Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56
As túas balas » on the road

xudeus

A sorte, ou máis ben a torpeza, levoume ata unha pequena vila do noroeste de londres chamada golders green, o típico sitio estupendo se tes unha bicicleta pra ir e vir. E eu téñoa e subo dende o centro case unha hora dándolle a peito, esquivando os autobuses e deténdome nos semáforos. Tamén baixo veloz, e gústame esta sensación dun londres que pasa rápido, aínda que ás veces neste correr se perdan os detalles dos paporrubios nos cancelos dos camposantos, ou os postos de froita con nésperos e vintecinco tipos de pementos picantes.
Golders Green é unha vila de xudeus e de xaponeses. As tendas onde podes mercar peixe cru ou pastel de arroz alternan coas pizzerías onde unha vez veu o rabino a bendicir o forno. E os nenos levan chapeus negros de aba grande, e neles refléctese o misterio da convivencia.

upper london, 2

Mentres Barataria se desincha cun tubo fendido no costado, eu baixarei ata londres. Parece unha mala arte pola miña banda, pero non é tal: hai razóns loxísticas, laborais e incluso familiares que así o aconsellan. De feito, tiñamos planificada a finde pra vernos nesa antiga capital do mundo, mais non vai poder ser. Irei eu só, coa miña bicicleta, a facer quilómetros pola zona norte da cidade. Será a primeira vez que durma nela. A primeira tamén que esperte contra ese horizonte de casas vellas onde se acugulan tantas ficcións antigas. E el nin sequera o saberá: a urxencia colleuno do outro lado da trincheira da sanidade pública, onde por haber non hai nin wifi.

erros

Broxburn. Union Canal. http://www.flickr.com/photos/30409974@N00/2252618927O primeiro erro foi contar mal a distancia entre a universidade Herriot-Watt, ás aforas de embiburgo, e Linlithgow, e pensar que seguramente me daría tempo de chegar antes de que fose demasiado noite. O segundo erro foi non ter conta que, entre traballos, viaxes, apuros e despistes, levaba xa 11 millas nas pernas. O terceiro foi non ter nada (parches, pancas e inchador) pra amañar unha roda. O cuarto foi pasar por riba dun pau de silveira. O quinto foi pensar que, nesa altura, linlithgow quedaba máis preto ca volver atrás. O sexto foi non levar pilas de recambio prás luces frontais da bici.
Así que logo de cometer esta recua de erros, eu atopábame camiñando pola beira dun canal, na escuridade total dunha noite de febreiro, cunha bici picada. E debía andar lixeiro, pois calquera cousa (que se esgotase a luz, que torcese un pé, que a bicicleta deixase de rodar de tan desinchada como ía) podía facer que non chegase pró último tren da estación de linlithgow. Tamén podía pasar que ese duatlón de bici e andar se convertese en triatlón, e acabase esvarado e afogado no canal, comesto polos lucios durante días.
É verdade que as primeiras millas foron divertidas, que descía un fermoso sol sobre a terra, que había coellos asustados, cisnes bravos, lavancos e algo que crin un falcón, e que pasear á beira da canle é unha das cousas máis pracenteiras que podo imaxinar. Pero despois de 6 millas en bici e 12 a pé por un camiño lamacento, tiña frío, os pés enchoupados, cansazo e unha terríbel dor no xeonllo, que hoxe só desexo que me desapareza canto antes pra voltar ao canal.

spain

Conta tobío nas súas décadas unha anécdota de D’Ors:

“A historia era que, unha vez que viña de parís, preto xa da fronteira, entráronlle ganas de mexar e, coma no tren non había escusados, baixou na primeira estación en que pararon e preguntou a dous empregados que onde podería facer aquela necesidade. O outro díxolle que fose por tal e tal sitio atrás da estación, que alí atoparía unha porta cun letreiro que dicía “Prohibido pasar”; que non fixese caso del, e abrise a porta e pasase. Naquel intre, comentaba D’Ors, souben que xa estaba en España”.

