adolescencia

O sistema de palabras chave de blogspot amosa anuncios de sistemas contra o acné para este blo.
Infírese do que aquí se escribe que son un adolescente? Ou son inda máis reviradas as pescudas psicopublicitarias?

galletas sudanesas

Teño unha lousa enriba dende que acabei ébano: morriño os recendos de dakar. Xa me subscribín ao meil diario da BBC-África e procurarei seguir en fútbol mundial a Copa Nokia de Nacións. Blogueando batín cun estraño sitio e o meu poorenglish non me abonda pra entendelo. Aparentemente é o caderno dun cooperante en Sudán. Nel discútense informes de médicos sen fronteiras ou dunha organización asistencial dinamarquesa, gobernamental, chamada Danida. Esas non eran as galletas de manteiga da caixa azul?.
O sistema de publicidade de blogspot lévame daí a outra páxina: unha fundación prá emancipación e desevolvemento sudanés. Faina un rapazolo de 26 anos, casado, de Ohio, que vive en Sacramento, e que se interesa pola cultura sudanesa dende que era un pícaro. Non é extraordinario o planeta?

continuidade

Releo algúns posts antigos. Pra alguén coma min, que chufa de posmomiñoca, a secuencialidade que se está xerando entre post e post non me gusta nadiña. Molaba máis que todo fose accidental, fragmentario. As frases alónganse, e médrame o tedio entre as vogais. Falan na vosa terra deste blo, e citan a frase da perda de liberdade. O día de pechar esta aventura achégase. Quizais sexa só cansazo de venres.

Soñei coa miña mai morta. Disque é agoiro de boa sorte. Cómprenos.

fodas

Hai xente que busca en internet ‘fodas’ e aterra neste blo. Que trabucado está gúguel, meu deus.

o maior cabrón de españa

Vou ao concerto de Fermín Muguruza. A sesión de música é fabulosa, anque xa non teño peito para aguantar tantas horas seguidas choutando. Non levaba as botas axeitadas, e tampouco me meto cocaína. A destacar: un euskobustamante que tocaba o acordeón diatónico, e do que non consigo foto. Pero como a parte máis relevante dun concerto é o público, levo unha sensación incómoda prá casa. Xa non son os berros de independencia (?), nin a impresión de que aqueles mozotes hai moito que non comen quente, nin sequera a pancarta (!) de ‘na galiza em galego’, cando alí o único que non falaba galego era muguruza (pareceume unha descortesía). A razón do meu incomodo é porque non teño un só punto de contacto coa rapazallada que me arrodea, e que me zoupa cos cóbados. Estareime facendo vello? Estareime facendo españolito, Rum?

Cóntame 12Uvas unha historia pavera: a única vez que suspendeu, que foi dereito internacional privado, quixo en vinganza sabotearlle a conta de hotmail ao seu profesor. Probou coa fórmula de ‘esquecín o contrasinal’, e atopou unha pregunta: Quien es el mayor cabrón de España? 12Uvas non foi capaz de dar coa resposta.

european stars

Teño tanto que contar destes días… e tan pouco tempo… Instalo estatísticas no blo, por curiosidade. Visítame un paisano de venezuela buscando ‘balas’. Outro procura a ‘banda sonora de Machos’. Non andan desencamiñados. ;)
Onte estiven escoitando uns recompilatorios de música. Era nun opel agila verde, e as fitas chamábanse European Stars (I-IV). Son as “outras cancións” de xente que foi a eurovisión: éxitos de terceira turcos, lituanos, suecos… Eu tíñame polo nacho máis europeísta da provincia da Coruña, pero como vedes, hai quen me gaña. Hai derrotas que son moi gozosas.

teño a esfinxe completamente relaxada

O blogueadoiro que emprego sinálame os blos que nese momento se están a actualizar no mundo. Nunca vin ningún coñecido. Hoxe un chámame a atención: Cock under lock, que vén sendo algo así como pirola baixo chave. Polo que albisco é unha descrición de ferretes, un tras outro. D, o autor, emprega todo tipo de trebellos, dos que xunta foto, e aparentemente cambia bastante de parella. O seu meil é lukeperry@hotmail.com.

Como o meu inglés é precario, métoo na batedora do altavista. E resulta certamente pavero. Pásoo ao galego, nunha reviravolta: Relubrifiquei o meu membro, e comencei a facilitarllo dentro do seu puckered furado. Supprisingly, ela non parecía ter aversión isto en todos. Podería sentir a esfinxe relaxar e deixei o meu esvarado principal dentro. Empurrando máis lonxe, tiña polo menos a metade do meu eixo pra riba alí antes de que facilitase pra riba. Tomando algúns minutos deixeina relaxar ao redor do meu martelo como traballei lentamente cara adiante e cara atrás.

Dixo quintiliano: bloguem memorem esse oportere. Se alguén me di para que vale o trebello da foto, pago ronda de cubalibres. O boli non.

bloquedada

Xantamos nun discreto grego Itopo, Pupi, Todo Nada e eu. Era antes da bloquedada, na Coru, que resultou moi pavera. O doutor Zippie regalounos diapos de Cecil e Mildred, e falamos das conspiracións de blogalia e de que quizais poidamos pillar os suecos, senón os coreanos. Somos 29 blos en galego, e xuramos ante o licorcafé que fariamos proselitismo.

A ver en que damos. Botamos de menos os que faltaban. Eu repito.

triplicado

Pasamos a última tarde reflexionando sobre a fabulosa Volta do Rei e vendo o zapin do ano. Toda a realidade condensada: criaturas estrañas, boas que gomitan iguanas e Irureta mascando o mesmo chicle durante seis horas. Esténdese a perplexidade sobre os restos de orcos, hobbits e lembas que guindamos na conversa.

Sarabaras chega e ceamos. Está todo estupendo gracias a Itopo e festexamos o ano do arroz. Recibo todas as mensaxes por triplicado: como o ministro lles reclamou ás empresas telefónicas que se esforzasen para cubrir a demanda destas horas, a estas fóiselles a man. Despois coméntanme que timofónica non deixou chamar ata as dúas. Había estar a rede colapsada pola triplicación.

Andei fozando e chimpei cos vosos comentarios. Vaia. Tamén me gustaría unha letra máis pequecha. Blogueiros, acudídeme!