record

Erguinme ben cedo. Unha serie de malas decisións, de obras nas vías do tren e elementos variados obrigábanme a facer máis de corenta millas pra exercer de árbitro de atletismo. Saín pouco antes das oito e collín as ramplas que soben por Carron Bridge: a mañá estaba fresca, pero anunciábase o sol sobre as pradeiras. Como a subida era forte, podía reparar nos xílgaros, e nas lebres, e nas avefrías; nos mazaricos e nos centos de corvos carnazais e dos outros; nos años que corricaban con apenas días tralos tetos da nai. Nunha hora xa superara a peor parte da viaxe, e só me quedaba baixar a todo o que me daba a prudencia, primeiro por unha zona neboenta e logo xa, abrindo o ceo, sobre o val do Clyde.
Pero, ai, ese fatal erro, ese andacio de borrachos: un pequeno cristal amarelo foise cravar contra a miña roda de atrás. A máis de cinco millas da estación de tren máis próxima iniciei o camiño a pé coa bici ao carón. Ao pouco párame un señor; pregúntame, aconséllame e sae pra buscar axuda; ao pouco volve e di que mandou chamar pola muller, pra que nos trouxese dende a casa (bastante afastada) unha caixa de parches: veu comigo, acompañoume, axudoume a reparar a picada, contoume cousas de enxeñeiros de aire acondicionado e ata me regalou unha barriña de mars. Pero pra cando todo iso acabara, xa non había tempo de baixar a glaspop e prolongarse ata chegar ás pistas. O sol gabeara ao alto e a primavera reloucaba con todas as forzas, confundindo as toxeiras cos eidos botados a colza.
Decidín voltar prá casa por un camiño novo, por vilas novas e novos xardíns con bicis de nenos e camas elásticas. En total 44 millas, das que 41 foron sobre a bici: mellor marca persoal.

nils

Neste país os días teñen sete estacións e os anos só dúas: a estación ansárida e a anansárida, e xusto agora mesmo atopámonos no paso da primeira prá segunda. Como dixo a señoriña que nos deu un pequeno e decepcionante curso de observación de paxaros o sábado, os gansos están coma nós cando nos preparamos pra unha gran viaxe: inquietos. De cedo arrincan a voar e cando fan unhas cantas millas acórdalles o gas aberto, ou que non lle deixaron as chaves á veciña pra que lles mire o correo, e voltan. Tamén pode pasar que saian co sol da mañá e volvan coas primeiras folerpiñas do serán, nestas neves mornas de abril. O caso é que os da lagoa de kilsyth están aínda aló, coas patas no eido, grallando, mentres eu fago as xa habituais 15 millas entre Glaspop e Croy. E mañá, mañá será outro día, e quizais toque irse pra grenlandia.

temerarias

Quizais alguén xa sabía que as ovellas, que aguantan impertérritas que os coches lles pasen polo lado cando pacican un pouco na beira dunha gabia, ao que presenten unha bicicleta botan a correr en moitas direccións, case todas por riba da estrada.
Velaí as pequenas cousas sen importancia que separan a vida da morte.
Desta vez tiven sorte, e despois de 34 millas pola montaña, estou na casa, coas retinas apetoutadas de avefrías, faisáns, coellos, miñatos e unha primavera que, agora si, parece que comeza… E vivo.

cervos

Perigo. Risco elevado de cervos na estradaDespedín o inverno nas estreitas estradas do norte. Primeiro foi con Ferre, ese tranvía sen condutor, co que paseamos cara ao oeste, ata subirmos, nunha mañá nevada, o Old Man Storr. Logo foi con Henri, máis cara ao norte, e a neve bloqueounos nunha pequena vila, cando tomabamos sopa de queixo e chirouvías nun bar supergalego. Vimos abadías a leste, norte e oeste, tamén castelos, e pequenas pousadas, e esculturas dos vellos escritores e inventores destas terras. Vimos o mar en moitos portos distintos e cubrimos infinidade de paisaxes, que agora non son capaz de estremar e que se mesturan todas unhas sobre das outras, como un mazacote de avecrem con vales, montañas, soutos, coníferas, rúas, penedos, praias, turfeiras e praderías.
Pero sobre todo vímolos a eles: aos verderolos e os cardeais daquel bar de estrada; ás lebres, aos coellos, ás perdices das terras baixas; aos faisáns, centos deles mortos, milleiros aínda vivos; ao raposo que fuxía dos faros; ás focas, nadando e secando ao sol preto de inverness; aos corvos brancos, aos miñatos, aos peneireiros, ás avefrías; ás barnaclas e aos gansos pacer nos seus rabaños; e aos cervos. Centos de cervos. Os cervos que, empurrados pola neve das montañas, roían tranquilamente na beira das estradas. Cervos illados, ás veces cervos vellos; outras cervos en manda, en grupos dunha ducia, ou de tres ducias; femias e machos de cervo, cervos deitados e cervos asustados, botándose á carreira; cervos tantos e tan preto como nunca antes vira.
Todos eles están aí fóra, e deben andar flipando.

