Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » on the road

outono

Quizais porque 3 días despois de bañarme no mediterráneo andaba baixo cero na zona de puticlús que separa chequia de alemaña, este tempo morriñento parece tamén cousa de maxia. A choiva grisalla destes días nunca me deixara tan feliz.
Quizais por ver como entraba o outono en toda mitteleuropa, a ritmos distintos, aquí coas follas vermellas dos arces, aló coa vendima por facer, baixo os grous que voan cara ao sur, esta outoniza en humidtown está resultando cálida e ilusionante.
Cando regreso á casa esta tarde de domingo, nunha clarexada da choiva, os coches mandan contra min unhas pinguiñas ao rodar. Gústame o outono en bicicleta, cando para de chover, cando me latexa a memoria a pleno pulmón.

mapa

O despropósito comezou cando berlín dixo: deberiamos mercar un mapa de europa.
Coas retinas calcinadas da paisaxe e 8.327 quilómetros despois, regreso coa sensación de que xa nada será o mesmo.
Non sei como contalo. Se contalo.

see you in berlin

Berlín

O peso dos estudos futuros, en pasta e tempo, foron eliminando algunhas das posibilidades de viaxe para este outono. Caeu irán, caeu colombia, e caeu tamén a pequena illa de malta. Ao final, a feliz coincidencia acaba nunha proposta interesante, barata e rápida: de aquí a berlín, en coche, con Berlín, sen caderno de rota.
El ten que levar as cousas pró curso, e eu encher o peitiño de quilómetros. Estiven en berlín, leste e oeste, en 1994, apenas durante 18 horas.
Saída, bastante inminente. Futuro todo.

leste

O segundo asalto sobre londres é maxia. Coñezo o moderno, e tamén o paqui, e o rico e o tranquilo. Londres sábeme a londres e aprendo ese estraño olor a manteiga das rúas: tento memorizalo.
Baixo do bus en Notting Hill. Logo a catedral de San Paulo. A ponte do Milenio, deseñada por un ourensán. E a Tate Modern, ese prodixio: do caixeiro totalmente gótico (Ralph) á araña de Bourgeois pasando por eses imponentes sanduiches, todo é espazo e beleza. Despois paseo pola ribeira sur: teatro do Globe, mercado de Southwark (nel deixo medio corazón atado a un vendedor de queixos), catedral de Southwark, e o fabuloso More London, de espellos e edificios lixeiros. A ponte da Torre, e a Torre mesma. Agardo, pasan os minutos e repouso mirando prós turistas. Xanto un biscoito de cenoura e penso nesa xente que di que aquí se come mal.
Despois descubro un rapaz fracote, moderno e precioso. Leva unha máquina de fotos, das miñas, das vellas: intérnase na City, e decido seguilo. Fotografía o mesmo ca min, e decátase de que o sigo: o edificio da Lloyds, o Baltic Exchange, tantas e tantas imaxes fascinantes, perdidas agora pra min e das que se garda copia nun carrete en san francisco ou quizais en melbourne. Perdéuseme o fotógrafo na Liverpool Station, pillei o metro cara máis ao leste e parei en Poplar, unha zona espectacular de peiraos fluviais e rañaceos de vidro. Na estación de Canary Wharf unha cantante interpretaba arias en inglés (maybe Purcell). Despois King’s Cross, coa súa plataforma 9 e 3/4 (existe!!), a vella igrexa de San Pancracio, o gasoducto, unha camiñada por Somers’ Town, Mornington, Euston, Regent’s Park… e outra vez metro ata Pimlico, barrio onde a vida parece tan sinxela. Paseo pola ribeira norte: Lupus Street, vistas da central eléctrica de Battersea, a pagoda da paz (regalada por unha seita budista xaponesa á cidade), e Chelsea, andando entre casas que levan alí mil anos habitadas por xente que leva alí mil anos.
Pra desfacer o debate de Jean-Sol entre Arsenal e Chelsea, eu torzo polo Tottenham e vou ata o Soho. Do que sucedeu a partir do partido de fútbol entre franceses e gregos diante dunha cervexa e nun pub rexentado por italianos, creo que xa falei.
Amo londres.

oeste

O home do turbante vermelloO meu primeiro día en londres. Almorzo británico con té e unha nube de leite, touciño, salchichas, tomates, fabas e pan torrado que tomo con Henri e mais con Haendel, un alemán de nome Mathias (coma o aviador), monárquico e especialista en misas de coroación.
Despois, o bus. E Marble Arche chovendo a deus dar. E Hyde Park, e Mayfair, e o pequeno e soso Buckingham (saúdo a Sabela de parte de Opaco). E a fabulosa catedral católica de Westminster, e as casas do Parlamento, e a abadía: tenra e marabillosa a lousa de Lewis Carrol. Orgullo laico de Churchill, de Gladstone, de Disraeli, tamén de MacDonald, o primeiro primeiro ministro laborista. Despois Downing Street, e Trafalgar Square. A embaixada de Sudáfrica. Parte da National Gallery, a que patrocina unha cadea de supermercados: a Virxe das rochas, o matrimonio Arnolfini e un posíbel autorretrato de Van Eyck que tardarei en esquecer.
Despois xantar: un bocadillo de cheddar na cripta que está debaixo da igrexa de San Martiño dos Agros. Con Henri, a quen lle foi xenial na entrevista. Despois Picadilly Circus, e Soho, e Old Compton. Covent Garden, Strand. Outra vez Regent Street, a rúa Vigo, AD e Oxford Street, Carnaby, Soho, Bloomsbury. British Museum. High Holborn. Pazo de Xustiza. E outra vez Covent Garden e Soho, e Oxford Street: alí merco unha de fish & chips e choutando de felicidade collo o bus entre señores que dormen nos cartóns e escoitan Britten.
Ás veces chove; outras venta ou simplemente agrisalla. Teño a impresión de que levo vivindo aquí un par de anos, nesta cidade totalmente inesperada, relaxante, entusiasta. Pero achégome a cruzar unha rúa e, ao bordo da morte, decátome de que só levo un par de eternas xornadas neste mundo ao revés.

