A semana foi silenciosa, de moito traballo, con algunhas angustias e algunhas boas novas. Calo, pero mentres tanto os días esténdense, e o sol comeza a bater nas xiadas. Melloro a saúde, a resistencia, a velocidade. Na oficina xa se ven as primeiras gabitas. Voltou a familia rato. Anúncianse as primeiras datas da tempada de visitas. Rematou a invernía.
maldá
Xa mo dicía Barataria: tanta maldá vaiche poñer enfermo…
E ao final, velaí: unha verruga no queixelo. Téntoa disimular coa barba, máis longa do normal, pero cantas veces sen dacatarme fedello nela ata que sangra… Hoxe merquei un produto pra acabar con ela.
Se me pasa, prometo prometo que serei bo…
pequenas catástrofes
Porque o becho que é Cesare é pouco máis intelixente cás pedras dun camiño, caducoulle o dominio persoal na neveira. Así que durante dous días non recibirei nin mandarei correo, se as cousas van ben. Completamente illado, inconsciente. E se non van ben… non, non quero poñerme no peor: isto é o estado máis próximo á morte que coñezo.
bóla de neve
Peke pídeme que responda este cuestionario, ao parecer chamado Proust. Apetéceme reflexionar sobre min como facer unha folga de fame, pero se mo demanda ela non me queda outra ca aceptar.
1.- O principal trazo do meu carácter? A soberbia.
2.- A calidade que prefiro nun home? O humor.
3.- A calidade que prefiro nunha muller? O humor.
4.- O que máis aprezo nos meus amigos? A pacencia.
5.- O meu principal defecto? A inconstancia.
6.- A miña ocupación favorita? Aprender.
7.- O meu soño de dita? Viaxar sen maleta.
8.- Cal sería a miña maior desgraza? Perder a mobilidade por completo.
9.- Que quixera ser? Chofer de Ban Ki Moon.
10.- Onde desexaría vivir? Noutra parte.
11.- A cor que prefiro? Todas.
12.- A flor que prefiro? O tulipán.
13.- O paxaro que prefiro? A bubela.
14.- Os meus autores preferidos en prosa? Ufff, case calquera…
15.- Os meus poetas preferidos? Frei Luís de León.
16.- Os meus heroes de ficción? Corto Maltés.
17.- As miñas heroínas de ficción? Mma Ramotswe / Hermione Granger
18.- Os meus compositores preferidos? Britten.
19.- Os meus pintores predilectos? Jorge Cabezas.
20.- Os meus heroes da vida real? Kofi Annan, Xavier Gómez Noia
21.- As miñas heroínas históricas? A Pantoja, pero anque lles foda a moitos aínda non é historia…
22.- Os meus nomes favoritos? Rashid.
23.- Que detesto máis ca nada? O conservadorismo.
24.- Que caracteres históricos desprezo máis? Ningún.
25.- Que feito militar admiro máis? A rendición.
26.- Que reforma admiro máis? A desamortización, e reformas equivalentes.
27.- Que dons naturais quixera ter? Que os días trouxesen 48 horas e non 24, pero non sei se iso é natural.
28.- Como me gustaría morrer? Non me gustaría morrer nunca. Pero se non queda outra, que sexa con memoria e sabendo que vou morrer.
29.- Estado presente do meu espírito? Canso (son as dúas da mañá).
30.- Feitos que me inspiran máis indulxencia? As decisións.
31.- O meu lema? Sexo, libros e quilómetros.
eleccións 3
Como non me podo resistir, e con algunha escusa gramatical, pídolles aos meus clientes que me falen de política e das eleccións de mañá. Sorprendentemente, resúltame unha mostra moi representativa.
• o progre, ese que di que a súa actriz favorita é catherine deneuve, entre os laboristas e os conservadores queda cos laboristas, e afirma que lle interesan as políticas sociais
• o friqui, que baixa esporadicamente dunha galaxia lonxana onde gasta a vida e as ideas combatendo os soldados do exército imperial, vai votar nacionalista
• o incatalogábel, un self-made-man con cara de tendeiro de mafalda ou de borracho nocturno ou de xogador de rugbi, votará os liberais porque non lle gustan nin os laboristas nin os conservadores
• o macarra da cadeaza de ouro ao pescozo non vai votar, porque non sabe nada de política.
• das tías, ningunha vai votar. Unha peloura traballadoriña do norte de irlanda di que votaría verde, pero que como non é escocesa… A outra di que non sabe, que os políticos son todos uns mentireiros, e que cando vota faino polos conservadores porque é o que fan na familia.
Insisto: a democracia é xenial.
eleccións 2
O debate de onte á noite na televisión refórzalle a un a sensación de que a democracia é un invento xenial: os catro líderes de escocia respondían as preguntas do público (directas, precisas, agudas, educadas), e un moderador enérxico e irrespectuoso interrompía o político e dicíalle tan panchamente, “señor stephen, é a terceira vez que lle pido que responda a pregunta da señora do público, e a última. Vostede verá“.
criminoloxía
Barataria fai o seu traballo e fíchame un estudante de criminoloxía de 20 anos pra tomar unhas cervexas na casa e parolar un pouco inglés. Un exercicio lingüístico tan interesante como pobre o ferrete posterior, que se pode resumir en que mentres el lla zugaba a Barataria, a min dábame biquiños. Menos mal que ao estar tres sempre se recibe algunha pirolada perdida, e o ferrete rematou como rematan esas cousas, e bicámonos de novo, e despediuse, e quedei na cama cavilando por que non estaba sicoloxicamente preparado pra ser o terceiro.
Pero de todo, como desas 13 millas que me mandei en bici na tarde do domingo por entre os bloques de edificios de paisley e contra o vento do leste, de todo se aprende.
polémica
Cal é a diferenza entre unha muffin e unha madalena?
a) a madalena emprega royal e aceite, e o muffin lévedo e manteiga (via shotokan)
b) a madalena é máis esponxosa có muffin (via plattdorf)
c) a madalena ten forma de cuncha e o muffin… de madalena (via wikipedia)
d) son o mesmo
Prégase confirmación ou rexeite. Tamén se prega a intervención de colineta.
paranoia, 3
A xefatura da empresa onde traballamos pásanos novas indicacións sobre a redacción de probas e testes. Entre elas está a de que non lle podemos enviar esas probas ao departamento de avaliacións por email, senón que debemos entregalas en man nunha unidade de memoria portábel, para evitar que alguén poida ghaquear o sistema de correo e intervir esas comunicacións.
Ademais, cando redactemos esas probas de avaliación temos que desconectarnos de internet, incluso se o facemos cos nosos propios computadores portátiles. Existe o medo de que un dos nosos clientes ghaquee a intranet da empresa onde estamos, desbarate as devasas, acceda aos nosos computadores, rastrexe o que estamos facendo nese preciso momento e zas! atrape unha desas probas de avaliación ao voo, xusto no intre en que lle estamos metendo as marxes ou mudando a tipografía. Que terríbel sería para a integridade da empresa!
Baixo este espectro de presión traballamos, como se manexásemos átomos de uranio e non rudimentos de cine europeo, filosofía ou acuicultura. Non é de estrañar que de súpeto alguén decida saír nos telexornais.
72
Non o sei de certo, pero así a ollo debo de estar chegando a 72. As galletas de xenxibre e os taper que carrexa Barataria do restaurante italiano están batendo récords. Pero hoxe dixen stop.
