explicación

Nada semella haber máis doado ca deixar de obrar; a acción, pola contra, ten os seus amargores e os seus problemas. Escribir ben parece, xa que logo, unha empresa máis difícil ca non escribir nada, confésoo; pero non escribir nada e termar da pluma por prudencia, por reserva, por precaución, é unha reserva pra máis dun autor. Esa inclinación lévaos a escribir. É unha violencia que os arrastra. Polo tanto, deter esa inclinación e sacrificar voluntariamente o amor propio á prudencia é gañar moito sobre un mesmo.

O abade Dinouart, ‘A arte de calar’, 1771.

Vilamarple, 14.1.2008Despois dun mes dándolle á zoca ao longo e largo da península ibérica, durmo por primeira vez na miña casa en vilamarple. A contaminación, os transportes públicos, o ruído estrondoso e constante, os fumadores legais e tramposos, e seguramente o estrés de todos estes días acabaron provocándome unha febre alta, unha gran conxestión en nariz e bronquios e unha dor de cabeza intensa. Ademais, supero a barreira dos 70 kg por primeira vez grazas á frecuencia das paparotas e á dificultade de facer deporte.
Pero agora estou aquí, tranquilo, vendo como o sol gabea unha cuarta por riba do horizonte, cómo o río baixa coa forza das últimas nevaradas, meténdome ibuprofenos de importación e recuperándome. Moi feliz de estar na miña casa.

sánduiches prós obreiros

CascoA medida que pasan as semanas e a relación con este país se vai facendo máis estable, aparécenseme detalles que antes pasaran desapercibidos, afogados polo conxunto de novidades escintilantes. Un destes detalles son, claramente, os obreiros. Obreiros e non obreiras, porque como ben me dixera aquela sueca na illa de gorée, os dous países máis machistas de Europa son o reino unido e españa. Uns obreiros que andan cheos de roña ata as orellas e que pasean orgullosamente a súa sucidade de competición no banco, no súper e na rúa a calquera hora. Uns obreiros, que en vez de comer tortilla nuns bares que non existen, collen os seus sánduiches de pan de molde e métense nos coches, sós ou por parellas, e miran o tempo chover e refollan a prensa das tetas, sen sacaren os cascos nin os petos fosforitos, mentres os vidros embafan e ao pouco xa só se intúe o fosforito e un recendo interior a pintura, humidade, po, suor, tabaco e confeitura de repolo.

eu tiña un cravo cravado no corazón

Non sei se porque os días devecen, pero levo bastante tempo sen ver os ferreiriños durante os cada día máis escuros almorzos. Nin sequera podo dicir que sigan vindo, porque o seu impacto, floco a floco, sementiña a sementiña, é case inaprezábel no total do bote do alpiste.
Non sei se porque o tempo mudou e entrou o outono a refachos polo norte, pero levo bastante tempo sen sentir os ratos a corricar na moqueta. Nin sequera podo dicir que sigan vindo pois a trampa está intacta. Non sei se non gustan do chocolate, ou se a pedriña que lles puxen non ten avelás abondas, ou se no fondo da súa cabeciña pensan: mira este chaval, que boíño, que nos puxo trampas destas de coller e soltar; imos deixalo durmir, coas súas pantasmas, coa súa soidade.

steinbeck

Trampas prós ratosAo parecer, nin os suicidios nin a caza implacable do gato dos veciños afectan grandemente a poboación ratuna da miña casa, e esta noite case non puiden pegar ollo coas súas carreiras: sentíaos andar debaixo da cama, e na cociña, e corricar pola sala remexendo nos libros do chan. Falando coa veciña informoume de que este era un problema de vello, que o anterior inquilino tamén sufrira deles, e que a única solución era ir ao bricogalicia local pra aprovisionarme de trampas.
Amigos ratos, abriuse a veda. Agora mesmo vou ir mercar os cazarratos e un pouco chocolate, pois (tamén segundo a veciña) honestamente prefiren ben antes o chocolate có queixo. A guerra está aberta, larpeiros.

Actualización: mentres eu atopaba no bricoscocia unha trampa que os apreixa vivos, a veciña mercábame unha que os mata de vez. Así que xa sabedes, pequechos: hai un plan A… e un plan B.

proximidade

Nas escasas 150 iardas que hai dende a oficina en que traballo ata o ximnasio onde fago esgrima, faltoume o pelo dun carneiro pra atropelar na escuridade do serán, un despois do outro, a:

  • un raposo que andaba a fozar nas papeleiras
  • tres apiroladas chirlíders que saían á carreira do ximnasio vestidas co uniforme oficial (un escote con algo de verde e de branco)
  • unha ducia longa de mozotes en gravata, cheos coma piollos, que se estaban despindo completamente ao lado do lago malia a evidente e implacable xiada

Nesta terra, calquera segundo é especial.

