alcarria

Gastamos o sol pleno e friento da mañá paseando entre a xiada dos outeiros secos que arrodean o parque-temático-cervantes. A escusa é o paseo da chula, unha cadela pinta que lle queda a Barataria, en quendas de fin de semana, dunha relación anterior. Despois das nosas boas horas sorteando ciclistas e vellos con transistor, chegamos á casa e poñémonos a traballar. Nesas, cando a tarde xa vai devecida, chega un mozote trompetista na banda municipal dunha aldea de guadalaxara. É de agardar que toque a trompeta mellor do que a zuga, pero no conxunto non está mal, e ao remate cóntanos interesantes historias do tecido bandístico da comarca e dun ferrete que meteu non rocho en humidtown, no último santiago. Eu quedo na casa, posteando, Barataria vai darlle un último paseo á cadela, pero a el quédanlle 50 quilómetros deliciosos por estradas secundarias, por entre as estevas alcarreñas, e co ventre olendo a seme. Hai se cadra algo mellor?

mark

Hai certos nomes que se repiten. Unhas veces xogan ao bádminton, outros son pelouras eurovisivas, e ás veces intelixentes aprendices de xornalista, como neste caso. Mark é hoxe un rapacete inglés do norte de londres que veu ata vilamarple a estudar e a procurar tranquilidade. Ten eses beiciños finos dos británicos e un cabelo revolto e mouro moi duro, que comeza a rarear por detrás. E eu, a unhas horas de coller o avión, teño as defensas tan baixas que o deixo quedar a durmir mentres fóra a xiada levanta catedrais.

neve, 2

ForecastCando saín, oito horas máis tarde, do estadio de pista cuberta de glaspop, decateime de que xa non quedaba nada da mañá soleada e fresca coa que entrara, e si un serán frío, escuro e a nevar. Non tiña chuvasqueiro. Perdera as luvas esa mesma mañá na estación. Rebordei alegría ante a primeira nevarada da tempada e díxenlle a unha señora nun semáforo: É marabilloso, non si? E ela retrucou: Non, non o é. Pero eu xa me botara coa bici a rir e percorrer o par de millas urbanas ata a estación, coas folerpas a pousárenseme no xarsei, ata que a risa trocou en dor e a alegría en angustia: non sentía as mans, non podía frear a bici, podía pasar calquera cousa.
Obviamente non pasou, e horas despois esas mans desconxeladas estaban acariñando a pel de neve de Bádminton, ese mozote suorento que a primeira vez se correra en tres minutos e que desta a pesar dos meus esforzos de todo tipo, tardou dúas horas enteiras e marchou da casa como viñera. A neve sempre nos agasalla tesouros.

errar

EspineteDos erros non se aprende, pero a sétima, a novena e a duodécima vez que os cometemos aprezamos pequenos detalles distintos e divertidos que nos reconcilian coa nosa propia torpeza.
E o mozo Jamie, todo el, tiña uns centoepico quilos de materia errónea. Xa non me apetecía moito quedar; dábame no fío do lombo que o que el chamaba musculado ía ser máis propiamente lorcento, e efectivamente. Ao que chega, intento abrir conversa pra ver se atopo algo nel que me seduza, pero resulta tan parco que por primeira vez neste país nin me preguntan de onde son. El vén da fronteira sur, e cando me despisto bótaseme literalmente enriba e chímpame contra a cama. Fago o que podo, e despois duns dez ou quince minutos a zugarlla e a medirlle os touciños, pídeme que teña sexo con el. Sepárome algo perplexo revisando se teño ben o dicionario, e el aproveita pra sacar un condón e colocarse en posición de cascuda invertida. Aquilo é probablemente o xeito máis rápido de rematar, e aplícome. Pero, ai, a cada golpe de cadrís meu, el move as cellas e ri, tal como se fose espinete, e non podo termar da concentración. Dime que vaia acabando, poño a mente en branco e remato, e el sae rapidamente pra limpar non sei o qué. Ao pouco volve, e despois de moito tempo e bastante pacencia, acaba el tamén, levántase rapidamente pra limparse outra vez, vístese e marcha case sen dicir abur. Eu comezo a pensar na cea e a vida reactívase.
A pregunta non é se volverá suceder; a pregunta é cando. E como.

pintura

Sete espadas

Cando Fai marche de volta pra malaísia dentro duns meses levará nun rolo un pequeno retrato ao óleo de Cesare. Fíxomo como práctica prá súa escola mentres eu vía hieraticamente no dvd sete espadas, un filme de matachíns e loitadores chineses onde se cortan brazos, pernas e cabezas como rabos de polbo na feira do carballiño. É tan pouco espilido cos pinceis como fodendo, así que o cadro resulta estraño, e non me recoñezo, e si me recoñezo, cunha orella decididamente moi grande pero cuns beizos bastante precisos. Con todo, pouco a pouco, Fai vaise soltando no sexo e comeza tamén a ser máis divertido, máis informal, máis práctico, anque se manteñan como esteos os tres piares básicos da nosa relación: belidos filmes orientais, a sopa de lentellas, e as súas apertas de oso panda.