mazaricos

MazaricoO plan era botar un apracible domingo de inverno no campo, pedalando. Saín cedo no tren, recollín unha rarita ex-compañeira de traballo en embiburgo e seguimos en tren cara ao norte. Da outra beira do estuario botamos a roda á pista coa intención de seguir a rota británica número 1. Ao pouco detense Biografía-Francesa e sinálame un campeiro lateral. Mira, que son iso? Eu díxenlle que pombas, ela retrucou que gaivotas, e ao final resultaron ser dúas ducias de mazaricos pacendo, logo voando, logo outra vez pacendo.
A rota 1 pasa beireando a fea vila de dunfermline, e sen moita transición, métese nun ilóxico subir e baixar de outeiros, arrodeado de natureza inhóspita e bastante esgrevia. De cando en vez brillaba o sol, e neses momentos podiamos arrecender a lá das ovellas e escoitar o grallar dos corvos sobre o bosque. Foron 30 millas que nos levaron ata a ribeira do lago Leven pra ver gansos, patos brancos, lavancos, cisnes, e ata un raposo: e unhas cantas ducias máis de mazaricos, pacendo tamén de forma desordenada nos arrós das ribeiras.
Á volta descendeu o frío sobre a terra, e a choiva, e o vento, e a escuridade. Cansos e feridos, con algo de febre no meu caso, collimos o tren de volta á casa. Pero así é a fin do inverno, así é. En tres semanas moitos deses mazaricos xa non pacerán por aquí. E nós xa non lembraremos o frío.

mételle aí

Samuel John PeploeUn inagardado erro de planificación dos meus velloucáns compañeiros de atletismo déixame tres horas libres no medio da xornada do domingo, así que opto por visitar o museo da cidade. O museo de glaspop, nacido do depósito de diversos materiais no edificio que deixou baleiro a exposición universal, é a mellor definición da cidade. En poucos espazos pódense ver xuntos, practicamente un riba do outro, unha xirafa disecada, un avión da segunda guerra, unha colección de embutidos, outra de botas vellas, uns cantos fósiles, unha vitrina dedicada á invención da máquina de vapor e do chuvasqueiro, un par de momias exipcias, unha sala consagrada ás relacións da cidade co western e polo medio numerosas pinturas de artistas escoceses e de fóra. E alí, naquel recanto escuro que lles quedou no fondo do segundo andar, mételle aí un par de degas e un pissarro, por non tirar con eles.

inicio

Carboneras

 

Praia de Carboneras (spain). Primeiros instantes do primeiro día do ano. Sol. Logo area. Tamén primeiro baño no mar. Con Barataria.

spain, 2

La RinconadaAgora que xa botei máis dun ano en chucheland, visitar españa é un acontecemento turístico espectacular, un descenso a un terceiro mundo ruidoso, ateigado de coches, fume e contaminación e inzado de cousas paveras que, como a calquera británico amante de españa, me resultan fascinantes. En concreto, o barrio onde vive Barataria é unha vella urbanización, antes poboada por xitanos e agora por romaneses e onde todas as rúas se chaman con nomes tirados da novelística cervantina. A maior parte dos coches levan a fiestra baixa a pesar da xiada, e pola música, a todo dar, berran flamenco, reguetón ou techno romanés, pero entre eles, aquí e acolá, aparecen os lentos e longos coches grises, poeirentos, dos que baixaron das aldeas nos sesenta pra traballar na fábrica da Roca. Así tamén quedan moitas tendas pequenas, xogueterías, froiterías ou talleres mecánicos, entre os novos bares de polacos e búlgaros, entre os locutorios e as perruquerías de estilo latino e algún outro banco dedicado ao envío de diñeiro a plovdiv ou medellín.
Este caleidoscopio confuso é o que eu vexo dende a fiestra do baixo de barataria, e flípame.