cetrería

PeneireiroPra acompañar os seus amigos por un periplo preguiceiro pola contorna, regresa fugazmente Barataria. Pouco tempo nos deixamos pró contacto: algúns paseos de mans dadas por st. andrews á procura de baleas no horizonte, uns minutiños antes de quedar durmidos no colchón inchable da sala, algúns momentos máis mentres rimos e facemos a casa aireando todo o fume que deixaron os amigos… Tamén algunhas herbiñas de sexo, rápido e intenso, en momentos furtivos, no coche de alugueiro ou no inchable.
Cando marcha co punqui cetreiro e coa enfermeira de volta no mesmo avión, teño a impresión de que, malia as dificultades loxísticas evidentes, esta relación vai pra longo. E anque me reconforte, o peso sobre os ombros asústame unha miga. Por iso, ao que os deixo no aeroporto quedo rapidamente cun rapaz en Glaspop, pra espabilarme. Pero ao igual que o control do peso da ave son fundamentais na cetrería e as aves demasiado mantidas non regresan ao puño, aquela habitación de estudante de informática, olendo a iso que olen as habitacións de estudantes de informática, amais das lorzas e dunha voz un tanto desagradábel, fan que me escuse malamente e dea a volta pola estrada.
Son un peneireiro demasiado cheo de felicidade nestes momentos.

familia

O rato MickeyXa había tempo que sentía ruidiños ás noites, pero esta mañá o ruxerruxe foi claro: algo corricaba por debaixo do sofá da habitación. Só tiven que mirar e agardar ao calado pra ver unha pequena boliña de pelo cunha cola como o amalló dun deportivo. Si, aproveitando a ausencia de Barataria, esta pequena criatura da natureza mudárase a vivir comigo.
Conseguín convencelo de que ía un día estupendo e que fose dar unha volta. A posibilidade de romper coa soidade non é mala de todo, pero axiña me veñen á cabeza Malthus e imaxino un día chovéndonos ratiños dende o faiado.
Alguén sabe un método ecolóxico (que non implique trafegar gatos por aeroportos) pra deter isto? Prégase confirmación ou rexeite.

reconfiguración

Robinson CrusoeUn encontro fortuíto con Iop polas rúas de vilamarple dáme pra encadear unha serie de queixas, laios e estados da cuestión que levo larvando nos últimos días e que non daban visto a luz. O vindeiro domingo Barataria deixará vilamarple, a casa común e as salchichas dos almorzos. Vaise pra Ciudad-Ajo, a sacar un negocio que ten alí en marcha.
A promesa é volver aos tres meses, pra despois do nadal, cando estea todo encarreirado. Pero o conto é que viaxa sen billete de volta: marcha pola pasta, porque lle desagrada traballar de pinche nun restaurante e porque alí ten un algo laboral que o ilusiona. Eu créoo porque non me queda outra, pero por debaixo da pel sei que só é parcialmente verdade e que, sen cargarme de culpas que non me cadran, este país non ten xente en chanclas, nin pinchos de tortilla, nin pirolazos en cada esquina. Este é un país do norte, que leva entrando no outono dende o remate da primavera.
Así que esta fortuíta conversa con Iop sérveme pra ordenar os pensamentos e facer plans de futuro: buscar un segundo traballo pra pagar a vivenda e o imposto catastral, reordenar o horario (regresan as ceas ás cinco da tarde) e, en tres meses, mudar o estado nas webs de contactos: de casado a solteiro.
Claro que ás veces do amor se desprenden lascas de milagres.

enfermidade, 3

Os luns, clase de golf. Os martes e os xoves, piscina. O mércores e o venres, esgrima. O sábado, descanso. O domingo, camiñar. Todos os días, catro necesarias millas en bici. O doutor Stuart dixo que os meus cadrís estaban perfectamente, que me dobraba ben, que seguise así. Esta mañá espertei as sete coa dor, remexinme na cama durante unha hora, e agora, cando se achega o mediodía, teño un sono lamentable e os pés fríos do desacougo. Pero hai unha carreira de dúas millas nas proximidades e entrarei en calor mirando de non chegar de último.

E este podería ser o post recorrente, o post de todos os días. Dos próximos 15.000 días.

enfermidade, 2

A espondilite anquilosante é unha enfermidade reumática e mormente herditaria que lle diagnosticaron a meu pai hai uns vinte anos e que, como todas as cousas de meu pai, quedaran semiocultas: nin eu nin Itopo sabiamos nada dela. Pero a visita de DjSu, espondilítico, fillo de espondilíticos, irmán de espondilíticos, faime atar cabos e buscar diagnoses: todos (a nosa familia e a de DjSu) coincidimos no principal, unha dor atenazante nos cadrís nas primeiras horas da mañá, que desaparece cando nos duchamos e comezamos a camiñar. Unha dor que se produce logo de 5 ou 6 horas de sono deitados, e que no meu caso leva sen deixarme durmir ben practicamente dende decembro, e que no caso de Itopo fai que haxa anos que durma sentado nas horas da madrugada.
O futuro é probabelmente a fundición de todas as vértebras impedíndome calquera movemento nas costas. De facer exercicio, dunha diagnose correcta, de ioga e de demais consellas dependerá que ese futuro se produza antes ou despois. Pero agora, cando menos, téñolle nome.