chomsky non é a quinta muller de Pajares. Walter regálame a min, e eu regálolle a el ao mesmo tempo, o mesmo libro. Deixemos xa de zugarnos as pirolas.

vésperas

Esta noite pásoa en pontevedra, coa family, pero as cousas boas sempre suceden a véspera. Viñeron Peke e Bollo a scq, coñecemos as ruínas do venezuela, e escolmaceamos e bebimos, e agasalláronme cun buda viaxeiro, para cruzar o mundo con serenidade e alegría. Eya deixoume no calcetín unha camiseta preciosa, creo que a máis bonita que tiven nunca. Tamén estaba o Caimán, a quen vin realmente ben, e fíxome moi feliz.

E hoxe á mañá, logo de traballar toda a noite a prol das mulleres desfavorecidas da provincia da coruña, recibo un impresionante meil do Pequenosdetalles.

Transcribo: Este inverno foi o dos ceos preciosos. Visito a chaira de Antela todas as mañás, entro polo alto de Sandiás. En 50 días non a vin dúas veces igual. Paisaxe mutable. Cando vou de humor fago coincidir a música coas nubes. Así, mañá de néboa poño a banda sonora de good bye lenin, mañá de chuvia moustaki e mañás de sol, mañás de sol de inverno, lamatumbá. E pensei: ao meu grupo fáltalle un vals, un medio tempo que fale de mañás de sol na alameda, mañás de sol urbanas, de domingo, de pulpo e paseo co avó, de banda no palco, un tres por catro con guitarra e acordeón, que fale de recordos de soños de neno, que fale ao millor de cando nos decatamos de que xa non soñamos tanto.

A imaxe non ten que ver, xa sei. Vina en Asianpunkboy e moloume. Imaxinai sobre el un decorado de toronto nevado, sen pecharlle a camiseta, e gozai como poidades da familia.

Marcha 5Line un día destes para Andorra, a traballar nunha estación de esquí. Non podo ligarlle dende aquí porque non sei sequera como se chama a estación. Esta noite estivo na casa, saímos ao cine e tomamos unhas cervexas. Coñecín amigos del. Di Chesterton: Non hai nada comparábel a coñecer un home, anque sexa só durante dúas horas.

Podo dicir agora, antes de que marche cara á neve nun C2 de seu pai, que a 5Line o coñecín, e que foi realmente incomparábel. Ao longo de 4 meses de encontros aquí e acolá fomos trazando un cariño de baldosas amarelas moi simpático.

Unha pista: este pode ser un bo lugar para patinar, quizais tan bo como París.