Ao chegar a barajas o autobús interno déixanos nunha sala errada. Non hai información. Pregúntolle a un gardacivil que, sen saudarme nin mirarme prá cara, di que xa un compañeiro está amañando todo. Non nos aclaran nada, pero uns minutos despois estamos xa na estrada, recibindo bucinazos e conducindo por entre toneladas de ruído e millóns de coches que saltan de carril. Por unha semana quedarei en españa con barataria, entre ciudad-ajo e parque-temático-cervantes. Buscando a chencho.

triatlon

O ano pasado por estas datas estaba en lausanne vendo o mundial de triatlon. Desta volta, como son un empanado, non só non estou coñecendo hamburgo e inchándome a mercar camisetas oficiais dos campionatos, senón que ademais mañá, no gran día, teño que estar en dundee movendo uns valados e anotando uns números, e non poderei ver o mundial en directo por internet.
Pero se todo vai ben, na primeira semana de xuño de 2008 estarei en vancouver, no canadá de aló, facendo o friqui polas 300 libras que me custa ir e volver en avión. E é que nestas latitudes a terra xa está moi achicada.
E mañá e pró ano, que gañe o mellor.

fauna

Levo días sen escribir nada, e non só pola falta de tempo ou polos amplos momentos de desconexión a moitas millas deste computador. O motivo principal do silencio foi que andaba perdido á procura das palabras con que describir os dez días que pasou aquí senalcume e durante os que visitamos algúns dos lugares e paisaxes máis fermosas que teño visto. Á excursión de tres días polo norte máis norte, con meta en Diuranais, o punto máis setentrional ao que cheguei nunca, colocado máis ao norte ca göteborg ou juneau, foi só unha das viaxes. E se tivese que describilas todas non habería guguelmaps que me valesen, porque ademais dos quilómetros extasiantes de automóbil houbo que sumarlle os paseos polas corredoiras, a subida (frustrada) a algúns cumios de máis de 3000 pés, o relax sentando ás carranchapernas no xardín da dean gallery en edimburgo ou simplemente as idas e vidas, polgada a polgada, por unha conversa continua con senalcume.
Así que creo unicamente que vou mencionar os raposos que vimos ao caer das noites, os cervos que pacían a uns metros de nós en glenfinnan, os pimpíns que nos encoraxaban na ascensión ao Old Man Storr, os adolescentes escoceses de pel branca a punto de desintegrarse ou de vendernos uns mars nun hotel illado da montaña, os coellos, os mosquitos aos que xenerosamente ofrecimos as veas, as ovellas que nos facían deter o coche unha e outra vez polas estradas do norte de skye, a troita ártica que ceei nun restaurante encantador de diuranais, as faisanas que agardaban sentadas nun valado ou a eiruga xigante que, pousada no medio do camiño cando rubiamos cara ao ben hope pola cara oeste, permanecía, practicamente na mesma posición, cavilando nas súas cousas de eiruga, ao baixarmos unha hora máis tarde repelidos pola brétema.
Oh, si, como me gusta o meu país.

feito

Nestas tres semanas fixen: asistín a un encontro de vellos galeguistas. Fixen de chofer e psicanalista. Visitei unha ducia longa de amigos, dos mellores amigos. Mantiven tamén unha ducia de xuntanzas profesionais, a maior parte deles de carácter informal, así en plan galego. Fun a Ciudad-Ajo nas vésperas do orgullo. Fodín cun ilustrador modernito de atenas, ás nove da mañá, en casa de meus pais. Fodín con Xastriño, nun coche á beira da estrada de Ribela, ao sol de mediodía. Fodín cun rapaz colombiano nun piso de ankara, ás dúas da mañá, un cholo cineasta e dramaturgo de medellín que está a servir mesas na zona turística da vila. Cubrín 3.492 quilómetros en dez días. Fixen algúns coñecementos moi interesantes: Paco o americano, César o do soe, uns nenos esgrimistas, Olalla de sheffield… Participei na primeira lectura pública de posts deste blog, lidos por un dos médicos de Hospital Central. Durmín en oito camas distintas. Visitei a Fundación Cesare e pensamos entre Ferre e mais eu como ampliar andeis. Dimitín dun choio que me daba máis angustias ca praceres. Cavilei catro ou cinco choios máis. Apañei bibliografía prós vindeiros días. Botei dúas horas un sábado e tres un venres na praia. Comprobei, camiñando por entre os trigais de madrigal de las altas torres, que o andacio de corta dos prados do que falan os xornais é máis ca verdadeiro. Comín peixe, moito peixe. Tamén coello. Fun a un partido de básquet. Recollín unha camisola do festival de Cans.