bádminton

BádmintonComo último folgo dun día verdadeiramente horrible quedo con mark, un rapaz da vila supernovo que adestra a bádminton varios días por semana. Hoxe era un deses días, e aparéceme camiñando baixo a choiva coa funda das raquetas ao lombo: cando lle tiro a roupa, vagariño vagariño, podo arrecender tamén esas dúas últimas horas de bádminton a desprendérense dunhas axilas branquísimas e docísimas, duns bíceps e duns cuadríceps perfectos e dun peliño loiro e inocente que lle cubre as orellas e tamén, un pouco, os olliños azuis. Deitámonos espidos: empeza a amartelarme uns bicos estraños, como cobizosos, e despois lambémola un pouco, pero ao nada, sen que o vise vir, e nun intre que aparto pra coller aire, zurríchame o peito e a cara e os brazos. Non di nada, nin mira especial, como se aquela case-práctica-de-risco fose habitual, e seguímonos bicando durante uns longos minutos, mentres nos apertamos moi forte e me conta cousas de rapaz da vila, como algo sobre as obras da rotonda ou sobre a gravata morada e ouro que levaba á escola. Despois duns bicos de despedida na porta, entro no cuarto e alí, unhas cuartas por riba da cama, hai como unha nubiña, como un xenio da lámpada, espreguizándose entre o suor, o seme e a tenrura.

patinaxe

Patinaxe artísticaAo remate dun longo día de viaxes e traballos, a sorte recompénsame cun mocito local de dezanove. A súa idade é enganosa: con once comezou unha relación longa cun rapaz da súa aldea, preto de Dumbarton, e despois de deixalo con dezaseis, aínda tivo tempo de comprometerse consecutivamente cunha moza e con tres rapaces máis. Tamén, aos seus dezanove, é xa un deportista retirado: unha lesión de ombro e cadeira apartárono da práctica internacional da patinaxe artística. Precisamente a iso, á patinaxe, atribúelle a fortaleza das súas coxas, aínda que logo de achegarme máis ao íntimo comprobo que as lorzas ben máis parecen vir dunha dieta de hamburguesas e fideos chineses a medianoite, pero non importa. Na conversa, este estudante de socioloxía explícame por que lle gusta mallorca, por que a economía do seu país é unha shit e por que non foi votar nin pensa facelo, así que chega un momento en que é necesario cortar a análise é pasar ás piruetas.
Ao pouco, estou deitado enriba da miña cama e el vai xa no baño. Concéntrome no olor do cuarto e nos ósos da cadeira, e síntoos agradablemente relaxados e abertos coma os conchos amarelos dun kinder sorpresa. Escoito a cisterna, e antes de que o instante de pracer esvaia, teño tempo pra un último pensamento: a miña fortuna é inmensa.

abdominais

Ex-primeiroministro é un neno grandeiro e algo lorzón de embiburgo que estuda socioloxía en vilamarple. Coñezo de vista os seus coloretes país porque en vilamarple todos nos coñecemos de vista, pero hoxe por casualidade coincidimos e vénse foder á casa.
Ex-primeiroministro ten unicamente dúas posicións: na posición A é francamente bo, pero cando chegamos á B resulta totalmente aborrecido. Fago o que debo, e cando nos despedimos ao pé da ponte vella propóñolle de vernos de novo. Non é xenial, pero repetir a miúdo estes 30 minutos que me tivo mallando na posición B hanlle vir estupendamente aos meus abdominais. O conto é non ter mañá maniotas.

tratos

O trato con Fai é sinxelo. Eu doulle algo de cariño e metemos un ferrete, e el faime unha rica cea chinesa e ponme un DVD de acción. Á peli toca Déjà Vu, infinitamente peor có seu tráiler, que é o que lles pasa a todas as pelis de acción. Á cea, uns fideos chineses con xudiíñas, panceta e chile, e mais unha sopa de lentellas brancas e coendros. Ó ferrete, unha pequena e brevísima combinación de lambidas e caricias, torpe como todas as veces, e desta un pouco máis molesta polo bigote picón que Fai deixou sobre o seu rostro de panda malaio.
Á mañá, de cedo, a alarma antiincendios, pra lembrarnos que este piso decorado con altares de buda está nun barrio ao sur de glaspop, en chucheland.

cicatriz

Scar, ou sexa, cicatrizWill é enfermeiro e acaba de poñerse a traballar nun hospital de glaspop; porén, o seu corpo toca os trinta, e a súa calva tamén. Quedo con el máis por manter unha certa forma física ca porque me guste realmente. Nun plisplás pínzaseme na casa e faime o pack de preguntas básico nunha fala escocesa tan incomprensíbel e tan excitante que derruba as miñas últimas resistencias, se quedaba algunha. Mentres vou trazando todos os movementos aprendidos —tirarlle a camisola, desabotoar os pantalóns, camiñar con eles nos nocellos ou, simplemente, lamberlle a orella dereita— bato cunha cicatriz loira que cruza de peito a peito a súa pel branquiña de escocés. Penso fugazmente: por algo somos líderes en liortas a navallas; pero tamén fugazmente o esquezo e dedícome ao pequeno oficio de pousar os corpos no seu sitio e ciscar amor sobre a identidade nacional.