análises

Coa piroliña como unha pasa de figo logo das mil e unha tropelías da doutora, sen un litro de sangue, cun líquido inmunizador contra a hepatite e uns antibióticos de dous espectros diferentes de acción bacteriolóxica, vou ir a glaspop a un concerto. Teño unhas insistentes e continuas ganas de mexar, produto da cistite, e estou canso e aparvado. Non a situación ideal pra ver os Cansei de Ser Sexy, os Futureheads e os MGMT.
Pero aló imos, pensando aínda na pregunta da health adviser que me entrevistou despois da consulta: “podes dicirme os nomes das persoas coas que tiveches relacións sexuais nos últimos tres meses?” Se lle valera o alcume

pros / contras

Entre as desvantaxes de ter unha vida sexual activa está a de que un día te ergues e comprobas, un pouco aterrado, que tes purgacións.
Entre as vantaxes está que quizais nese momento haxa un médico na casa.

pneumotórax

Unha das cousas malas da distancia é que a un dos membros da parella lle dea un súpeto pneumotórax e o outro estea 2000 millas lonxe. Tubos ao pulmón, choreiras, consultas rápidas en todas as webs das compañías aéreas, quirófanos, incomunicación… Ao final o pneumotórax parece que evoluciona: é decididamente unha lata, e mais neste momento, pero o que non fai a pleura non o completa o amor. Deixarei que a familia atenda a Barataria esta fin de semana. Á seguinte ocupareime de ser o marido perfecto.

sobriños

A esta altura da vida xa tres cousas están claras: nunca me farei rico, nunca terei fillos e morrerei só coma un can nun país estranxeiro. É o prezo que teño que pagar por ver como cae a tarde sobre embiburgo, por sentir o frío dos últimos días de marzo, polo recendo a torradura de cervexa ou por contemplar os fermosos adolescentes que arrotan ao meu paso.
Menos mal que a quen deus non lle dá fillos, o demo lle dá sobriños (e veñen en camiño).

batalla

Acabo de enviar pra dentro os últimos miligramos de amoxicilina. Suponse que durante todos estes días algo ou alguén me estivo facendo un favor destruíndo canto vía ao seu paso. Agora certamente xa respiro ben, e anque conservo trozos de inimigo que por outra parte raras veces me abandonan, acho que estou a salvo. Iso si, o campo de batalla está destrozado: as pernas pésanme, durmo dez horas, e teño unha permanente sensación de cansazo. Hoxe teño sesión extra de esgrima, na finde xornada dobre de atletismo, e prá semana regreso ao estraño ritmo da vida laboral plena ou semiplena. Teño moito por facer pero agora, agora creo que me vou deitar outro pouco.

amoxicilina

Cada oito horas sinto un frío terrible, e bato os dentes, e axítome debaixo dun edredón que, de súpeto, non tapa. Cada oito horas esperto coa febre e deixo atrás soños envurullados, en moitos casos premonitorios: vou guindar o lixo orgánico ao composteiro e vexo que aló no fondo do bidón hai unha pegatina desas que veñen cos plátanos, banana de costa rica, di; tento collela e quitala, porque non é orgánica, pero non chego, fago un esforzo máis e caio dentro do composteiro; e non podo saír. Cada oito horas as pálpebras ínchanseme, e parece que me fervesen. Cada oito horas perdo completamente a capacidade de respirar polo nariz. Cada oito horas teño que tomar 500 gramos de amoxicilina e 600 (200 arriba 200 abaixo) de ibuprofeno.

febre

Cando contra as seis esperto por riba dos 100ºF , o primeiro que desexo é estrangular o cidadán Kane. Logo recapacito e decátome de que así non podemos seguir. Chútome 800 gramos de ibuprofeno e tento acougar un par de horas máis, o que resulta moi difícil. Logo almorzo e vou ao médico. Dáme vez prá tarde.
Non me queda pacenciae a estas horas debía estar alugando un coche e poñendo proa prás hébridas, ou indo pasear polos montes nevados da contorna. Pero nada diso, nada, é posible.

flood

Flood in Bridge of AllanPor primeira vez nunha semana, e despois de durmir apenas dúas horas, saio dar unha volta na bici: o río baixa hipermedrado, e próeme saber como están os asolagamentos na contorna. O meu tranquilo río azul é agora unha torrenteira amazónica de cor lama, sen bordes que o delimiten: aquí entrou ao camiño da ribeira, aló sobardou un muro e flúe mansamente pola eira dun veciño, acolá corta parcialmente as estradas cara a aldeamarple ou mingua as pontes, como se turrase delas pró fondo. Polo centro do río, onde hai só un par de días había marxes, xorden agora as árbores, un conxunto de ramalladas sen follas que parece que levasen anos afogadas.
A situación neste momento é calma, só rota polas sirenas de bombeiros que oulean curso abaixo, pero a previsión pra este serán arrecende a armaguedon. Con todo eu, que teño nestes momentos a ribeira a 30 iardas, debo estar tranquilo: inda non pasou o reparto municipal de sacos de area.

21

Hoxe a señora da ferraxería pediume o carné pra mercar pegamento.
Si, neste país hai que ter máis de 21 pra mercar pegamento.
Si, pediume o carné.

tose

Levo unha semana e pico pechado nunha casa, tusindo. Traballando tamén, abondo, botando algunhas cousas a andar, pero sobre todo tusindo, sentindo doer a cabeza, despexando uns bronquios suxos como os túneles do metro de Beixín. Con febre, con arrepíos, moitos dos días den voz. Imaxinándome pneumonías. Cando alixeira un pouco a febre saía a dar un paseíño curto, ao súper, ou collía a bici uns minutos pra axudar a abrir o peito, pra botar fóra tanta españa que tiña dentro apegañada.
Diante da fiestra teño a cerdeira, xa só co tronco espido de inverno, e aló no fondo, cando abren as nubes, dexergo os cumios nevados, moito menos nevados do que eu desexaría. Fóra hai faisáns, e mozos borrachos. Na cabeza levo uns 200 grs de mocos e unha recua de historias sen contar, de moitas historias que irán parar ao limbo dos post perdidos, como a dese rapaz romanés que marchara do seu país pra fuxir dos terribles ciúmes do seu mozo, o ministro de Facenda, que agora é camareiro nun bar de torrejón de ardoz, e que cada día que pasa me parece a historia máis triste que nunca me contaron. Historias tamén de moitos libros fermosos, e tamén de visitas, de amigos, de pequenas confidencias, e de proxectos. Historias de barcelona, que é moito máis fermosa no inverno, e tamén historias da viaxe.
Pero non hai tempo, non. O mundo é un xafoi. E onte, nun pequeno paseo á noite, mentres me arrastraba paseniño polo camiño ao súper, pasoume por riba o primeiro chío de gabita: vamos, vamos, a primavera xa está aquí.