non-feito

Nestas tres semanas non fixen: traballar abondo, quizais porque estaba de vacacións. Manter unha ducia de encontros profesionais, que quedarán pra outra vez. Vivir con calma. Visitar unha ducia de amigos, fundamentalmente os arremuiñados nas tres cidades ás que (case) non fun. Poñer o cuíño ao sol máis tempo. Bailar. Foder (máis e mellor). Pasear. Andar en bici. Poñer o chándal. Ir ao monte. Ver o mar (máis e mellor). Durmir. Ler. Pasar por unha galería pra recoller unha fotografía de álex mene. Facer un par de recados laborais. Ir ao cinema. Coidar algo de meus pais. Apañar unha camiseta do festival de Cans.

slow driving

Ir a Ciudad-Ajo en coche de alugueiro e co único obxectivo de evitar a autovía é algo fantástico. Os campos de mapoulas, os trigais, as rapinas que se pousan na beira da estrada, os menceres e os solpores, tamén o vento, ou a choiva que no horizonte descarga ou se contén. Á ida arquilinos, malva, pozo antiguo… Á volta, madrigal de las altas torres, cantalapiedra, cañizal, el cubo de la tierra del vino, pozuelo de tábara. Algunhas destas estreitas estradas teñen un pouquiño tráfico. Outras, as máis, están solitarias, deixadas á ocupación dos roedores e dos mosquitos, esquecidas do carteiro e do practicante. Soberbio é, dende logo, o treito de estrada que vai, en paralelo á autovía, dende xinzo á gudiña: apenas coches, só algún arrastrado camión de gando e algún vehículo vello guiado dun septuaxenario. Un contorno ideal pra facer unha reforma viaria, pra retirar carrís de aceleración, pra suprimir pistas de frenado e curvas amplas, pra obrar na estrada á procura da tranquilidade e da condución agradábel. Pra regresar as cousas ao seu sitio, pra axudar as herbas no seu combate contra o asfalto.
Se levamos présa autovizamos; pero se queremos conducir, guiar lento, deberiamos dispor desas estradas vellas, de novo sorprendentes. O slow-driving debería figurar no programa político e económico do meu partido nas vindeiras eleccións.

motor

O plan era subir ata o parque-temático-cervantes, coller un vello 106 e arrincar pouco e pouco pra atenas. Pero coñécese que ao peugeot lle entraron os achaques, e xa saíndo pola M40 decátome de que o motor leva algo de febre. Solto o pé, póñome a 70 armado de pacencia e de horas de mediodía, e miro como me pasan os autobuses e os camións de tella rinchando pola esquerda. Pero o motor non alivia, e rubindo as ramplas do guadarrama pide auxilio con todos cantos pilotos ten. Detéñoo, comprobo o nivel de refrixerante, saco o manual e deduzo que ou non funciona a bomba ou ten as correas desatendidas ou rotas. Así que logo de darlle un aire revírome e poño proa de 106 costa abaixo, outra vez ata parque-temático-cervantes.
Alí collín un tren, logo agardei un bo pedazo na estación de méndez álvaro entreténdome coas falas, os chándales e as pirolas, e logo mergulleime nun bus con trinta historias máis: habíaos pretos do senegal, había un vello castelán cunha garavata feita de pinzas da roupa que lles falaba inglés a unhas rusas, e un mozote polaco, fermoso como unha camelia, que ía coa mai a puebla de sanabria. Na puebla, ao pé dun vello astra branco matrícula de zamora, agardaba un señor loiro, estraño, pensando todas esas cousas que se pensan cando un é polaco e ve baixar dun autocar a muller e o fillo, todos vestidos de nike.