ombreiro

Ganso bicocurtoO obxectivo da saída en bici non era superar as millas do outro día, anque lle andou perto (34). Tratábase de aproveitar a probable última finde libre deste outono e engraxar os ollos de paisaxe. Tamén quería ver os gansos. Sabía que estaban aí, que é o tempo de velos cruzar, e cando me desvío polos campos entre thornhill e callander, aló aparecen. Primeiro riscando o ceo en formación, e logo xa un cento ou quizais dous entre as pallas abertas das colleitas pasadas, facendo ese ruído máxico e enxordecedor do canto e do bater das ás en voo, que me fai brillar os ollos como a nils holgersson.
En callander virei de novo ao leste. Xa pasara paisaxes de prado, de ovellas, e ducias e ducias de bagañas vermellas diferentes (acivros, cancereixos e demais rosáceas), e tamén subira por unhas costas de coníferas vellas, e toxos, pero estrañamente aínda non vira faisáns. Ao pouco collín unha pista entre as montañas, fermosísima, chea de outeiros e lombas, e ao deixar moi atrás xa o lene runrún do último motor (unha pequena rozadora de xardín), comezo a sentir o bater de ás axitado na beiravía. Ao primeiro non os vexo, só escoito o seu pánico, pero logo xa me vai coincidindo de cruzalos pola estrada, de ver como corrican polos campos, e de asustalos severamente cando tomo rápido unha curva pechada e eles están acobillados ao pé do arró: saen, berran, voan, declarándolles ao universo coas súas plumas de todas as cores que son demasiado fermosos pra morreren esmagados por unha bicicleta. Nun poste á saída da curva, agarda o seu momento un miñato: el tamén atopa fascinante o ruído do faisán.
Deixo atrás este combate e concéntrome en aguantar. É algo menos de distancia cá última vez, pero moito máis dura, e por fin chego a doune, e logo a dunblane, e como quero evitar a estrada párome pra mirar o mapa: pero as forzas xa non son moitas, e as zapatas de freo menos: boto o pé antes de que a bicicleta estea quieta, moito antes, e nun momento todo o mundo revira, e cae, e decátome de que entre a bicicleta e a estrada hai o corpo dun home, e de que son eu.
Así que dolorido emprendo as últimas cinco millas e cando chego a casa vexo o resultado no xeonllo e sobre todo no ombreiro: había maneiras menos dorosas de dicirme “estás vivo”, diaños.

38 millas

Forth and Clyde CanalComo Fai vive na zona sur da cidade, teño que cruzar todo o centro de glaspop a primeira hora da mañá: os edificios arrubían co sol, escintila o río, e os buses pásanme bruando a rentes cargadiños de inmigrantes. É a hora de entrar a traballar. Gasto parte da miña pacencia tentando seguir os indicadores pra bicis que moveron os borrachos, pero ao final, orientándome polo sol e por un mapa, chego á canle á altura de Maryhill.
Bótome a circular en dirección leste pola corredoira que vai pegadiña á auga. No primeiro cruzamento teño dúbida, pero un veciño desdentado indícame, si, por aí, por onde mataron a Eddie, e efectivamente a rota cara ao norte está enfeitada con coroas, ramos e fotos dun neno de 14 anos, con pucha e camiseta azul dos rangers. A pista é chá e agradábeis son as vistas sobre a cidade, que queda atrás, e o horizonte de auga e cisnes, cisnes nados aquí, de cisnes nados aquí de cisnes que tamén naceron aquí, e que non soltou o concello. Á esquerda queda a canle, e algún paseante con can, e algún pescador que gusta da mañanciña. Á dereita van correndo os paxaros ao meu paso, remudándose uns noutros, como xogando, e agochándose entre as bagañas vermellas dos cancereixos, xa sen follas, pra que eu non saiba se esa lista que vin nun repente era dun xílgaro, ou máis probablemente dun cardeal.
Cando chego a kilsyth, viro á esquerda e inicio o ascenso á montaña. Poño 1/1 nos cambios e déixome levar, pero incluso así as ramplas son moi fortes. Os cardeais deixáronlle sitio aos chascos, que triscan o aire no curuto dos valados, e os cisnes son agora ovellas, cun branco lixeiramente máis roñoso. Subo, e cústame a diola, e ás veces paro pra comer unhas amoras e coller algo de folgos. Pero despois inicio a baixada cara a vilamarple a toda velocidade por estradas fermosísimas, sen coches, sen ruídos, e cruzo con coellos, esquíos e ata co cadáver dun teixugo nunha gabia, morto por accidente ou vítima primeira da campaña de terror contra o teixugo que desataron os informativos esta mañá.
Ao chegar á casa, o noso veciño Albert está ao seu, trasplantando unhas margaridas amarelas no xardín. Dime, parece que vés de lonxe. Eu sorríolle, tiro o casco, e dígolle oufano que si, que de 38 millas ao sudoeste.