príncipes
Cando estaba aló gustábame este. Agora, chegados aquí e perdida toda a espranza por causa de kate middleton, gústame o de suecia.
Desde que vin esta foto non podo parar de mirarlle prá pirola. Pasaralle o mesmo a alguén? Prégase confirmación ou rexeite.

sangría
Quen planificou levaba maldade: puxeron a Dave toda a xornada a arbitrar con ese chavaliño novo, ese que é español. Porque a dave non hai quen o ature. Non é mal xuíz, pero dáselle por falar o tempo todo, con esa boca media torta que teñen a maior parte dos tontiños, así que ademais non lle entendo ren: e cóntame, pregúntame como se din palabras en español (knee, lap, heat…), di mierda e ri, di tonto e ri, e cóntame da propiedade que acaba de mercar en santapola, onde irá vivir dentro duns meses, cando se xubile, coa muller, e pregúntame se me gusta a sangría, e ensíname as fotos desa propiedade onde “aí non se ve, pero detrás diso todo está o mar“, unha especie de cárcere branco, arrodeado dun terro árido e un cerre de formigón, e illado, illado do planeta, pero preto dun bar, e dime quiero tos servesas e ri, e dime sangría e sorrí con ese orgullo que dá ter unha casa, en santapola, pra agardar que chegue a morte, falando e bebendo sangría.

voluntarismo
Tiven que desenganarme: as setenta persoas que case todos os sábados e todos os domingos visten un chándal púrpura pra arbitrar encontros de atletismo en escocia, fano con carácter totalmente voluntario. Non hai un só penique ao final do túnel. Nin prós que botan dez horas pegando unicamente tiros (hai algo máis aborrecido e máis complexo có de dar as saídas?), nin prós que de véspera distribúen rigorosamente a todos os xuíces por postos e probas nun exercicio de combinatoria fascinante, nin sequera prós que se erguen as seis da mañá en aberdeen pra facer 200 millas en coche e mirar que os pícaros de u13 rompan, cando cómpre, coa súa estaxe. Nada. Nin un mísero penique cobricento. E ás veces, coma hoxe, nin os sánduiches.
Funcionan mil veces mellor cós galegos, moven o dobre de xente pró dobre de xornadas que ademais, resultan o dobre de intensas. Así que o voluntarismo non é nocivo: só é malo o trapalleiro.

herodoto
Remato de ler o moi cumprido libro de ryszard kapuściński sobre herodoto e el mesmo, nunha tradución catalá mercada no aeroporto de barcelona. O texto é fantástico, e fai que se me esvaian todas as poucas dúbidas sobre a necesidade de que a este polaco lle toquen os dedos milagreiros do premio nobel.
En realidade, é o menos kapuściński de todos os kapuścińskis. Pero tamén é onde mellor se retrata, procurando na figura do clásico xornalista grego as razóns da súa vida, das súas viaxes, da súa soidade. Ás veces atixólase con xerxes e os emperadores persas, e noutras comete algunhas imprecisións históricas, como no caso da illa de gorée, pero non son trazos demasiado importantes. O mundo, os postos fronteirizos e o carácter das xentes desvélase con clareza, con paixón e el pasa definitivamente a formar parte do meu equipo de ídolos.

desconexión
O chinés que me alugaba a wifi voltou pró seu país. Ademais, escocia pecha por vacacións durante cinco días e o meu punto principal de conexión máis. Por riba, apaño unha gripe. Así que levo moitos, moitos días sen poder conectarme, completamente illado do mundo, sabendo das catástrofes polas portadas dos xornais, polas breves mencións nos partes da radio do coche, polas sms dos amigos.
Non lembro a última vez que estiven tan desconectado. Vívese tranquilo así, pero só se vive media vida.

ulises
Mentres, a uns centos de millas ao sur, ulises, a gata que saltou dun sexto e que me deu todo o mellor que podía darme nestes trece anos, pasaba a noite en urxencias. Ten os pulmóns encharcados. Aínda non saben o que é. Non teño con quen chorar.

jamesbond
Aproveitando a noite do sábado en glasgow, vou con Fai ver casino royale. Pásoo estupendamente ben co número dos guindastres ou coa persecución do camión de gasóleo, malia non entender nada da trama, pero contra a metade da película comezo a despegar un pouco do esforzo de tradución e cavilo no éxito deste axente da espionaxe inglesa que arrasou medio madagascar e ademais a recadación británica. E é que o filme ten todo pra conseguir que os británicos, fantasticamente, se sintan identificados:
— failles pensar que inda teñen algo de importancia na espionaxe e no goberno do mundo, malia que os rusos incen de polonio as rúas de londres, se lles peta, diante dos fuciños do M15.
— failles sentir que son máis espilidos cós americanos, esa especie de apéndice torpe desenvolvido tumoralmente ao outro lado do atlántico.
— déixalles clarito aos europeos que os intereses da raíña valen máis có seu pasado cultural de romanizados: cáustica e simbolicamente chimpan cun pedazo da cidade das marabillas, pensando co fígado que non se queixen no continente, que ben podía ser parís ou berlín, se ian fleming quixese.

metabloguear
Como ben diría goretoxo, agora calquera pailán metabloguea.

política
Recibo unha mensaxe por correo: vaise votar inminentemente a lei escocesa sobre adopción e unha deputada, a nacionalista Roseanna Cunningham (perth), presentou unha emenda pra que gais e lesbianas non puidésemos adoptar como a xente. Pídenme que lles escriba unha carta aos meus deputados, pedíndolle explicacións. Eu, que son guiado, collo o collins e escribo.
• A laborista Sylvia Jackson contéstame por correo dicíndome que encantada, pero que ela non é a miña deputada. A pesar do meu cálculo inicial, eu non voto en vila-marple, senón en ochil. Que por favor me poña en contacto co deputado dese distrito, o ex-nacionalista George Reid (segue sendo nacionalista, pero saíuse do partido pra exercer con maior imparcialidade o seu posto de presidente do parlamento escocés).
• O nacionalista Bruce Crawford chámame ao móbil e explícame que loxicamente esa é unha decisión persoal de Roseanne Cunningham, que na maior parte do SNP non opinan así, que el vai votar a favor da adopción por parte de homosexuais, que benvido a escocia e que que tal galiza e así.
E todo isto en menos de 12 horas e cunha noite polo medio. Mentres, na ghalleira

roubo
A miña particular relación cos ladróns non coñece fronteiras: a ghalleira (4 veces), portugal, senegal e agora por fin escocia. Uns sons of a bitch viñeron e leváronme o asento da bici de xusto a pé da miña fiestra. Espertei sobresaltado de noite, quizais por culpa do repugnante mollo chinés que lle botei ao repolo, e déuseme por mirar pola xanela a ver como seguía o temporal. Primeiro, ao vela no chan ao igual có resto de colectores de lixo, pensei, carallo pró vento. Pero algo me rañou no fío do lombo, apañei a lanterna, sinalei o lugar onde tiña que estar o asento e…
Afortunadamente a empresa leiteira local patrocina hoxe unha xornada de compras especiais en beneficio dos seus orfos. A tenda de bicis tamén abre. En canto escampe, e por unhas moderadas 40 libras, impedirei que me vaian facendo o chiste da monxa.