Non lle deamos máis voltas: a razón principal pola que non actualicei as balas neste longo período (o máis longo ever) foi puramente modernista: durante estas semanas non tiven habitación propia. Á visita de Ferre seguiulle inmediatamente a de Barataria, e ao día seguinte de Barataria marchar xa estaba aquí Henri. Por debaixo, ademais, continuaba o río de tristísimo traballo que fluirá ininterrompidamente ata comezos de maio.
Tamén, e pensábao hoxe mentres paseaba a soas polas brañas de embiburgo, existe unha pequena fractura lingüística: o galego é a miña lingua, e nunca dominarei outra coma ela, aínda que dedique todos os esforzos da miña vida. Pero o inglés comeza a ocupar cada vez máis espazo do meu cerebro, a moldearme algúns recantos, a mudarme frases e estruturas. Empezo a sentir o reto de que estas balas sexan bullets. Pero aínda non estamos en disposición técnica de facelo.
Rapidamente todas as dúbidas económicas esvaeron. O meu informático de confianza púxose en contacto cunha nova empresa de recuperación de datos e informáronlle de que non había nada que facer: este modelo de disco duro da empresa Seagate está tendo moitos problemas, problemas que levan indefectibelmente á morte e á perda absoluta de todos os datos. Todos quere dicir todo.
Intento que todo este baleiro me pareza lixeireza, pero non me sae.
Os técnicos puxéronse a buscar cal era o problema, e despois dalgúns intentos máis ou menos infrutuosos, o abano de grises foi esvaendo. O erro é xa claramente de hardware e non se pode chegar ao disco duro de ningún xeito. Así que ou o disco duro se transmutou nestas últimas horas en carne de lagarto e morreu pra sempre con todo o que tiña dentro, ou existe un erro de contacto que pode ser amañado dunha forma relativamente rápida, cun par de puntos de soldadura.
A dor, mentres tanto, desaparece. No peor dos extremos, e debo poñerme no peor, é moita perda de diñeiro de diola. Tamén o é de tempo, de infinito tempo de configuracións. Pero o resto, os 1027 correos que tiña pendentes de resposta, as fotos de ulises e da casa vella, o arquivo do meu traballo nos últimos dous anos e o incipiente catálogo da fundación cesare, todo iso quizais teña menos importancia da que parece. E como dicía o vello, eu, agora, con trintaepico de anos e a saúde perfecta, comezo.
Comecemos de novo, pois.
Actualización: efectivamente, tratábase de carne de lagarto. Os pasos seguintes son mercar un novo disco duro e comezar de novo. En paralelo, teño que decidir se gasto entre 400 e 900 libras en recuperar toda esa información perdida. Prégase confirmación ou rexeite.
Cando onte á noite estaba a realizar algo certamente prescindíbel, sentín un pequeno clic no computador. A partir dese momento non sucedeu nada máis.
Non puiden durmir en toda a noite e polo de agora tampouco puiden comer. O encargado de amañar computadores, un israelí moi simpático, acaba de dicirme que o que sucedeu semella ser o “click of death“, pero que ten que confirmalo. Aí dentro están millóns de bytes completamente insignificantes, vellos números, correos, axendas, enderezos e unha lista de contrasinais desas webs ás que non accedes case nunca. Tamén está a segunda tempada de carnivàle xa descargada, dous ou tres vídeos porno, as únicas fotos que me quedaban de Ulises e, por suposto, todo o traballo dos últimos dous anos e dos próximos seis meses.
Nunca un segundo da miña vida supuxo unha perda tan grande de tempo, traballo e memoria. E a dor que sinto non hai megas que a midan.
Recibo un correo dunha mocita chamada Ashley Chang falando en nome de microsoft (sen logos, sen nada, só cun enderezo de correo). Pra non sei qué experimento (que non explica) pídeme que lle envíe textos en galego. Eu remítolle aos sitios de costume, e volvo ás miñas. Pero ela insiste: por que non me envías textos que teñas así por aí, que o dos xornais está ben, pero queremos outro tipo de cousas. Ah, e de paso, por que non me mandas o enderezo de correo duns dez ou vinte amigos teus? Recompensarémosche.
Mil preguntas véñenme á mente. Tan cotizados andan os enderezos de correo que hai que facer este esforzo de despiste? Cal é a estratexia do calote pra andarnos co engado da “lingua minorizada”? Quererá vender reloxios ou viagra? Canto pagarán por eses correos?
Aparece un belido brasileirito e séntaseme ao carón. Estamos no meu bar favorito, conectados a internet, mirando pola fiestra. Ao parvo botamos a falar, así como de compromiso. Pídolle o mésenller.
A dúas cuartas un do outro, e cada un na súa pantalla, comezamos a trocar mensaxes escritas mentres traballamos (eu) ou buscamos documentación pra renovar o permiso de residencia (il). As frases vanse cargando de maldade e acabamos despedíndonos cunha cita pró venres porque pra esta tarde eu xa quedei cun avión.
María, Mary on the Bus. Ascárida. Goretoxo. Martin Pawley. Peke. 5Line. Rum, Ex-rum, Ro. Jean-Sol. O gnomo. Wonderboy. Sachadora. Berlín, Plattdorf. Sarabaras, Sarabalas. I Topo. EMF. Iria. Vendell. Contra. Henri. Iarrovawo. Paleon. Catu, Opaco. Turzi. Ex-alcólica. Willy. Boss. Jacarezinho. Xosé Manuel Méijome. DeliciousSolitude. Mound adeira, Mound. Fran Alonso. Magago. Spaviladiyo. Descalza. Caimán. Joaquim. Kate. Dot, Dot Cotton, Prisciliana. Xamataca. Honest Joe. Maiself. Fufli. Walter. Teaboi.Tenazas. Cavròn. Arturo. Subcomediante H. (m)alicia, alicia. Harpomeira. Eya. Neit. Florbela, Penélope, Klarisa Ivanova, Remedios a Cachona. Sabelita. Uxio. Teki. Duquesa de Brouvouard, Duquesa. Iop. Banyoshi. Circe. Pépi. Meninho. A Raíña da Canella. Shotokan. Dorfun. Fuso. Xosé Antón. Caladinha. Aldán. Anjos. Audrey. Depósito. O galo Camy. Ra. Cacique. Revelde. Princesa Fiona. Alex. Subcomediante S. Irreal in Tacto. Porquiño. Eu (nando). São Tomé. Enrique Santos Discépolo. Subcomediante FTP-R. Benito. Noname. Frank. E…. Pinacle. Eu (loli). Silvia (Plath). Fggago. Siloam. Sés. 20vacas, Alumno 000932. Jéssica Fletcher. anTa. Emereci. Aqui. Eye. Fran. -Lg. De faca na liga. El Belo. Avioneta Malabarista. ILGA pt. Gaiteiriño. Ardibeltza. Velaqui. Iam. Zeugreb. _Neo2_. Eu mesma.
Grazas. Todas as grazas.
Levo tempo sen falar de 12Uvas. Estes días ensinoume cómo funciona o sistema t9. Seique é mundialmente famoso, e serve pra autocorrixir o que escribes no móbil. Só está dispoñíbel pra grandes linguas: t9 aprendeu un milleiro de palabras e proponche as que cre que ti queres dicir. Pra apealo delas sofres e ao parecer, por non contradicilo, hai quen non manda as súas mensaxes, senón as do t9. Por iso recibimos tantas tan tristes e previsíbeis. Convido aos háqueres do mundo a que incen os t9 de mensaxes absurdas, improbábeis, cun virus lingüístico. Para ser máis creativo có t9 non cómpre moito.
Penso a fío en 5Line.