póutigas

Como remate dunha semana esturruxada de traballo, decido ir na procura do teixadal de Casaio, un ano despois do primeiro intento fracasado. Dúas zoupadas considerábeis, maniotas por arrobas, a compaña de ferre e mery, unha parella de xabarís, un bosquiño de teixos e acivros que é un cacho de paraíso, e un percorrido entre a brétema sobre unha pickup toyota.
Tamén vimos unha cousa que Ferre denominou póutigas. Son, ao parecer, parásitos das carpazas. Nacen a rentes do chan, son vermellas como ravos, esfollan como alcachofas e zúganse como chuchameles.
Prégase recoñecemento, confirmación ou rexeite.

quilómetros

O sábado deixeime caer a Cacabelos con TodoNada, Ro e Ben Laden (a crónica está impecábel en TodoNada, esa gran copilota). Lola portouse como unha campiona, recén limpiña. Ao saír de Cacabelos decidín ir ver o solpor contra as montañas berciás. Subín estradiñas retortas, máis pra alá das Barxas, e collín desvíos e desvíos ata que me perdín entre as carqueixas. Cheguei tres veces onde remataba o asfalto.
Ao final, un talbot solara branco cargado de vellas rescatoume de alí. Baixamos por unha pista de terra durante seis quilómetros ata Cadafresnas: era xa luscofusco, e só vía os pilotos vermellos do solara na poeira. Despois, quilómetros e quilómetros: o barco, a rúa, monforte, os peares…

volta

Ao saír o mundo é fucsia nas ribeiras do encoro do texo. Pestanexo e todo se volve branco das estevas frolecidas. Pestanexo, e verde escuro de devesas e aciñeiras. Pestanexo, e amarelo brillante dun cultivo que non identifico. Pestanexo, e verde intenso dos prados en primavera. Pestanexo, e branco suxo de liques nas árbores frías. Pestanexo, e verde esvaído e antigo de oliveiras.
Todas as cores cosidiñas polo fío gris da estrada.
Pendentes de visita máis demorada: ciudadrodrigo e miranda do douro. Será doutra.

ourensanadas

Xa estou de volta en Ourense. Quedou sen mencionar a fría Lleida, o espectral encoro de Mequinensa, Balaguer (extraordinario), Calanda, Alcañiz, Molina de Aragón, Montalbán, Sigüenza, Ayllón, Alcorisa… 400 quilómetros dende Teruel ata Burgos, sen vilas importantes: ruínas, casas illadas, ferrados e ferrados de baleiro e lavanda e arxila. Cruces que xa só serán cruces para o practicante. E en 10 anos nin iso. Quizais a Ourense lle quede ese destino. Habería que montar unha empresa de reciclaxe de letreiros de estrada, de vellos sinais de curva perigosa, de quilómetros de asfalto inservíbel. En vinte anos non haberá en cen millas á redonda máis traza cá do raposo. É bonito, pero tamén é algo apesarado, coma os versos de Llamazares: azuis e torturados nesta hora. Cito e peto na mesa.
Helena e Carles, dos Pomada, dedicáronme unha canción na sala Cotton-Club, de Lleida, e fixéronme tan feliz por un momento… Carles vai ser pai para agosto, e Helena ten medo das propostas de Carles de ser un pai responsábel, e que deixen de facer concertos… Pero se o pai máis responsábel é o que marcha da casa!! Tamén estaban os Dept, que marchaban pra Cádiz, e tocaban os Brams, que só me gustaron o xustiño.
Pero, vaia, que hoxe estou en Ourense, aínda coas pálpebras da brétema de conducir onte todo o día. Tomo un café nun bar, que se chama ‘Expresándome en el pop art’ (en serio), e leo no xornal un artigo de Pepe Diz: lembra aquela Terceira división con 5 ou 6 equipos ourensáns: esta finde xogan o Verín contra a Ponte, os únicos resistentes. É parte do fracaso provincial, do noso teruel. Ao Taboadela custáballe moito diñeiro ter que xogar todos os partidos da Preferente sur nas rías, e renunciou ao ascenso. Saía máis a conta facer o fútbol entre nós.
Vexo tamén no xornal signos do estarrecedor momento institucional, antidemocrático: Parada, o monfortino Xosé Manuel Parada, sorpréndese escandalizado de que o Partido Popular “permita” na “súa televisión” determinadas cousas. Eu tamén me escandalizo. Na porta do concello de Lleida, un señor disfrazado de catalán barretineiro protestaba pola claudicación dos republicanos ao españolismo. Hoxe, con L’edat de ferro de Coetzee enriba da mesa, creo que se había unha posibilidade por pequena que fose de salvar o noso, esa era o tripartito e mais a tenda de Carolina Herrera no parque de San Lázaro. E non Corina. Non sei se me explico.