Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » bip

compañeiros
Si. Sinto unha fonda e orgullosa alegría.

babel
Non sei por que a martinpawley lle non gustou babel. Chámalle filme perigoso, e ignoro se é porque deduce del que os árabes son sempre terroristas, que non se pode deixar os críos cunha chacha hispana, que as xordomudas xaponesas son unhas saídas ou que os estadounidenses son todos uns cretinos.
A min custoume encaixar as pezas: non as da trama, que xa as encaixaron forzadamente outros, senón as dos motivos: si, ese é o meu mundo, recoñézolle as cicatrices, a incomunicación, a soidade de estar en compañía, pero parece que me falta esa corda que me saque da desolación ou que, porén, acabe de esganarme definitivamente con ela.

moa 2
Tal e como prognosticaron os dentistas, a moa do outro lado estame a dar guerra.
Esta semana levo dor, febre e, finalmente, hoxe, irritación e fortísima dor na gorxa. A infección expándese. Non sei se irei ao médico mañá, pois o veredito xa o sei: máis tarde ou máis cedo fender a enxiva e extirpar a moa do xuízo da dentamia inferior dereita, que tamén nace atravesada.
Como funcionarán aquí os dentistas?

castelo
Un dos meus clientes ten o agradábel costume de vir ás nosas xuntanzas en chándal. No resto da súa vida é un deportista e nótaselle en todo. Eu, dende logo, non podo facer nada máis que mirarlle pró chándal, prós cabelos loiros, prá silueta do corpo, prá cadeaza de ouro que leva ao pescozo. Nada podo facer máis ca derreterme (márcame unha regra explícita da empresa en que traballo, como un pastor eléctrico). Así que miro e reláxome cando me medra o ego como escuma de cervexa porque me mira, porque me segue, porque está pendente de min.
Pero esa fermosa substancia inalcanzable, que con só un movemento de brazo podería tronzarme ou extasiarme, decidiu que había unha empresa de introdución ao márquetin máis interesante. E cun brevísimo email corta a nosa relación e desaparece, ignorante do derrube do máis grande dos castelos.

felicidade plena
E finalmente, despois da axuda impagábel de MacGyver, Chimpi e Bertorella, despois das 216 libras de BT, despois de conectar o pecé de Barataria e despois de chamar a un simpático Andy en cas aol, si, despois de todo iso, teño adsl en casa. E xa me sinto persoa.
Preparen os seus correos, os seus skypes, os seus blogs. Voltei.

rabuñazos
Día a día aparécenme novas trazas roxas sobre a pel. O outro día pásame ao saír de traballar ás dez, despois cunha molladura, ou cun golpe que incomprensibelmente tarda demasiado en curar, ou cunha comida que se me pega, ou cun ipod que desaparece nun autobús no sur de inglaterra, ou cunhas lentellas demasiado salgadas. Outras veces a culpa é desa soidade que vive agochada entre a saba e o edredón e que me deixa os pés marcados como das frieiras.
Hoxe tiven unha evacuación por alarma antiincendio nun polideportivo, unha roda picada (desta vez é a válvula a que perde aire) e unha factura de telefónica por unha reparación de media hora que ascende a 216 libras.
E sinto tres rabuñazos máis á altura do ombro. Como aínda non teño espello na casa non mos vexo. Pero sei que están aí.

catástrofe
Volvín espertar sobresaltado contra as tres da mañá. Meudeus, pensei, quen agora? Apaguei a superstición no borralleiro, atribuínllo á dor das costas, e seguín durmindo. Cando me ergo ás sete pra baixar ata glesga e facer de xuíz nuns campionatos, escoito un pequeno marmurio. Espido e descalzo, camiño pola moqueta ata que me decato de que á entrada da sala a branda superficie do piso está misteriosamente húmida. E arriba, dunha bocha, pinga un mar.
Como me gustan os sábados.

PS: Veño conectarme á oficina nun descanso que me dan os fontaneiros e, oh, sorpresa, o meu portátil perdeu as dns

policía
Vale que o meu veciño diga que estivo de visita en benetton e no algarve (benidorm, alacante), vale que me asegure que é crego cando eu sei que traballa de recolledor de lixo, vale tamén que cada vez que o vexo estea visibelmente peneque. Vale incluso que teña a un colega petándolle na porta algunhas noites, ata moi tarde, en camiseta ou pixama.
Pero cando á medianoite me entraron dous policías na casa preguntando por uns vidros rotos e polo que aquí chaman anti-social behaviour, souben que algo non estaba indo perfectamente ben no piso do lado.

inverno
Foi duro o inverno cos nosos.
Primeiro foi o avó de iop, logo o pai de caimán, logo uli. Logo o pai de Ian. Hai uns días marchaba tamén Aliansa, a avoa de fufli. Aliansa, cos seus moitantísimos anos, tecera con el unha estraña complicidade: sen palabras, sen conceptos, sabía qué estaba sucedendo cando o neno quedaba coas mulleres na costura. Tiña os pés completamente revirados cara dentro, e dábanlle un andar de antigo xoguete mecánico. Pero por iso ou grazas a iso chegou á vellez solteira, plena, e con varios fillos de distintos homes, e netos, e bisnetas.
Hoxe espertei sobresaltado ás cinco da mañá, como cando me roubaran o asento da bici. Sentíame intranquilo, din voltas na cama tentando camuflar a irremitíbel dor das costas e despois de moita desazón funme duchar contra as seis. Coa auga correndo e a escuridade fóra decidín volver prá cama, e durmín. Ás nove e media espértame unha mensaxe de Peke: morreu meu pai, dicía. Así, sen máis previsión cá vellez. Dende todas estas millas imaxino os preparativos, as chamadas, os quilómetros, o nerviosismo, as conversas inútiles, todo iso que pensamos que non vai suceder anque sabemos que si.
E entre unha mesta arañeira de lembranzas albiscamos o gran misterio: malia todos os esforzos, ao final non queda nada. E non o damos entendido.

conexión
Logo de acabarlles coa paciencia a Chimpi e a Berto, determino, con probas indirectas, que un dos problemas que ten a miña adsl é que non dá liña telefónica. Ou sexa, chúzolle un teléfono e non recibo chamadas, nin me sae nada cando descolgo. E calquera wifi sobre a nada é un exercicio inútil.
Aventuro pois que botarei quince días máis sen conexión, gastando os seráns ata as dez, blogueando sen rede, perdido, sen poder saber que diaño é ese basking shark do que falan na tele, tan inútil coma un libro de caneiro.
A vida sen internet é un inferno.